Pyracantha coccinea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espiño de fogo
Pólas de Pyracantha coccinea con drupas pomos
Pólas de Pyracantha coccinea con drupas pomos
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Spiraeoideae
Tribo: Pyreae
Xénero: Pyracantha
Especie: P. coccinea
Nome binomial
'Pyracantha coccinea'
M.Roem.

Pyracantha coccinea M.Roem. (chamado normalmente en galego espiño de fogo ou piracanto[1]) é unha especie botánica da familia das Rosáceas. É endémica do sueste de Europa, e da China centromeridional. O seu uso en Galiza é ornamental e resérvase á xardinaxe privada, para crear cerramentos e valados espiñentos, ou coma sebe nas autoestradas.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten un aspecto moi semellante ao xénero Cotoneaster, co que se pode chegar a confundir, mais a maior diferenza é que no xénero Pyracantha as follas son dentadas e ademais son espiñentos.

Arbusto perenne ou semiperenne, resistente, de 1,5 a 2 m de altura, aínda que pode pasar dos 3 m. Toro de cor parda cinsenta, pólas espiñentas e intricadas. Follas coriáceas, pecioladas, dentadas, lanceoladas, alternas, brillantes pola face.

Florea na primavera; as flores son moi abundantes, abrancazadas ou amarelas claras miúdas e en acios, con cinco pétalos arredondados. Os froitos maduran dende a fin do verán até o outono; son miúdos e aseméllanse ás mazás bravas ou peros, avermellados, alaranxados ou amarelos; ficando nas pólas durante o outono e mais no inverno. Ten propiedades adstrinxentes e é alimento de numerosos paxaros; para o ser humano non é velenosa mais si algo agre, porén, pode ser cociñada para facer xeleas e marmeladas.

Abrangue dende o sur de Europa até Asia occidental. Cultívase en América do Norte e Europa occidental (incluíndo Galiza) como planta ornamental.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Mespilus foi descrito por Max Joseph Roemer e publicado en Familiarum Naturalium Regni Vegetabilis Monographicae 3: 219–220. 1847.[2]

Variedades
  • Pyracantha coccinea var. implexa Lavallée
  • Pyracantha coccinea var. lalandei hort. ex Dippel
  • Pyracantha coccinea var. lalandei Lavallée[3]
Sinonimia
Flor do espiño de fogo
  • Cotoneaster pyracantha (L.) Spach
  • Crataegus pauciflora André
  • Crataegus pyracantha (L.) Medik.
  • Gymnopyrenium pyracantha (L.) Dulac
  • Mespilus pauciflora Poir.
  • Mespilus pyracantha L.
  • Pyracantha coccinea var. pauciflora (Poir.) Dippel
  • Pyracantha lucida de Vos
  • Pyracantha pauciflora (Poir.) M.Roem.
  • Pyracantha pyracantha (L.) Voss
  • Pyracantha spinosa de Vos
  • Pyracantha vulgaris Lothelier
  • Timbalia pyracantha (L.) Clos[3]
Variedades de espiños de fogo coas bagas de diferentes cores

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Real Academia Galega non recolle estes termos comúns polo de agora, mais son os coincidentes noutras linguas coma o castelán, portugués e inglés.
  2. Pyracantha coccinea en Trópicos
  3. 3,0 3,1 Pyracantha coccinea en Catalogue of life

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]