Profeta Habacuc (Donatello)
| Profeta Habacuc | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
|
Material
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||
O profeta Habacuc chamado popularmente Zuccone, é unha escultura realizada por Donatello para as fornelas da terceira orde do lado norte do Campanario de Giotto da Catedral de Santa María del Fiore, que data de 1423-1435. Realizado en mármore branco, a tamaño natural (195 x 54 x 38 cm), consérvase no Museo dell'Opera del Duomo de Florencia. É a primeira obra asinada por Donatello.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]O profeta Habacuc estaba tan pouco idealizado, con trazos faciais irregulares e cabelo case completamente rapado, que os florentinos o alcumaron "Zuccone" (en galego, cabeza de cabaza). As estatuas deste lado foron as catro últimas esculpidas entre 1420 e 1435 e estaban destinadas orixinalmente ao lado norte, o menos visible porque era o máis próximo á parede da catedral. Porén, unha vez rematadas, os responsables da Catedral quedaron tan satisfeitos coas obras que as colocaron no lado oeste, o máis importante porque ía paralelo á fachada, trasladando as máis antigas de Andrea Pisano e o seu obradoiro. Co adianto de 22 floríns recibidos pola obra, Donatello puido aboar os seus impostos atrasados.
As outras tres estatuas deste lado son un Profeta, anteriormente identificado como o Xoán Bautista, de Nanni di Bartolo (c. 1425; a sinatura de Donatello na base é certamente posterio[2]), o Profeta Xeremías, tamén de Donatello (1427-1435), e o Abdías, tamén de Nanni di Bartolo (c. 1422).
Vasari, nas súas Le Vite, lembra como o Zuccone foi retratado como un adversario dos Medici, un tal Giovanni Chiericini, que se fixera rico do nada e morrera en Florencia en 1416. Vasari tamén relata varias anécdotas sobre a estatua, como que Donatello xuraba por ela, como se xura pola cousa máis prezada, ou o feito de que a miúdo a convidaba a falar:[3] un topos ligado ás grandes obras mestras da escultura, segundo as cales o único que lles falta é a fala para estar vivas, debido ao seu extraordinario realismo.
As estatuas dos nichos foron trasladadas ao museo en 1937 e substituídas no exterior por copias. Ennegrecidas polos elementos, en 2022 estaban a ser limpas e restauradas. O Zuccone está entre as xa restauradas.
Descrición e estilo
[editar | editar a fonte]O suxeito da estatua non se identifica con absoluta certeza, debido a un posible intercambio de posicións co Xeremías nun momento non especificado. Non obstante, os nomes das dúas estatuas quedaron inextricablemente ligados ao longo dos séculos, facendo que a cuestión fose secundaria (de certo, Pijoan afirma que o Zuccone é a representación de Xeremías).[3] Ademais, a iconografía de Habacuc é a dun ancián, mentres que Xeremías aparece de mediana idade. A obra está asinada na basecoa inscrición: Opus Donatelli.
Habacuc é quizais a estatua máis lograda de toda a serie do campanario, considerada entre as obras mestras de Donatello e da escultura renacentista en xeral. En comparación coas obras anteriores de Donatello (como as tres estatuas do lado leste), mostra un forte naturalismo e unha significativa intensificación da expresión.
O profeta está retratado completamente calvo (de aí o nome popular) e asceticamente delgado, vestindo unha longa túnica que cae do seu ombreiro esquerdo, creando profundos pregamentos verticais —anticlásicos porque non se adaptan ao corpo— que enfatizan a maxestade da figura, pero tamén o seu tormento interior. A boca entreaberta, os ollos afundidos e a calvicie penetran nos trazos do suxeito, transcendendo calquera sensación grotesca cun intenso realismo. A mirada é intensa e dirixida cara abaixo, cara aos espectadores ideais da obra, cuxo nicho estaba situado a unha altura considerable.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Profeta Habacuc |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Janson, H. W.; Janson, A. F. (1988). Historia del arte para jóvenes (en castelán). Madrid: Ediciones Akal. ISBN 9788476002681.
- Pijoan, José (1916). Historia del Arte (tomo III: El Renacimiento, Arte Barroco, El Neoclasicismo, Arte Contemporáneo) (en castelán). Barcelona: Salvat Editores.
- VV.AA. (2000). Il museo dell'Opera del Duomo a Firenze (en italiano). Florencia: Mandragora. ISBN 88-85957-58-7.
- Wirtz, Rolf C. (1998). Donatello 1386-1466 (en inglés). Colonia: Könemann. ISBN 3-8290-0244-0.