Presidente de Bangladesh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Presidente da República Popular de Bangladesh
গণপ্রজাতন্ত্রী বাংলাদেশের রাষ্ট্রপতি
Selo presidencial
Titular
Abdul Hamid
Dende o 20 de marzo de 2013

TratamentoA Súa Honorable Excelencia
ResidenciaBangabhaban
SedeDacca
Designado porParlamento de Bangladesh
Creación26 de marzo de 1971
Primeiro titularSheikh Mujibur Rahman

O Presidente de Bangladesh (bengalí: বাংলাদেশের রাষ্ট্রপতি: — Bangladesher Raṣhṭrôpôti) é o Xefe de Estado de Bangladesh.

O cargo de presidente foi mudado tres veces dende a independencia de Bangladesh en 1971. No ano 1991, coa restauración dun goberno democraticamente elixido, Bangladesh adoptou unha democracia parlamentaria. O Presidente cumpre agora un papel practicamente cerimonial e é elixido polo parlamento.[1]

En 1996, o parlamento aprobou unha nova lexislación que aumentaba a autoridade executiva do Presidente, segundo o establecido na Constitución, despois de que o Parlamento fose disolto. O Presidente reside en Bangabhaban, onde ten o seu despacho e a residencia. O Presidente é elixido polos 300 parlamentarios nunha votación aberta, e xeralmente representa ao partido maioritario da lexislatura.[2][3][4] Continúa no seu cargo despois de caducar o prazo de cinco anos até que un sucesor sexa elixido para a presidencia.[2]

Poderes e deberes[editar | editar a fonte]

Actualmente, a pesar de que a posición do Presidente ostenta importancia de iure, os seus poderes de facto son maiormente cerimoniais.[1] A Constitución permite ao Presidente actuar só baixo consello do Primeiro Ministro e o seu gabinete.[2]

Poderes de nomeamento[editar | editar a fonte]

O Presidente pode nomear os seguintes cargos:[2]

  • Polo Artigo 56 (2), ao Primeiro Ministro e o seu gabinete, coa limitación de que o Primeiro Ministro debe ser un parlamentario que reciba a confianza da maioría da Cámara. O Presidente tamén pode destituír un membro do gabinete a petición do Primeiro Ministro.
  • Polo Artigo 95, ao Xefe de Xustiza e outros xuíces do Tribunal.
  • Polo Artigo 118, o Comisión Electoral de Bangladesh, incluíndo o Xefe.

Prerrogativa de indulto[editar | editar a fonte]

O Presidente ten a prerrogativa de indulto polo Artigo 49 da Constitución, que lle permite conceder o perdón a calquera, por riba de calquera veredicto dado por calquera tribunal de Bangladesh.[2]

Poderes lexislativos[editar | editar a fonte]

Segundo o Artigo 80, o Presidente pode rexeitar sancionar calquera proxecto de lei aprobado polo parlamento, devolvéndoo para revisión. Unha lei é promulgada só despois de que o Presidente a sancione. Mais cando o proxecto de lei é levado outra vez ao parlamento, se o presidente volve rexeitar a sanción, despois dun certo período de días, o proxecto será automaticamente transformado en lei e será considerado sancionado polo presidente.

Chanceler en Universidades[editar | editar a fonte]

O chanceler é unha posición titular nas Universidades de Bangladesh, sempre ocupada polo Presidente de Bangladesh baixo a Acta de Universidades Privadas de 1992.[5] A posición nas universidades públicas non está asignada ao presidente baixo ningunha acta ou lei (xa que a construción dunha universidade estatal en Bangladesh require un decreto para ser aprobada), mais foi o costume até agora nomear o presidente do país como chanceler de todas as universidades estatais.[6]

Proceso de selección[editar | editar a fonte]

Elixibilidade[editar | editar a fonte]

A Constitución de Bangladesh establece os requisitos necesarios para ser elixible como presidente.[7]

Unha persoa non poderá postularse á elección como Presidente se:

  • ten menos de trinta e cinco anos de idade, ou
  • non cumpre os requisitos para ser elixido parlamentario, ou
  • foi destituído da presidencia segundo os mecanismos indicados na Constitución.

Requisitos para a presidencia[editar | editar a fonte]

Segundo o Artigo 27 da Constitución, certas condicións exclúen a calquera cidadán de ser elixible nas eleccións presidenciais. Estas condicións son:

  • Ningunha persoa pode ostentar o cargo Presidente durante máis de dúas lexislaturas, sexan ou non consecutivas.
  • O Presidente non pode ser parlamentario, e se un parlamentario é elixido como Presidente debe deixar o seu escano en Parlamento no día no que acceda ao seu cargo como Presidente.

Proceso de elección[editar | editar a fonte]

Cando o cargo queda vacante, o novo Presidente é escollido polos membros do parlamento. A pesar de que as eleccións presidenciais implican votos reais dos deputados, estes tenden a votar para o candidato apoiado polos seus respectivos partidos. O presidente pode ser destituído por unha maioría de dous terzos do parlamento.

Xuramento ou declaración[editar | editar a fonte]

O Presidente ten que facer e subscribir na presenza do Portavoz do Jatiya Sangsad (o Parlamento), un xuramento ou declaración de que protexerá, preservará e defenderá a Constitución como segue:[8]

Eu, (nome), solemnemente xuro (ou afirmo) que cumprirei fidelmente as funcións do cargo de presidente de Bangladesh segundo a lei:

Que sosterei verdadeira fe e lealdade a Bangladesh.

Que preservarei, protexerei e defenderei a Constitución.

E que farei o correcto a todo tipo de persoas segundo a lei, sen medo nin favor, cariño ou mala vontade.

    - Artigo 148, Constitución de Bangladesh

Inmunidade[editar | editar a fonte]

O Presidente ten garantida inmunidade para todas as súas accións polo Artigo 51 da Constitución e non ten que responder ante ninguén polas súas accións, e non se lle poden imputar cargos criminais.[2] A única excepción a esta inmunidade é se o Parlamento busca a destitución do Presidente.

Sucesión[editar | editar a fonte]

O artigo 54 da Constitución de Bangladesh articula a sucesión do Presidente. Expón que en caso de ausencia debido a enfermidade ou outras razóns, o Portavoz do Jatiya Sangsad actuará como Presidente de Bangladesh até que o Presidente volva ás súas funcións.[2] Este artigo foi utilizado durante a ascensión do Portavoz Jamiruddin Sircar como Presidente en funcións do Estado tras a dimisión do presidente anterior A. Q. M. Badruddoza Chowdhury, e cando o Presidente Zillur Rahman non puido traspasar os seus poderes debido á súa enfermidade, e máis tarde, morte.[9][10]

Como Bangladesh é un sistema parlamentario, non ten vicepresidente. Con todo, durante o sistema presidencial de exercicio do poder, Bangladesh tivo un vicepresidente que asumía a función do Presidente na súa ausencia. O cargo foi abolido pola duodécima emenda á Constitución en 1991.[11]

Cesamento[editar | editar a fonte]

Un Presidente pode dimitir do seu cargo escribindo unha carta a man ao Portavoz. O Presidente tamén pode ser destituído polo Parlamento. En caso de destitución, o Parlamento debe acusar ao Presidente de cargos específicos, e investigalo o mesmo Parlamento, ou referilo a calquera outra institución para que o investigue. O Presidente terá o dereito a defenderse a si mesmo. Segundo a lei, o Presidente é destituído inmediatamente con dous terzos dos votos do Parlamento a favor, e o Portavoz ascende ao poder.[2]

Residencias oficiais e despacho[editar | editar a fonte]

A residencia presidencial principal en Bangabhaban está localizada en Dacca. Hai tamén un Palacio Presidencial en Uttara Ganabhaban no distrito de Natore.

Historia do despacho[editar | editar a fonte]

República parlamentaria (1971–74)[editar | editar a fonte]

Ao principio da guerra de independencia de Bangladesh en abril de 1971, establecéronse as Forzas Armadas de Bangladesh e o goberno no exilio. Despois de que se celebrase a cerimonia de xuramento en Meherpur, Kushtia, o goberno no exilio estableceu a súa sede central en Calcuta. O primeiro Presidente de Bangladesh en xurar no despacho foi Syed Nazrul Islam con Tajuddin Ahmad como Primeiro Ministro. Despois de acabada a guerra, Sheikh Mujibur Rahman converteuse en Primeiro Ministro coa elección do primeiro parlamento un ano máis tarde en xaneiro de 1972.

Máis tarde, en 1973, baixo unha constitución nova, quedou establecido un sistema parlamentario de goberno onde o presidente era o xefe de Estado nominal mentres todos os poderes executivos eran exercidos polo primeiro ministro. En 1974, o goberno do Primeiro Ministro Sheikh Mujibur Rahman cambiou do parlamentarismo a un sistema presidencial de partido único que prohibiu toda a prensa, actividades e partidos políticos baixo o Estado de Emerxencia.

Sheikh Mujibur Rahman

Sheikh Mujibur Rahman foi o aparente Presidente en funcións dun Estado aínda non chamado Bangladesh (durante a guerra de Liberación de Bangladesh, cando era aínda coñecido como Paquistán Oriental, antes de que se proclamara a súa captura e se levara presuntamente a Paquistán do Oeste e se encerrara nunha prisión paquistaní. O seu encarceramento por tanto resultou na súa ausencia durante a todo tempo que durou a guerra, que foi case un ano. Na súa ausencia, Syed Nazrul Islam, Vicepresidente do Goberno Provisional de Bangladesh foi nomeado Presidente en funcións). Foi o fundador de Bangladesh e recoñecido como o 'Pai da Nación de Bangladesh'. Encabezou a Liga Awami, exercendo como Presidente dende abril de 1971 a 1972; foi Primeiro Ministro dende 1972 e Presidente en 1975. Coñécese popularmente como "Xeque Mujib", e co título honorífico de Bangabandhu (বঙ্গবন্ধু, "Amigo de Bengala"). A súa filla máis vella Sheikh Hasina Wajed é a actual dirixente da Liga Awami e Primeira Ministra de Bangladesh. Sheikh Mujibur Rahman estableceu a política estatal de Bangladesh segundo catro principios básicos: nacionalismo, secularismo, democracia e socialismo.[12]

A Liga Awami gañou unha maioría masiva nas primeiras eleccións parlamentarias de Bangladesh en marzo de 1973, en gran parte debido ao carisma de Mujib. Con todo, o goberno de Mujib afrontou grandes desafíos, como a rehabilitación das millóns de persoas desprazadas en 1971, a organización das subministracións de comida, axudas de saúde e outras necesidades. Os efectos do ciclón de 1970 aínda se sentían, e a economía do estado quedou inmensamente deteriorada polo conflito. Economicamente, Mujib embarcouse nun programa de nacionalización enorme. A finais de ano, miles de bengalís chegaron dende Paquistán, e miles de non bengalís migraron a Paquistán, e aínda así moitos miles ficaron en campos de refuxiados.

Ditaduras e Sistema Presidencial (1974–91)[editar | editar a fonte]

En 1974, Mujib proclamou un Estado de Emerxencia. O parlamento de entón emendou a constitución para limitar os poderes das ramas lexislativas e xudiciais, estabeleceu unha presidencia executiva de partido único. Estes cambios foron acuñados como a "Segunda Revolución," por Sheikh Mujib.[13] Sheikh Mujib asumiu a presidencia. Todos os partidos políticos foron disoltos e un novo partido único foi creado como o 'Partido Nacional'. Foi chamado Bangladesh Krishak Sramik Awami League (BAKSAL), e todos os parlamentarios, asociacións e institucións semi-autónomas do goberno tiñan a obrigación de se uniren a el.[13]

Despois de que Bangladesh conseguira o recoñecemento da a maioría de países, Sheikh Mujib axudou a Bangladesh a entrar nas Nacións Unidas e o Movemento de Países Non Aliñados. Viaxou aos Estados Unidos, o Reino Unido e outras nacións europeas para obter asistencia humanitaria e de desenvolvemento para a nación. Asinou un tratado de amizade coa India, o cal prometía unha extensa asistencia económica e humanitaria e empezou a adestrar as forzas de seguridade de Bangladesh e as forzas persoais do goberno. Mujib forxou unha amizade próxima con Indira Gāndhi, alabando a decisión da India de interceder, e profesando admiración e amizade para coa India.

Fixo que o parlamento provisional escribise unha constitución nova, e proclamou os catro principios fundamentais de "nacionalismo, secularismo, democracia e socialismo," o cal sería coñecido como "mujibismo". Mujib nacionalizou centos de industrias e empresas así como terras e capitais abandonados e comezou unha reforma agraria en que favorecese aos millóns de labradores pobres. Fixo grandes esforzos para rehabilitar os 10 millóns estimados de refuxiados. A economía comezou a recuperarse e a fame foi reducida. Unha constitución foi proclamada en 1972 e celebráronse eleccións, nas que resultou gañador Sheikh Mujib e o seu partido cunha maioría absoluta. Ampliou os programas estatais deseñados para expandir a educación primaria, a sanidade, a alimentación, a sanidade, e o acceso á auga e á electricidade a través do país. Un plan de cinco anos presentado en 1973 centrou os investimentos estatais na agricultura, na infraestrutura rural e nas industrias do algodón.

Asasinato de Mujibur Rahman

A aplicación das reformas políticas prometidas foi lenta, e Mujib cada vez era máis criticado. En agosto de 1975, foi asasinado por oficiais de baixo e medio rango do exército, e foi formado un novo goberno, encabezado por un socio anterior, Khandakar Moshtaque. O goberno de Mushtaq foi derrubado por un golpe silencioso que ocorreu en 3 de novembro de 1975. Unha sublevación ocorreu catro días máis tarde, o 7 de novembro, resultando unha loita de poder, e o xeneral Ziaur Rahman apareceu na escena política volvendo ao cargo de Xefe de Persoal do Exército. Prometeu o apoio do exército ao goberno civil encabezado polo presidente, o Xuíz do Tribunal Supremo, Abu Sadat Mohammad Sayem. Como o país estaba nunha situación desperada de inestabilidade e inseguranza, a petición de Zia, Sayem promulgou a lei marcial, continuado o Estado de emerxencia de Sheikh Mujibur Rahman, e pouco despois substituíu a Abu Sadat Mohammad Sayem como Xefe Administrador da Lei Marcial (CMLA).[12]

Ziaur Rahman (BNP)

Inicialmente como deputado e CMLA, Ziaur Rahman buscou dinamizar a política e administración do goberno. Mentres continuaba a prohibición de Sheikh Mujibur Rahman dos partidos políticos, tentou revitalizar a burocracia, para comezar programas de desenvolvemento económicos novos. Un ano máis tarde, en novembro de 1976, Ziaur Rahman converteuse no Xefe Administrador da Lei Marcial. Asumiu a presidencia tras o retiro de Sayem 5 meses máis tarde, prometendo eleccións nacionais en 1978. Despois dun referendo de si ou non, Ziaur Rahman foi elixido presidente en 1978. O seu goberno levantou as restricións sobre os partidos políticos e animou a todos os partidos de oposición para participar nas eleccións parlamentarias pendentes. Liberou a prensa, e presentou unha economía de mercado. Máis de 30 partidos rivalizaron nas eleccións parlamentarias do 15 de febreiro de 1979, e cun apoio público masivo o partido de Zia, o Partido Nacionalista de Bangladesh (BNP), gañou 207 dos 300 escanos elixidos.

Ideoloxía islámica

Zia levou a nación nunha dirección nova, moi diferente da ideoloxía e a axenda da Liga Awami de Sheikh Mujibur Rahman e o BAKSAL.[14] Emitiu unha orde na que se proclamaban emendas á constitución, substituíndo o secularismo por un aumento da fe no seu creador. No preámbulo, inseriu a frase "Bismillahir-Rahmaanir-Rahim" (No nome de Alá, o Benefactor, o Misericordioso). No Aartigo 8 engadiuse a afirmación "fe e confianza absoluta no Todopoderoso Alá", substituíndo o compromiso co secularismo. O socialismo foi redefinido como "xustiza económica e social."[15] No artigo 25, Zia presentou o principio de que "o estado loitará por consolidar, preservar e fortalecer as relacións fraternais entre países musulmáns baseados na solidariedade islámica." Os cambios de Zia na constitución redefiniron a natureza da república eliminando o secularismo deseñado por Sheikh Mujib e os seus seguidores.[15] A educación relixiosa islámica foi introducida como materia obrigatoria nas escolas bengalís, coa opción para estudantes non musulmáns de aprender as súas relixións propias.[16]

En público, os discursos que formulou Zia empezaron expondo o "nacionalismo de Bangladesh," en oposición á idea de Mujib dunha identidade nacional bengalí. Zia resaltou a función nacional do islam (practicado pola maioría de habitantes de Bangladesh). Afirmando promover unha identidade nacional inclusiva Zia logrou chegar a minorías de non bengalís como os santals, garos, manipuris e chakmas, así como os falantes de urdú con orixe en Bihar. Con todo, moitos destes grupos eran maiormente hindús e budistas e foron afastados pola promoción de Zia do islam político. Nun esforzo para promover a asimilación cultural e o desenvolvemento económico, Zia nomeou unha Comisión de Desenvolvemento para os Outeiros de Chittagong en 1976, mais resistíase a un diálogo político cos representantes das tribos das montañas sobre o asunto da autonomía e a conservación da súa cultura.[17] O 2 de xullo de 1977 Ziaur Rahman organizou unha convención tribal para promover un diálogo entre o goberno e os grupos tribais. Con todo, a maioría dos aspectos culturais e políticos ficarían sen resolver e producíronse incidentes intermitentes de violencia entre comunidades durante o mandato de Zia.[17]

Reformas e relacións internacionais

Entre as accións notábeis de Ziaur Rahman como presidente están varias reformas radicais na infraestrutura e a diplomacia do país. O Presidente Zia sinalou con éxito os campos que poderían ser eficaz e exclusivamente decisivos para o desenvolvemento de Bangladesh e as súas reformas cubriron a infraestrutura política, económica, agrícola e militar de Bangladesh. A reorganización das relacións internacionais de Bangladesh son especialmente importantes porque tiveron unha influencia activa sobre a economía e a política. Bangladesh saíu do bloque Indo-Soviético e puxo freo á deterioración das relacións co mundo Occidental. Zia puxo atención á outra super-potencia oriental, a China, que máis tarde axudou a Bangladesh a recuperarse dos retrocesos económicos e a enriquecer o arsenal das súas forzas armadas.

O máis notábel da diplomacia reformada de Zia foi o establecemento dunhas magníficas relacións co mundo musulmán así como co Oriente Medio. O presente volume de recrutamento ultramarino de traballadores emigrantes de Bangladesh a varios países de Oriente Medio son resultado directo dos esforzos de Zia para desenvolver unha relación duradeira cos líderes do mundo musulmán. O propósito das relacións de Oriente Medio foi en gran parte económico mentres que a rápida mellora das relacións coa China foi particularmente realizada para a mellora das forzas armadas do país.

Durante o estudo das relacións internacionais de Zia podería ser suxerido que a atención á veciña India foi en gran parte ingorada. Mais puxo grande énfase nacooperación rexional particularmente con Asia Meridional. Isto fíxose evidente despois de que Zia tomara a iniciativa para fundar SAARC. O soño de Zia de que Bangladesh se involucrara nunha forte cooperación rexional foi cumprido catro anos do seu asasinato cando a SAARC foi fundada o 8 de decembro de 1985 cun papel chave das autoridades do Bangladesh daquel tempo.

Asasinato De Ziaur Rahman

En 1981, Zia foi asasinado por elementos disidentes do exército. O Vicepresidente de Xustiza Abdus Sattar xurou constitucionalmente como presidente en funcións. Declarou unha nova emerxencia nacional e anunciou eleccións en 6 meses. Nesas eleccións foi elixido presidente. Sattar foi un presidente ineficaz, e o Xefe de Persoal do Exército, o tenente xeneral. Hussain Muhammad Ershad asumiu o poder tras un sanguento golpe de Estado en marzo de 1982.

Hussain Muhammad Ershad (Partido Jatiya)

Como os seus predecesores, Ershad disolveu o parlamento, declarou a lei marcial, asumiu a posición de CMLA, suspendeu a constitución e prohibiu a actividade política. Ershad reafirmou a política exterior moderada e non aliñada de Bangladesh.[12]

En decembro de 1983, asumiu a presidencia. Durante os meses sequintes, Ershad buscou unha fórmula para as eleccións mentres trataba con ameazas potenciais ao orde público.[12]

O 1 de xaneiro de 1986, restauráronse moitos dereitos políticos, incluíndo o dereito a realizar grandes manifestacións públicas. Á vez, creouse o o Partido Jatiyo (Partido Popular), deseñado como vehículo político de Ershad para a transición desde a lei marcial. Ershad dimitiu como xefe de persoal do exército, retirouse do servizo militar, e foi elixido presidente en outubro de 1986. (Tanto o BNP e a Liga Awami rexeitaron presentar un candidato opositor).[12]

En xullo de 1987, os partidos de oposición uníronse por primeira vez en oposición ás políticas de goberno. Ershad declarou un estado de emerxencia en novembro, disolveu o parlamento en decembro, e anunciou eleccións parlamentarias para marzo de 1988.

Todos os partidos de oposición importantes rexeitaron participar. O partido de Ershad gañou 251 dos 300 escanos. Outros tres partidos políticos que participaron, así como un número de candidatos independentes, ocuparon os asentos restantes. Este parlamento aprobou un gran número de leis, incluíndo unha polémica emenda que convertía o islam na relixión estatal.

A mediados dos anos 90, a oposición ao goberno de Ershad aumentou. Os meses de novembro e decembro de 1990 estiveron marcados por folgas xerais, o aumento das protestas nos campus, manifestacións públicas, e unha desintegración xeral da lei e a orde. Ershad dimitiu en decembro de 1990.

Restauración do sistema Parlamentario (1991—presente)[editar | editar a fonte]

O sistema parlamentario democrático foi recuperado en 1991 cando Khaleda Zia se converteu na primeira muller que ocupaba o cargo de primeira ministra de Bangladesh por elección parlamentaria.

O Presidente é o Xefe de Estado, e cumpre agora un papel practicamente cerimonial e é elixido polo parlamento.[18] Con todo, os poderes do Presidente son substancialmente aumentados durante a posesión dun goberno en funcións, que é o responsábel da convocatoria de eleccións e transferencia de poder. Os membros do goberno en funcións teñen que ser apartidistas e teñen tres meses para completar a súa tarefa. Este arranxo de transición é unha innovación que foi iniciada por Bangladesh nas súas eleccións de 1991 e institucionalizado en 1996 pola súa 13.ª emenda constitucional.[11]

No goberno en funcións, o presidente ten o control sobre o Ministerio de Defensa, a autoridade para declarar un estado de emerxencia, e o poder de destituír ao Asesor en Xefe e outros membros do goberno provisional. Unha vez as eleccións foron celebradas e un goberno novo e o parlamento están formados, os poderes e a posición do presidente volve á súa función case cerimonial. O Asesor en Xefe e outros asesores do goberno en funcións deben ser nomeados nos 15 días seguintes á disolución do Parlamento.[19]

Lista de presidentes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "U.S. Relations With Bangladesh". www.state.gov (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2002. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Constitución de Bangladesh" (PDF) (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  3. "Reminiscence of a lost battle: Arguing for the revival of second schedule" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  4. "Acta de Elección Presidencial, 1991" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  5. "Acta de Universidades Privadas" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2018. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  6. "Chanceler" (en bengalí). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  7. "Copia arquivada" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  8. "Artigo 148" (PDF) (en inglés). p. 65. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de outubro de 2017. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  9. "Copia arquivada" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2012. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  10. "Portavoz exercendo como Presidente" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  11. 11,0 11,1 "Constitutional Amendments". www.en.banglapedia.org (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "The founder of Bangladesh" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  13. 13,0 13,1 "Bangladesh Krishak Sramik Awami League". www.en.banglapedia.org (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  14. "The Zia Regime and Its Aftermath, 1977-82" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  15. 15,0 15,1 "Government and Politics in South Asia" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2019. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  16. "Copia arquivada" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2007. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  17. 17,0 17,1 "Parbatya Chattagram Jana-Samhati Samiti". www.en.banglapedia.org (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 
  18. "Background Note: Bangladesh" Arquivado 23 de abril de 2019 en Wayback Machine., US Department of State, May 2007
  19. "Government of Bangladesh" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]