Programa Lunar Orbiter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Lunar Orbiter 1, a primeira das sondas do programa Lunar Orbiter.

O programa Lunar Orbiter foi un programa de sondas espaciais da NASA lanzadas entre 1966 e 1967 mediante foguetes Atlas-Agena D para orbitar e cartografiar a superficie da Lúa en preparación ás misións tripuladas do proxecto Apollo.[1][2]

Características[editar | editar a fonte]

O obxectivo do programa Lunar Orbiter era cartografiar a superficie luar mediante fotografías tomadas por satélites en órbita da Lúa. Lanzáronse cinco Lunar Orbiter, os cinco exitosos. O programa cubríu o 99% da superficia da Lúa, tanto da cara visible como do lado oculto, cunha resolución de ata 1 metro. En total os satélites devolveron 2180 imaxes en alta resolución e 882 de resolución media. Os satélites levaban un experimento de micrometeoros que rexistrou un total de 22 impactos durante a duración das misións (dúas ordes de magnitude maior que no espazo interplanetario pero lixeiramente inferior ó fluxo no espazo próximo á Terra). Un experimento de radiación a bordo do satélites confirmou que o material, instrumentos e naves do proxecto Apolo serían suficientes para protexer ós astronautas. Ademais, os satélites serviron para avaliar o sistema de comunicacións e seguimento que sería usado no proxecto Apolo.[1][2]

A forma do corpo principal dos satélites era de cono truncado de 1,65 m de altura e 1,5 m de diámetro na base. O corpo estaba dividido en tres seccións horizontais: unha para a instrumentación científica e as comunicacións, e as outras dúas para o sistema de propulsión. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares que lle daban unha envergadura de 3,72 m ao satélite e subministraban ata 375 vatios de potencia a unha batería de níquel-cadmio cunha capacidade de 12 amperios-hora. As comunicacións tiñan lugar ben mediante unha antena de alta ganancia situada no extremo dun mastro de 1,32 m de lonxitude que sobresaía da base dos satélites ou ben mediante unha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,08 m de lonxitude.[1][2]

O sistema de obtención de imaxes de cada Lunar Orbiter consistía en dúas cámaras: unha cunha lente de 80 mm para fotografía de resolución media e outra cunha lente de 610 mm para fotografías de alta resolución. As fotografías rexistrábanse no mesmo rolo de película fotográfica de 70 mm mediante unha secuencia automática. A película era revelada a bordo e logo escaneada para ser transmitida a terra como sinal de video.[1][2]

Tódolos Lunar Orbiter acabaron estrelados contra a Lúa ao final das súas misións.[1][2]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Voo[2] Data[2][1] Carga[2][1] Resultado[2][1] Notas
1 10 de agosto de 1966 Lunar Orbiter 1 Éxito
2 6 de novembro de 1966 Lunar Orbiter 2 Éxito
3 5 de febreiro de 1967 Lunar Orbiter 3 Éxito
4 4 de maio de 1967 Lunar Orbiter 4 Éxito
5 1 de agosto de 1967 Lunar Orbiter 5 Éxito

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Lunar Orbiter" (en inglés). 2011. http://astronautix.com/craft/lunbiter.htm. Consultado o 13 de xullo de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Lunar Orbiter 1, 2, 3, 4, 5" (en inglés). Gunter's Space Page. 2011. http://space.skyrocket.de/doc_sdat/lunar-orbiter.htm. Consultado o 13 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Programa Lunar Orbiter

Outros artigos[editar | editar a fonte]