Saltar ao contido

Presidente de Angola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Presidente da República de Angola


ResidenciaPalacio Presidencial, Luanda
Designado porvoto popular
Duración5 anos (reelexible para outro mandato)
Creación11 de novembro de 1975

O Presidente de Angola cumpre a función de xefe de estado do seu país, e comandante en xefe das Forzas Armadas. O actual presidente é João Lourenço quen accedeu ao cargo en 2017.

A finais de 1975, Angola converteuse nun país independente cun sistema socialista unipartidista. Acto seguido foi proclamado primeiro presidente Agostinho Neto, do Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA), único partido aceptado, e enfrontado nunha dura guerra civil contra outros grupos opostos ideoloxicamente. Cando Neto morreu en 1979, José Eduardo dos Santos sucedeuno como presidente interino até setembro dese mesmo ano.

Coa caída do bloque comunista, as primeiras eleccións presidenciais multipartidistas foron celebradas en 1992. Dos Santos foi elixido co 49% dos votos aproximadamente, vencendo ao seu rival Jonas Savimbi, da Unión Nacional para a Independencia Total de Angola (UNITA). Tras a derrota, Savimbi denunciou que as eleccións foran fraudulentas. En 2008 celebráronse as primeiras eleccións lexislativas multipartidistas que significaron a esmagadora vitoria do MPLA con 191 escanos fronte os 29 dos partidos opositores.

Coa nova constitución (2010), as eleccións presidenciais foron transformadas nunhas eleccións xerais, onde as cabezas de lista de cada partido eran os candidatos á presidencia, á vez que se renovaban os escanos á Asemblea Nacional (elixidos en anteriores eleccións lexislativas). Porén, estas terceiras eleccións estaban programadas para 2009, pero foron postergadas 3 anos por unha reforma constitucional. Foron as eleccións celebradas en 2012. Dos Santos foi reelixido co 71,84% dos votos, vencendo novamente á Unión Nacional para a Independencia Total de Angola.[1]

Nas eleccións celebradas en 2017, foi elixido João Lourenço.[2]

Elección

[editar | editar a fonte]

Para ser candidato á presidencia débese ter a cidadanía angolana, levar residindo no país un mínimo de 10 anos e ter máis de 35 anos (artigo 110).

Estandarte presidencial

Segundo a Constitución angolana de 2010, o presidente de Angola exerce o poder durante 5 anos, podendo servir no cargo en dous mandatos consecutivos (artigo 113). Para iso debe ser nomeado cabeza de lista polo seu partido e ser o candidato máis votado nas eleccións xerais (artigo 109).

O presidente debe ser angolano de nacemento, ter un mínimo de 35 anos, residir no país como mínimo dez anos e atoparse en pleno uso dos seus dereitos e facultades físicas e mentais (artigo 110, apartado 1).

O presidente de Angola acaba o seu mandato por diferentes motivos: cumprir os dous mandatos consecutivos, perda das eleccións xerais, renuncia previa comunicación á Asemblea Nacional (artigo 116), destituído por traizón, corrupción, incapacidade física e mental segundo o artigo 129. Nestes casos, ademais de falecemento ou abandono de funcións, establecerase unha presidencia vacante ocupada polo vicepresidente.

Segundo a constitución, Angola, é un estado presidencialista polo que o presidente ten amplas funcións executivas. O presidente, como xefe de Estado ten atribucións para convocar eleccións xerais e provinciais (autárquicas en portugués), dirixirse á Asemblea Nacional, nomear ao Vicepresidente e ministros do seu goberno, nomear ao Presidente e demais membros do Tribunal Constitucional, así como os membros do Tribunal Supremo e do Tribunal de Contas entre outros nomeamentos (artigo 119). Ademais como xefe do poder executivo define a orientación política do país e dirixe a política xeral (artigo 120), dirixe a política exterior (artigo 121) e exerce como Comandante en xefe das Forzas Armadas (artigo 122).

Lista de Presidentes de Angola

[editar | editar a fonte]
Presidente da República Inicio Fin Partido Eleccións Vicepresidente da República
República Popular de Angola (1975-1992)
António Agostinho Neto

(1922-1979)

11 de novembro de 1975 10 de setembro de 1979 MPLA - -
Lúcio Lara

(1929-2016)

Presidente interino[3][4][5]

11 de setembro de 1979 20 de setembro de 1979 MPLA - -
José Eduardo dos Santos

(1942-2022)

21 de setembro de 1979 27 de agosto de 1992 MPLA - -
República de Angola (1992 - Presente)
José Eduardo dos Santos

(1942-2022)

27 de agosto de 1992 26 de setembro de 2017 MPLA 1992
2012
Fernando da Piedade Dias dos Santos

(2010-2012)


Manuel Domingos Vicente

(2012-2017)

João Lourenço (1954-) 26 de setembro de 2017 Presente MPLA 2017 Bornito de Sousa (2017-)
  1. "Nueva investidura hoy de Dos Santos, tras 33 años al frente de Angola" (en castelán). Consultado o 17 de marzo de 2019. 
  2. "Partido gobernante en Angola gana elecciones generales" (en castelán). 24 de agosto de 2017. Consultado o 17 de marzo de 2019. 
  3. Agência Lusa (2010). "Angola: História política de Lúcio Lara lançada em fotobiografia". Notícias do Serviço de Apontadores Portugueses. Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2018. Consultado o 2018-07-29. 
  4. Emídio Fernando (2016). "O homem que marcou o destino de Angola". Nova Gazeta. 
  5. Patrício Batsîkama (2014). "O testamento que validou José Eduardo dos Santos na presidência de Angola em 1979". Revista de História da África e de Estudos da Diáspora Africana (Sankofa: FCS/Universidade Agostinho Neto) (14). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]