Punta Levallois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Punta Levallois

A Punta Levallois é unha punta lítica e un tipo específico de lasca Levallois, recoñécese, en primeiro lugar, pola súa morfoloxía triangular, coidada e bastante regular ou simétrica, co vértice puntiagudo sempre oposto ao talón, é dicir, situado na zona distal da lasca. Esta morfoloxía non é arbitraria, pois foi preconcibida e ideada mediante unha preparación especial do núcleo (incluída dentro do concepto máis amplo denominado técnica Levallois); este tipo de preparación coñécese como predeterminación da peza antes da súa extracción. O segundo atributo que as distingue é o nervio que parte do ápice distal desenvolvéndose cara á zona proximal, sen que necesariamente teña que chegar a ela. Só cando existe ese nervio a peza pode considerarse unha Punta Levallois. Os estudos da tecnoloxía prehistórica, demostran que hai varios modos de obter ese nervio, François Bordes experimentou un que cunha soa preparación previa, permite obter dúas puntas sucesivas que el chama «de primeira orde» e «de segunda orde»; Jacques Tixier ofrece outras alternativas nas que non necesariamente se obteñen varias puntas sucesivas. Debido á necesaria e complexa preparación que teñen este tipo de pezas, as puntas Levallois considéranse útiles de seu, sen ser preciso que se observe nelas retoque ou pegadas de uso, con todo existe a posibilidade de que aparezan retocadas, como ocorre coas denominadas puntas de El-Emireh e de Soyons.