Psicoloxía evolucionista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A psicoloxía evolucionista propón que a psicoloxía e a conduta dos humanos e primates poden ser entendidas coñecendo a súa historia evolutiva. Especificamente, propón que a mente dos primates, incluído o home, está composta de moitos mecanismos funcionais chamados adaptacións psicolóxicas ou mecanismos psicolóxicos evolucionados (EPMs) que se desenvolveron mediante selección natural por ser útiles para a supervivencia e reprodución do organismo. A psicoloxía evolucionista tenta explicar características mentais da especie humana (tales como a memoria, a percepción, a lingua, e fundamentalmente as emocións) como adaptacións: é dicir, como os produtos funcionais da selección natural, á súa vez forzada pola competencia para sobrevivir e reproducirse. Este enfoque adaptativo é o empregado para entender o resto dos mecanismos biolóxicos como, por exemplo, o sistema inmunitario. A psicoloxía evolucionista aplica este mesmo principio á psicoloxía.

Dado que a evolución dos homínidos (até chegar ó Homo sapiens actual) produciuse en medios ancestrais totalmente diferentes ó actual, os psicólogos evolutivos toman como referencia as condicións existentes naqueles medios prehistóricos. Postúlase, por exemplo, que os seres humanos desenvolveron unha capacidade mental especial para a adquisición da fala en forma naturalmente automática nos primeiros anos de vida. Pero loxicamente non herdaron unha capacidade de lectura e escritura que foron culturalmente desenvolvidas. Outras adaptacións inclúen a capacidade de ler as emocións dos demais, a capacidade de discernir parentes de non familiares, a habilidade de identificar e seleccionar unha parella, e a propensión para axudar e actuar en forma altruísta cara ós seus conxéneres.

Charles Darwin propuxo a teoría da selección natural como mecanismo para explicar a evolución biolóxica no século XIX, teoría que se reforzou cos descubrimentos posteriores das ciencias biolóxicas e a xenética. O propio Darwin, e varios científicos do século XX tentaron conciliar esta teoría co estudo analítico da conduta social de distintas especies, incluídos os insectos sociais (formigas e abellas), os mamíferos en xeral, e os primates en particular.