Proteus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre as bacterias Proteus. Existen tamén o xénero de anfibios Proteus, e hai un satélite natural, un deus e un film chamados Proteo ou Proteus.

Proteus é un xénero de bacterias gramnegativas con forma de bacilo. Están amplamente distribuídas na natureza vivindo como saprófitos en materia animal en descomposición, augas residuais, chans con esterco, e nas feces humanas e animais. Son patóxenos oportunistas, xeralmente responsables de infeccións sépticas e urinarias, a miúdo nosocomiais (hospitalarias).

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

Tres especies (P. vulgaris, P. mirabilis, e P. penneri) son patóxenos oportunistas humanos. Proteus inclúe patóxenos responsables de moitas infeccións urinarias humanas.[1] P. mirabilis causa feridas e infeccións do tracto urinario. A maioría das cepas de P. mirabilis son sensibles á ampicilina e cefalosporinas. P. vulgaris non é sensible a ditos antibióticos. Porén, este organismo íllase no laboratorio con pouca frecuencia e xeralmente só ataca a individuos inmunodeprimidos. P. vulgaris aparece de forma natural nos intestinos de humanos e de moitos animais, e no esterco, solo, e augas polucionadas. P. mirabilis, unha vez que chega ao tracto urinario, infecta os riles con maior probabilidade ca E. coli. P. mirabilis atópase a miúdo como organismo de vida libre nos solos e augas.

Aproximadamente o 10-15% dos cálculos renais son cálculos de estruvita (cristais de fosfato de amonio e magnesio), causados pola alcalinización da urina pola acción do encima urease (que rompe as moléculas de urea en amoníaco e dióxido de carbono) de Proteus e outras especies bacterianas.

Identificación[editar | editar a fonte]

As especies de Proteus normalmente non fermentan a lactosa, pero algunhas especies si teñen a capacidade de facelo nos tubos da proba TSI (triple sugar iron, triplo azucre e ferro). Como pertencen á familia Enterobacteriaceae, os seus caracteres xerais aplícanse ao xénero. É oxidase negativa pero positiva nas probas da catalase e nitrato. Probas específicas son a proba da urease, que é positiva e serve para diferenciar Proteus de Salmonella, e a proba da fenilalanina desaminase, positiva.

Para distinguir especies considérase fiable a proba do indol (de degradación de triptófano), que é positiva para Proteus vulgaris pero negativa para Proteus mirabilis. A maioría das cepas producen unha potente encima urease, excepto algunhas cepas.

As especies poden ser móbiles,[2] e presentar un tipo característico de "enxameamento" (swarming motility), na que as bacterias se moven coordinadamente, agrupándose formando certos patróns xeométricos na placa de cultivo.[3][4] Fundamentais para este comportamento son os antíxenos somático O e flaxelar H, chamados así segundo a nomenclatura de Kauffmann-White. Este sistema de nomenclatura está baseado nas observacións históricas de Edmund Weil (1879-1922) e Arthur Felix (1887-1956) sobre a presenza de finas películas superficiais producidas por cepas de Proteus flaxeladas que crecían en ágar, que lembraban ao aspecto dun cristal embazado pola condensación da respiración. As variantes flaxeladas (móbiles, enxameantes) foron designadas formas H (do alemán Hauch, película, literalmente alento ou néboa); as variantes non flaxeladas (non móbiles, non enxameantes) crecen como colonias illadas e non presentan a película superficial e denomínanse formas O (do alemán ohne Hauch, sen película).[5][6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guentzel MN (1996). Escherichia, Klebsiella, Enterobacter, Serratia, Citrobacter, and Proteus. In: Barron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. (via NCBI Bookshelf). 
  2. Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  3. Rauprich O, Matsushita M, Weijer CJ, Siegert F, Esipov SE, Shapiro JA (1996). "Periodic phenomena in Proteus mirabilis swarm colony development". J. Bacteriol. 178 (22): 6525–38. PMC 178539. PMID 8932309. 
  4. Matsuyama T, Takagi Y, Nakagawa Y, Itoh H, Wakita J, Matsushita M (2000). "Dynamic aspects of the structured cell population in a swarming colony of Proteus mirabilis". J. Bacteriol. 182 (2): 385–93. PMC 94287. PMID 10629184. doi:10.1128/JB.182.2.385-393.2000. 
  5. Weil, E. & Felix, A. (1917) Wien. Klin. Wschr. 30, 1509, cited in Smith, R.W. & Koffler, H., Bacterial Flagella, In Advances in Microbial Physiology, Vol. 6 (A.H. Rose & J.F. Wilkinson, Eds.), p. 251, Academic Press, 1971
  6. Rietschel, E.T. & Westphal, O. Endotoxin: Historical Perspectives, In Endotoxin in Health Disease (H. Brade, Ed.), p. 11, CRC Press, 1999.
  7. Hahon, N., Ed. Selected Papers on the Pathogenic Rickettsiae, p. 79, Harvard University Press, 1968.