Presidente de Finlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Presidente de Finlandia
Suomen tasavallan presidentti
Republiken Finlands president
Flag of the President of Finland.svg
Estandarte presidencial
President Trump Meets with the President of the Republic of Finland (48834298167) (cropped).jpg

ResidenciaMäntyniemi, Helsinqui
SedePalacio Presidencial, Helsinqui
ÁmbitoFinlandia Finlandia
Designado porSufraxio directo
Duración6 anos, renovable unha vez
Primeiro titularKaarlo Juho Ståhlberg
Creación26 de xullo de 1919
Salario126 000 € anuais[1]
Sitio webpresidentti.fi

O Presidente da República de Finlandia (en finés: Suomen tasavallan presidentti, en sueco: Republiken Finlands president) é o Xefe de Estado de Finlandia. O posto foi creado en 1919. Ten unha duración de 6 anos e desde o ano 1994 ningún presidente pode ser electo para máis de dous mandatos consecutivos. Só poden ser presidentes cidadáns nados en Finlandia.

De 1919 a 1987 o presidente era elixido por un colexio electoral. As eleccións de 1988, porén, fixéronse con dous sistemas paralelos: se ningún candidato alcanzaba a maioría no voto directo o presidente sería elixido novamente mediante o sistema de colexio electoral. Tal complicación desapareceu nas eleccións seguintes, pois desde 1994 a elección do presidente realízase de modo directo e se ningún candidato alcanza a maioría, os dous candidatos máis populares van a unha segunda volta.

O actual presidente é Sauli Niinistö, elixido en 2012 e reelixido en 2018.[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Despois da independencia e da Guerra civil finlandesa debateuse moito a cuestión de se Finlandia debía ser unha república ou unha monarquía constitucional e o resultado foi un compromiso: unha presidencia bastante forte ao estilo dunha monarquía, con grande competencias sobre os asuntos exteriores de Finlandia, o nomeamento do goberno e os cargos públicos. A Constitución cambiouse en 2000, para redistribuír parte deste poder ao Parlamento e ao goberno. A Constitución especifica que se deben seguir os principios do parlamentarismo. Dende as reformas o presidente xa non pode nomear ao primeiro ministro ou a ministros individuais de xeito independente. Por exemplo, este poder foi usado anteriormente para formar gobernos onde o partido con máis votos quedou excluído. En canto ao dereito a disolver o Parlamento, a consulta co primeiro ministro e os líderes dos grupos parlamentarios fíxose obrigatoria antes de que o Parlamento puidese disolverse e ordenar novas eleccións. Ademais, algúns poderes de nomeamento, como o nomeamento de gobernadores provinciais e xefes de departamento nos ministerios, foron transferidos ao goberno.

Xefes de Estado prerrepublicanos[editar | editar a fonte]

Dende a declaración da independencia de Finlandia o 6 de decembro de 1917 ata o final da guerra civil finlandesa en maio de 1918, Pehr Evind Svinhufvud foi o xefe de Estado da Finlandia Branca na súa condición de presidente do Senado. Entre maio de 1918 e xullo de 1919, Finlandia tivo dous rexentes (en finés: valtionhoitaja, en sueco: stathållare) e, por un tempo, un rei electo, aínda que este renunciou ao trono:

Título[editar | editar a fonte]

Oficialmente, o xefe de Estado de Finlandia chámase "presidente da República de Finlandia" (en finés: Suomen tasavallan presidentti, en sueco: Republiken Finlands president) abreviado máis a miúdo como "presidente da República" (tasavallan presidentti, republikens president). Os ex presidentes conservan o título de "presidente".

Elección[editar | editar a fonte]

Os candidatos a presidente poden ser nomeados por partidos rexistrados que obtiveran polo menos un escano nas eleccións parlamentarias anteriores. Un candidato tamén pode ser nomeado por 20.000 cidadáns con dereito a voto. Entre 1919 e 1988, o presidente foi elixido indirectamente por un colexio electoral composto por electores elixidos polos votantes nas eleccións presidenciais. Nas eleccións presidenciais de 1988, celebráronse eleccións directas e indirectas en paralelo: se ningún candidato obtiña unha maioría absoluta, o presidente era elixido por un colexio electoral formado nas mesmas eleccións. Desde 1994, o presidente é elixido por votación popular directa.

Se só fora nomeado un candidato, ese candidato será nomeado presidente sen eleccións. En caso contrario, a primeira quenda de votacións debe ter lugar o terceiro domingo de xaneiro do ano electoral. As eleccións celébranse a dúas voltas. Se un dos candidatos recibe máis da metade dos votos emitidos, ese candidato é elixido presidente. Se ningún candidato gaña a maioría absoluta na primeira volta, as dúas primeiras candidaturas volven someterse ás urnas na segunda volta tres semanas despois. O candidato con máis votos na segunda volta é proclamado presidente. En caso de empate, a elección resólvese por sorteo. O goberno confirma o resultado das eleccións e, se é necesario, realiza o sorteo. O presidente asume o cargo o primeiro día do mes seguinte ás eleccións (xa sexa o 1 de febreiro ou o 1 de marzo, dependendo de se houbese unha ou dúas voltas).

Houbo varias eleccións presidenciais excepcionais. O primeiro presidente, Kaarlo Juho Ståhlberg, foi elixido polo parlamento finlandés debido á norma de transición da constitución e tamén pola lei marcial. En 1940 e 1943, o colexio electoral de 1937 elixiu o presidente, xa que se considerou que non se podían organizar unhas eleccións populares debido á lei marcial (1940) e á Guerra de Continuación (1943). En 1944, unha lexislación especial estipulaba directamente que o mariscal Mannerheim fose elixido presidente durante seis anos despois de que Risto Ryti renunciase a metade de mandato. En 1946, a lexislación especial fixo que o Parlamento elixise un sucesor para o resto do mandato de Mannerheim (ata 1950), tras a súa renuncia. O Parlamento elixiu entón ao primeiro ministro Juho Kusti Paasikivi como presidente. En 1973, unha lexislación especial ampliou o mandato do presidente Urho Kekkonen por catro anos ata 1978, cando foi reelixido regularmente.

Toma de posesión[editar | editar a fonte]

O presidente electo, acompañado do presidente do parlamento e do presidente saínte, asume o cargo o primeiro día do mes seguinte ás eleccións facendo unha declaración solemne tanto en finés como en sueco nunha cerimonia na Casa do Parlamento. A declaración concrétase na sección 56 da Constitución:

  • En finés: "Minä N.N., jonka Suomen kansa on valinnut Suomen tasavallan presidentiksi, vakuutan, että minä presidentintoimessani vilpittömästi ja uskollisesti noudatan tasavallan valtiosääntöä ja lakeja sekä kaikin voimin edistän Suomen kansan menestystä".
  • En sueco: "Jag N.N., som av Finlands folk har valts till president för republiken Finland, försäkrar att jag i utövningen av presidentämbetet redligt och troget skall följa republikens konstitution och lagar samt efter all min förmåga främja det finska folkets välfärd".
  • En galego: "Eu, NN, a quen o pobo de Finlandia elixiu presidente da República de Finlandia, afirmo que na execución do meu cargo como presidente observarei sincera e fielmente a Constitución e as leis da República e facer o posible para promover o benestar do pobo finlandés".

O mandato do presidente electo comeza no momento en que se fixo a afirmación solemne (sobre as 12:20 do día da toma de posesión). Despois da inauguración, o novo presidente, acompañado do seu antecesor, inspecciona a garda de honra fóra da Casa do Parlamento.

Sesións presidenciais de goberno[editar | editar a fonte]

O presidente exerce os seus poderes gobernamentais "en consello" co goberno finlandés, ao modo da curia regis real. A sesión presidencial (presidentin esittely) celébrase normalmente unha vez por semana. Establécese un quórum de cinco ministros e o Chanceler de Xustiza tamén está presente. Na sesión, os respectivos ministros presentan o tema e unha proposta de decisión. Con base á proposta, o presidente toma a súa decisión. O presidente poderá non aceptar a proposta e devolvela ao goberno para a súa reconsideración. Non hai votación e normalmente non hai discursos á parte das mencionadas propostas. Excepto as aprobacións de novas leis e nomeamentos, o goberno pode presentar o tema ao parlamento, que tomará a decisión final sobre este asunto a proposta do goberno.[4]

Dereitos e poderes[editar | editar a fonte]

As funcións e competencias do presidente están directamente definidas na Constitución. Ademais das especificadas alí, o presidente tamén cumpre as funcións asignadas ao presidente noutras leis. Segundo a Constitución de Finlandia, o poder executivo está atribuído ao presidente e ao goberno, que deben gozar da confianza do parlamento. Este principio reflíctese noutras disposicións da constitución sobre as funcións e competencias do presidente sobre lexislación, decretos e nomeamento de cargos públicos. A tradición dita que o presidente ao asumir o cargo renuncia a calquera afiliación de partido durante o tempo que dure o seu mandato, para que poida permanecer por riba da política.

Orixinalmente o presidente tiña un poder executivo bastante amplo, especialmente no ámbito da política exterior.[5] As modificacións constitucionais promulgadas en 1999 reduciron un pouco os poderes do presidente, e agora este comparte a autoridade executiva co primeiro ministro. Non obstante, os presidentes aínda se consideran un elemento de estabilidade, xa que é case imposible para un partido gañar unha maioría absoluta no Parlamento.[5]

Convocatoria de eleccións anticipadas[editar | editar a fonte]

Por proposta do primeiro ministro, o presidente pode, despois de consultar cos grupos parlamentarios e mentres o parlamento estea en sesión, ordenar a celebración de eleccións parlamentarias anticipadas. O novo Parlamento é elixido para un mandato normal de catro anos. O propio Parlamento pode decidir cando finalizar a súa sesión antes do día das eleccións. De 1919 a 1991 o poder do presidente para ordenar eleccións anticipadas non estaba limitado e podía facelo sempre que o considerase necesario. Os presidentes ordenaron eleccións parlamentarias anticipadas en sete ocasións. O presidente declara aberta cada sesión anual do parlamento e pecha a última sesión anual. Isto faise cun discurso en cada cerimonia de apertura e peche.

Nomear e cesar ministros[editar | editar a fonte]

O primeiro ministro e outros membros do goberno son nomeados e cesados polo presidente da República. Despois das eleccións parlamentarias ou en calquera outra situación onde o goberno renunciou, o presidente, tendo en conta o resultado das consultas entre os grupos parlamentarios e escoitado o punto de vista do presidente do Parlamento, presenta un candidato a primeiro ministro ao parlamento. Se o Parlamento o confirma coa maioría dos votos emitidos, o presidente procederá a nomear ao primeiro ministro e a outros ministros. O presidente está constitucionalmente obrigado a destituír a un goberno ou a calquera ministro no caso de que ese goberno perdese a confianza do Parlamento.

Poderes de nomeamento[editar | editar a fonte]

O presidente nomea os seguintes cargos:

  • Gobernador e outros membros do consello do Banco de Finlandia
  • Chanceler e Vicechanceler de Xustiza
  • Fiscal e vicefiscal xeral
  • Embaixadores e xefes de misións diplomáticas no estranxeiro
  • Executivo da Kela (Institución de Seguridade Social)
  • Secretario xeral e moderadores da oficina do presidente da República

A maioría do proceso de nomeamento realízase no respectivo ministerio: A Oficina do Presidente non tramita os preparativos nin as presentacións do nomeamento. Con todo, algúns presidentes teñen usado estes poderes publicamente, incluso contra a recomendación interna da Oficina.

Ademais, o presidente nomea ou dá comisión a:

  • Oficiais das Forzas Armadas Finlandesas e da Garda Fronteiriza Finlandesa
  • Xuíces permanentes, entre eles os presidentes e membros doTribunal Supremo e do Tribunal Administrativo Supremo, presidentes e membros dos tribunais de apelación e dos tribunais administrativos de apelación

Relacións internacionais[editar | editar a fonte]

O presidente dirixe a política exterior de Finlandia en cooperación co Consello de Estado. As disposicións dos tratados e outras obrigas internacionais que afectan a lexislación nacional son aplicadas por medio do parlamento. En caso contrario, as obrigas internacionais son aplicadas por un decreto presidencial. O presidente toma decisións sobre a guerra ea paz coa asentimento do parlamento.

Lexislación[editar | editar a fonte]

O presidente debe asinar e aprobar todos os proxectos de lei adoptados polo Parlamento antes de que se convertan en lei. O presidente debe decidir sobre a ratificación no prazo de tres meses desde a recepción do proxecto de lei e pode solicitar unha opinión do Tribunal Suprema ou do Tribunal de Administración Supremo antes de dar o seu consentimento. Se o presidente rexeita a proposta ou non decide o asunto a tempo, o Parlamento debe reconsiderar a proposición de lei e pode reeditalo coa maioría dos votos emitidos. A proposta entrará entón en vigor sen ratificar. Se o Parlamento non consigue emendar a proposición de lei, enténdese que caducou. Os vetos presidenciais xeralmente teñen éxito ao evitar que os proxectos de lei se convertan en lei.

Indultos[editar | editar a fonte]

En casos individuais, o presidente ten o poder de conceder o indulto de calquera pena de prisión, multa ou falta. Unha amnistía xeral require da aprobación do parlamento.

O poder do indulto converteuse no instrumento para limitar a cadea perpetua a 12 anos ou máis, xa que os sucesivos presidentes acabaron indultando a todos os condenados a perpetua. No outono de 2006, o poder de indultar a condenados con cadea perpetua foi trasladada á Corte de Apelacións de Helsinqui, rematando así o peculiar acordo onde o presidente exercía o poder xudicial. Con todo, mantense o poder presidencial de outorgar indultos. O seu uso diminuíu co actual presidente, Sauli Niinistö, que exerceu o poder en escasas ocasións.[6]

Comandante en xefe das Forzas Armadas[editar | editar a fonte]

O presidente da República é o comandante en xefe das Forzas Armadas de Finlandia, pero pode delegar esta posición noutro cidadán finlandés. A delegación do cargo de comandante en xefe é unha excepción ao principio de que o presidente non pode delegar funcións noutros. A última vez que se produciu foi na Segunda Guerra Mundial (ao mariscal de campo Carl Gustaf Emil Mannerheim). O presidente encarga aos oficiais e decide sobre a mobilización das Forzas Armadas. Se o Parlamento non está en sesión cando se toma a decisión de mobilización, deberá convocarse inmediatamente. Como comandante en xefe, o presidente ten o poder de emitir ordes militares sobre directrices xerais para a defensa militar, cambios significativos na preparación militar e os principios segundo os que se aplique a defensa militar.

O presidente toma as decisións sobre as ordes militares xunto co primeiro ministro e o ministro de Defensa. Tamén decide os nomeamentos militares xunto co ministro de Defensa.

Poderes de emerxencia[editar | editar a fonte]

Segundo a Lei de Preparación, en circunstancias excepcionais, o presidente pode emitir un decreto que autorice ao goberno a exercer poderes de emerxencia de ata un ano. O decreto debe ser presentado ao Parlamento para a súa aprobación. Se os poderes dispoñibles baixo a Lei de Preparación resultan inadecuados en caso de emerxencia, poderanse asumir poderes adicionais segundo a Lei de Estado de Defensa. O presidente poderá declarar un estado de defensa mediante decreto durante un máximo de tres meses inicialmente. Se é necesario, pódese ampliar por un ano como máximo. Tamén se pode declarar estado de defensa nunha rexión do país. O decreto debe ser sometido ao parlamento para a súa aprobación.

Condecoracións[editar | editar a fonte]

O presidente, como Gran Mestre, concede condecoracións e medallas pertencentes á Orde da Rosa Branca de Finlandia, á Orde do León de Finlandia e á Orde da Cruz da Liberdade a cidadáns finlandeses e estranxeiros. Así mesmo, outorga títulos honoríficos.

Discursos[editar | editar a fonte]

O presidente pronuncia varios importantes discursos e declaracións públicas cada ano. O máis salientable é o discurso anual de aninovo o 1 de xaneiro e o discurso deapertura de cada sesión anual do parlamento.

Salario[editar | editar a fonte]

O presidente recibe un salario anual de 126.000 euros. O salario e outras prestacións están exentos de todos os impostos. Anteriormente a 2013 o salario era de 160.000 euros pero reduciuse por iniciativa de Sauli Niinistö.[7]

Residencias oficiais[editar | editar a fonte]

O presidente utiliza tres propiedades con fins residenciais e hospitalarios: o Palacio Presidencial e Mäntyniemi, ambos en Helsinqui e Kultaranta en Naantali, na costa oeste, preto de Turku.

Incapacidade e sucesión[editar | editar a fonte]

O presidente de Finlandia non ten vicepresidente. Se o presidente non puidera desempeñar as súas funcións de forma temporal, o primeiro ministro ou o viceprimeiro ministro pasa a ser presidente en funcións ata que cese a incapacidade do presidente. Se o presidente morre no cargo ou se o goberno declara que o presidente é permanentemente incapaz de desempeñar as funcións do cargo, debe elixirse un novo presidente canto antes. Se o presidente, o primeiro ministro e o viceprimeiro ministro non están dispoñibles temporalmente, o ministro máis lonxevo do goberno, en anos de servizo, convértese no presidente en funcións. O parlamento pode anular estas normas mediante unha emenda constitucional de emerxencia aprobada por unha maioría de polo menos 5/6, e fíxoo en varias ocasións.

Destitución[editar | editar a fonte]

Se o Chanceler de Xustiza, o defensor do Parlamento ou o goberno consideran que o presidente é culpable de traizón, alta traizón ou dun crime contra a humanidade, o asunto será comunicado ao parlamento. Se as tres cuartas partes dos votos emitidos no Parlamento deciden que se deben presentar cargos, o fiscal xeral debe procesar ao presidente no Tribunal Superior de Xustiza e o presidente absterse do cargo durante a duración do procedemento.

Lista de Presidentes de Finlandia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Palkkio ja eläke" (en finés). Consultado o 15 de maio de 2020. 
  2. "Inauguration of the President of the Republic of Finland, 1 February 2018" (en inglés). 29 de xaneiro de 2018. Consultado o 15 de maio de 2020. 
  3. "Discurso de toma de posesión de Sauli Niinistö" (en inglés). 1 de febreiro de 2018. Consultado o 15 de maio de 2020. 
  4. "presidentin esittely" (en finés). Consultado o 15 de maio de 2020. 
  5. 5,0 5,1 "Finlandia". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2020. 
  6. "Presidentti Niinistöltä ei tippunut rikollisille armoa: 17 anomusta, pyöreät 0 armahdusta - Myös jalkajousimurhaaja anoi armoa" (en finés). 27 de agosto de 2018. Consultado o 27 de maio de 2020. 
  7. "Palkkio ja eläke" (en finés). Consultado o 27 de maio de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]