Propodeo
En zooloxía denomínase propodeo ao primeiro segmento (tagma) abdominal dos insectos himenópteros da suborde dos apócritos (abellas, avespas e formigas).[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome científico propodeo é a adaptación do latín científico propodeum, alteración de propodeon, e está formado pola unión dos elementos pro- e -podeo, derivados do grego antigo πρό pro, "antes, diante de", e πόδιον pódium, "pé", respectivamente.[2]
Estrutura
[editar | editar a fonte]Este segmento fusionouse co tórax para formar o mesosoma. É un só esclerito grande, non subdividido, e ten un par de espiráculos. Está fortemente constrinxido posteriormente para formar a articulación do pecíolo, e dá aos apócritos a súa forma distintiva.[3] Os segmentos restantes do abdome levan o nome de metasoma ou, máis propiamente, gáster, neste grupo de himenópteros.
Pode haber unha sutura entre o propodeo e o tórax, como nos sínfitos,[4] ou non, e a presenza ou ausencia desa sutura pode axudar na identificación de espécimes.
Noutros grupos de animais
[editar | editar a fonte]Crustáceos
[editar | editar a fonte]Nos crustáceos o propodeo é o nome do cuarto segmento do endopodio dos apéndices, situado entre o carpo e o dáctilo.[1]
Moluscos
[editar | editar a fonte]Nalgúns moluscos gasterópodos mariños que viven en substratos brandos, o propodeo é a rexión anterior do pé, modifidada como unha gran sola en forma de pá, adaptada para a escavación.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Garrido, Carlos (1997): Dicionário Terminológico Quadrilíngue de Zoologia dos Invertebrados. Alemám, Inglês, Espanhol, Galego-Português. A Coruña: AGAL. ISBN 84-8730-512-1.
- ↑ propodeum no Merriam-Webster Dictionart.
- ↑ propodeum, propodeal en bugguide.net (en inglés).
- ↑ Malkiat S. Saini & Surjit S. Dhillon (1980): "Metapleural Transformations with Respect to Propodeum and Metapostnotum in Hymenoptera". The Florida Entomologist' 63 (3): 286-292. Consultado o 9 de xuño de 2021.