Pula (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros usos da palabra, véxase a páxina de homónimos Pula

Pula (moeda)
Código:BWP
Ámbito:Botswana Botswana (oficial).
Cimbabue Cimbabue (non oficial).
Símbolo:P
Fracción:100 thebe.
Moedas:5, 10, 25 e 50 thebe.
1, 2 e 5 pula.
Billetes:10, 20, 50, 100 e 200 pula.
Emisor:Bank of Botswana.
Taxa de troco:
9-01-2021
1 EUR = 13,51 BWP
1 USD = 11,02 BWP[1]
Troco actual

Pula é a unidade monetaria oficial da República de Botswana desde 1976, dividido en 100 thebe.

O seu código ISO 4217 é BWP e o seu símbolo monetario é P.[2][3]

Denominación[editar | editar a fonte]

"Pula" é unha palabra do idioma setswana que significa, literalmente, "choiva". O feito de recorrer a este termo para designar a moeda débese a que a choiva é un ben moi escaso en Botswana e, xa que logo, é moi valiosa.[4][5] A palabra "pula" é tamén o lema nacional do país.[6]

Tanto esta denominación como a da súa moeda divisionaria, o thebe (que significa "escudo"), foron escollidas mediante consulta popluar.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Cando Botswana acadou a súa independencia en 1966 adoptou como moeda o rand surafricano, dado que o novo Estado formaba parte da Área Monetaria Rand (RMA). No entanto, o 6 de setembro de 1974 adoptouse a decisión de abandonar a RMA, o que requiría a adopción dunha nova moeda, que entrou en circulación o 23 de agosto de 1976, que a partir de entón pasou a celebrarse como Pula Day ("día do pula" e "día da choiva").[4]

Os primeiros billetes foron impresos pola compañía británica Thomas de la Rue e as primeiras moedas foron cuñadas pola Royal Mint, de Londres. A nova moeda cambiábase á par co rand surafricano e inicialmente estableceuse un prazo de 100 días para completar o proceso de substitución.[4]

Moedas[editar | editar a fonte]

Moeda de 2 pula de 2004 (desmonetizada).[7]

En 1976 puxéronse en circulación por primeira vez as moedas divisionarias cos valores de 1, 5, 10, 25 e 50 thebe,[4] así como a de 1 pula; a primeira delas de aluminio, a de 5 thebe de bronce e as restantes de cuproníquel. Todas elas eran de forma redonda, agás a de 1 pula, que era festonada con 12 lóbulos. En 1981 completouse a serie circulante cunha moeda de bronce de 2 thebe, de forma dodecagonal, conmemorativa do Día Mundial da Alimentación da FAO, emisión que se repetiu en 1985.[8]

En 1991 actualizouse o deseño das moedas de 5 thebe (aceiro bañado en bronce), das de 10, 25 e 50 thebe (agora de aceiro bañado en níquel), e tamén da de 1 pula, que pasou a ser máis pequena, de aliaxe de níquel-latón e de forma equilátera con sete caras curvadas. En 1994 engadíuselle a esta segunda serie o valor de 2 pula, de níquel-latón e cunha forma similar, e en 2004 cambiou a súa composición polo aceiro revestido de latón, e cun tamaño lixeiramente máis pequeno.[8]

Logo da retirada da circulación das moedas de 1 e de 2 thebe en 1991 e en 1998, respectivamente, introducíronse unhas moedas novas de 5, 10, 25 e 50 thebe: as de 5 e de 25 thebe con sete caras e as de 10 e 50 thebe de forma redonda. En 2000 engadiuse á serie unha moeda bimetálica de 5 pula, cun núcleo de cuproníquel e un aro exterior de aluminio-níquel-bronce.[8]

Finalmente, en 2013 entrou en circulación unha nova serie completa de moedas e todas as que ata ese momento estaban en circulación foron desmonetizadas o 28 de agosto de 2014, aínda que continuaron a poder cambiarse polas novas durante cinco anos, ata o 28 de agosto de 2019.[8][9]

Moedas en circulación
Imaxe Valor Datas Metal Diámetro Peso Grosor Canto Anverso Reverso
5 thebe

[10]

2013 Aceiro bañado en níquel. 18 mm

(heptagonal)

2,218 g 1,3 mm Liso Escudo de Botswana Bucerótido.
10 thebe

[11]

2013 Aceiro bañado en níquel. 20 mm 2,8 g 1,4 mm Estriado Oryx gazella.
25 thebe

[12]

2013 Aceiro bañado en níquel. 22 mm

(heptagonal)

4,2 g 1,6 mm Liso Cebú.
50 thebe

[13]

2013 Aceiro bañado en níquel. 24 mm 5,3 g 1,8 mm Estriado Haliaeetus vocifer.
1 pula

[14]

2013

a

2016

Aceiro bañado en bronce. 26 mm 7,8 g Liso Cebra.
2 pula

[15]

2013

a

2016

Núcleo: aceiro bañado en bronce.

Aro: aceiro bañado en níquel.

27 mm 7,3 g 2 mm Estriado Rinoceronte.
5 pula

[16]

2013

a

2016

Núcleo: cuproníquel.

Aro: latón.

28 mm 8,7 g 2,2 mm Segmentado Gonimbrasia belina.

Billetes[editar | editar a fonte]

O 23 de agosto de 1976, o Banco de Botswana puxo en circulación billetes cos valores de 1, 2, 5 e 10 pula,[4] e o 16 de febreiro de 1978 o de 20 pula. Os de 1 e de 2 pula foron substituídos por moedas en 1991 e en 1994. O 29 de maio de 1990 introduciuse o billete de 50 e o 23 de agosto de 1993 o de 100 pula. O de 5 pula foi substituído por unha moeda do mesmo valor en 2000. Os billetes de 1, 2 e 5 pula da primeira serie foron desmonetizados o 1 de xullo de 2011.[17]

A serie en circulación foi introducida o 23 de agosto de 2009 e inclúe por primeira vez un billete de 200 pula.[4][18][19] Do mesmo xeito que os billetes emitidos anteriormente, os billetes foron impresos no Reino Unido pola compañía Thomas de la Rue.[17]

Como consecuencia da deficiente calidade dos billetes de 10 pula, o Bank of Botswana anunciou en novembro de 2017 a creación dun novo billete feito en polímero, e este foi posto en circulación o 1 de febreiro de 2018.[20][21][22]

Billetes en circulación (emisión de 2009)
Imaxe Valor Tamaño (cm) Anverso Reverso
Anverso Reverso
10 pula

[23]

132 x 66 Presidente Ian Khama Edificio do parlamento, Gaborone.
20 pula

[24]

138 x 69 Kgalemang Tumediso Motsete Equipamento mineiro.
50 pula

[25]

144 x 72 Presidente Seretse Khama. Pantanos do delta do Okavango.
100 pula

[26]

150 x 75 Tres xefes (Sebele I, Bathoen I, Khama III) Minaría do diamante.
200 pula

[27]

156 x 78 Profesora e alumnos. Cebras.

Uso en Cimbabue[editar | editar a fonte]

Por mor da hiperinflación en Cimbabue a partir de 2006, o Goberno de Botswana permitiu a circulación de moeda estranxeira no seu territorio a partir de setembro de 2008. O dólar de Cimbabue declarouse obsoleto o 12 de abril de 2009 e varias divisas, entre elas o rand surafricano e o pula de Botswana, circularon en Cimbabue, xunto cos billetes e as moedas bono cimbabuenses.[28]

Porén, en setembro de 2019 o Goberno de Cimbabue anuncou que o pula de Botswana e o resto das divisas estranxeiras deixaban de ter curso legal no país, que adoptaba novamente o dólar cimbabuense como única moeda ofical, en forma de bonos, coñecido tamén como dólar RTGS.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cambio entre pula, euro e dólar. Nataf.net
  2. "World Currency Symbols". Xe.com
  3. "Códigos de divisas por países". Iban.com
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "History of Botswana Currency". Bank of Botswana.
  5. "Pula currency". FactRepublic.com
  6. "Botswana Flag". Know Botswana.
  7. "2 Pula 2004". Numista.com
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 "Botswana. Pula (1976-date)". Numista.com
  9. "New Family of Coin". Bank of Botswana.
  10. "5 Thebe". Numista.com
  11. "10 Thebe". Numista.com
  12. "25 Thebe". Numista.com
  13. "50 Thebe". Numista.com
  14. "1 Pula". Numista.com
  15. "2 Pula". Numista.com
  16. "5 pula". Numista.com
  17. 17,0 17,1 "Botswana". Banknote.ws
  18. "Botswana new note family (B124a – B128a) confirmed". BanknoteNews.com
  19. "Botswana new date (2014) 200-pula note (B128d) confirmed". BanknoteNews.com
  20. "Botswana new 10-pula polymer note (B129a) confirmed". BanknoteNews.com
  21. "Khama Launches New Bank Notes". MMegi Online.
  22. "10 Pula 2018". Banknote.ws
  23. "10 Pula". Banknote.ws
  24. "20 Pula". Banknote.ws
  25. "50 Pula". Banknote.ws
  26. "100 Pula". Banknote.ws
  27. "200 Pula". Banknote.ws
  28. Judias Peter Sai (2014). "The Benefits of the Multi-Currency System to Micro, Small and Medium Enterprises (MSMEs) in Zimbabwe". En International Journal of Management Sciences. Research Academy of Social Sciences. Vol. 4(5). Páxinas 231-240.
  29. "Zimbabwe declares interim RTGS dollar its sole legal currency". Reuters. 12 de setembro de 2019.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]