Saltar ao contido

Promoción da saúde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Promoción da saúde
 Instancia de
 Subclase de
Identificadores
Freebase/m/08w4br Editar o valor en Wikidata
MeSHD006293 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC185618831 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons

A promoción da saúde é, segundo a Carta de Ottawa para a Promoción da Saúde da Organización Mundial da Saúde (OMS) de 1986, o “proceso de capacitar ás persoas individual e colectivamente para incrementar o control sobre os determinantes de saúde e así poder mellorar a súa saúde”.[1] Trátase dun proceso político e social global que inclúe as accións dirixidas a fortalecer as habilidades e as capacidades das persoas, e as dirixidas a modificar os determinantes sociais, ambientais e económicos de saúde para optimizar o seu impacto positivo na saúde pública e persoal.[2]

A saúde fai referencia a un termo dinámico. Non obstante, habitualmente abórdase desde a perda, é dicir, desde enfermidades ou factores de risco. A promoción da saúde recoñece a saúde como un concepto positivo que se centra nos factores que contribúen á mesma, sen enfocarse unicamente no tratamento e na cura. Busca que todas as persoas desenvolvan o seu maior potencial de saúde, tendo en conta os activos da comunidade e as condicións sociais subxacentes que determinan unha mellor ou unha peor saúde (os determinantes sociais da saúde), sabendo que para alcanzar a equidade é necesario unha redistribución do poder e dos recursos.[2][3]

A abordaxe da promoción da saúde implica unha maneira particular de colaborar, pois parte das diferentes necesidades da poboación, fomenta as súas capacidades e fortalezas, é participativa, intersectorial, sensible ao contexto e opera en múltiples niveis.[2] Neste sentido, existen tres elementos clave:[3]

Bo goberno para a saúde

[editar | editar a fonte]

A promoción da saúde esixe que os responsables políticos de todos os departamentos gobernamentais sitúen a saúde como eixe central das súas políticas. Para iso, deben considerar as implicacións para a saúde en todas as súas decisións e priorizar as políticas que favorecen á prevención de enfermidades e que protexen de lesións.

Estas políticas deben estar apoiadas por regulacións que compatibilicen os incentivos do sector privado cos obxectivos de saúde pública. Un exemplo sería a implantación de políticas fiscais sobre produtos prexudiciais para a saúde como o alcol, o tabaco ou os alimentos con alto contido en graxas, azucres e sal; e a aplicación de medidas que impulsen o comercio noutros ámbitos.

Ao mesmo tempo, é fundamental que as opcións saudables sexan accesibles para todos. Este enfoque baséase na premisa de que a saúde está determinada por múltiples factores alleos ao control directo da saúde como a educación, os ingresos e as condicións de vida individuais e que as decisións tomadas por outros sectores poden afectar á saúde das persoas e modificar os patróns de distribución de enfermidades e mortalidade.

Alfabetización en saúde

[editar | editar a fonte]

As persoas necesitan adquirir os coñecementos, as habilidades e a información necesaria para tomar decisións que contribúan á súa saúde. Para iso, necesitan contar cun ambiente no que teñan a oportunidade de esixir novas medidas políticas para mellorar a súa saúde.

Cidades saudables

[editar | editar a fonte]

O enfoque dun ambiente saudable ten a súa orixe na estratexia Saúde para Todos da OMS, que se enmarca na Carta de Ottawa para a Promoción da Saúde. Os principios clave inclúen a participación comunitaria, a colaboración, o poder e a equidade. O programa máis coñecido e cun gran éxito é o de Cidades Saudables.

As cidades desempeñan un papel fundamental na promoción da saúde. Un liderado e un compromiso firme a nivel municipal son esenciais para unha planificación urbana saudable e para o desenvolvemento de medidas preventivas nas comunidades e nos centros de atención primaria. Este representa o comezo para acadar un país saudable e, á súa vez, un mundo máis saudable.

Estratexias e áreas de acción establecidas na Carta de Ottawa

[editar | editar a fonte]

Ao mesmo tempo, a Carta de Ottawa identifica tres estratexias básicas para a promoción da saúde:[4]

  1. A avogacía pola saúde, co fin de crear as condicións sanitarias esenciais.
  2. Facilitar que todas as persoas poidan desenvolver por completo o seu potencial de saúde.
  3. Mediar a favor da saúde entre os distintos intereses da sociedade.

Á súa vez, estas accións apóianse en cinco áreas de acción prioritarias, entre as que se encontran:

  1. Establecer unha política pública saudable. A saúde debe formar parte dunha axenda política dos gobernos. Os sectores que participan na creación de políticas deben ser conscientes do impacto que teñen as súas decisións na saúde. Por iso, é fundamental o activismo.
  2. Crear contornas que apoien a saúde. Os medios ambientes físicos e sociais inflúen directa ou indirectamente na saúde, coa existencia de químicos nocivos no medio ou ao promover hábitos de alimentación prexudiciais, respectivamente.
  3. Fortalecer a acción comunitaria para a saúde. A participación activa da comunidade pódese observar na definición de prioridades, nos programas de acción, na toma de decisións e na execución dos programas de promoción da saúde.
  4. Desenvolver as habilidades persoais. A través de certas canles como a familia, a escola ou os centros de traballo pódese fomentar a aprendizaxe e a mellora de condutas saudables na poboación.
  5. Reorientar os servizos sanitarios. Débese salientar a promoción e prevención da saúde e a atención primaria, en vez da atención médica curadora.

Declaración de Yakarta

[editar | editar a fonte]

A Declaración de Yakarta sobre a maneira de guiar a promoción da saúde cara o século XXII (1997), confirma que as estratexias e áreas de acción mencionadas con anterioridade son esenciais para todos os países. Ademais existe unha clara evidencia de que:[5]

  • Os enfoques globais para o desenvolvemento da saúde que combinan varias das cinco estratexias son os máis eficaces.
  • Os escenarios para a saúde ofrecen oportunidades prácticas para a aplicación de estratexias globais.
  • A participación é esencial para soster os esforzos. As persoas teñen que ser o centro da acción da promoción da saúde e dos procesos de toma de decisións para que estes sexan eficaces.
  • A alfabetización sanitaria ou aprendizaxe sanitario fomenta a participación. O acceso á educación e á información é fundamental para conseguir unha participación efectiva, ao igual que o poder das persoas e das comunidades.

Así, a Declaración de Yakarta identifica cinco prioridades de cara á promoción da saúde no século XXI:

  1. Promover a responsabilidade social para a saúde.
  2. Incrementar as inversións para o desenvolvemento da saúde.
  3. Expandir a colaboración para a promoción da saúde.
  4. Incrementar a capacidade da comunidade e o poder dos individuos.
  5. Garantir unha infraestrutura para a promoción da saúde.

Educación para a saúde

[editar | editar a fonte]

A educación para a saúde comprende as oportunidades de aprendizaxe creadas conscientemente e que supoñen unha forma de comunicación destinada a mellorar a alfabetización sanitaria, incluída a mellora do coñecemento da poboación en relación coa saúde e o desenvolvemento de habilidades persoais que favorezan a saúde individual e a da comunidade. Deste xeito, inclúe tanto a transmisión da información como o fomento da motivación, as habilidades persoais e a autoestima necesarias para adoptar medidas encamiñadas a mellorar a saúde. Tamén aborda os factores e comportamento de risco, ademais da utilización do sistema de asistencia sanitaria.[5]

Trátase dunha ferramenta fundamental para a promoción da saúde, que se debe levar a cabo no ámbito sanitario, educativo e comunitario; incluíndo neste último o ámbito laboral.

  1. "Ministerio de Sanidad - Domaines - Promoción de la Salud y Prevención". www.sanidad.gob.es. Consultado o 2025-09-18. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Promoción de la salud". Organización Panamericana de la Salud-Organización Mundial de la Salud, Región de las Américas (en castelán). 2025-09-15. Consultado o 2025-09-18. 
  3. 3,0 3,1 "Health promotion". www.who.int (en inglés). Consultado o 2025-09-18. 
  4. "Health Promotion Glossary of Terms 2021". www.who.int (en inglés). Consultado o 2025-09-18. 
  5. 5,0 5,1 Organización Mundial de la Salud (1998). "Promoción de la Salud. Glosario". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]