Presidencia da República Portuguesa
Presidencia da República Portuguesa | |
---|---|
![]() | |
Istancia de | cargo ![]() |
Subclase de | presidente e presidente da República ![]() |
Tratamento | A Súa Excelencia ![]() |
Pertencente á xurisdición | Portugal ![]() |
Titular
| |
Duración do mandato | 5 AA ![]() |
Data de creación | 24 de agosto de 1911 ![]() |
Residencia oficial | Palácio Nacional de Belém ![]() |
Fontes e ligazóns | |
Páxina WEB | presidencia.pt ![]() |
[ Wikidata ] [ C:Commons ] |
A presidencia da República Portuguesa é exercida pola persoa escollida por sufraxio universal para ser xefe do Estado de Portugal. O titular emprega a demoninación de presidente da República e ten o título de "A Súa Excelencia". O presidente representa a República Portuguesa, garante a independencia e unidade nacional, tamén regula ás institucións democráticas e é o Comandante Supremo das Forzas Armadas Portuguesas. A residencia da presidencia da República é o Palacio Nacional de Belém en Lisboa. O actual presidente é Marcelo Rebelo de Sousa, no cargo dende o ano 2016.
Atribucións
[editar | editar a fonte]A Constitución da República Portuguesa de 1976 establece os seus poderes no seu título II da III parte, capítulo II.[1] Deste xeito, preside o Consello de Estado, marca o día das eleccións para a Presidencia da República, á Asemblea da República, ao Parlamento Europeo e das Asembleas Lexislativas de Madeira e Azores. Pode convocar extraordinariamente e disolver, tras escoitar ao Consello de Estado, tanto á Asemblea da República como aos parlamentos autonómicos; tamén pode remitirlles mensaxes. Con respecto ao poder executivo, nomea ao Primeiro Ministro, e aos ministros seguindo a proposta deste, tamén pode cesar ao goberno e presidir o consello de ministros cando así llo solicita o Primeiro Ministro. É a súa facultade declarar os estados de sitio ou emerxencia. Pode indultar penas, logo de escoitar ao goberno.

Corresponde ao presidente, escoitando ao goberno, designar aos representantes da República en Azores e Madeira, ao presidente do Tribunal de Contas e ao procurador xeral da República. Tamén nomea a cinco membros do Consello de Estado e a dous vogais do Consello Superior da Maxistratura. Outra das súas responsabilidades é outorgar as condecoracións por ser o gran mestre das ordes militares honoríficas portuguesas: Sant'Iago da Espada, a de Avis e a de Cristo.
Como Comandante Supremo das Forzas Armadas, preside o Consello Superior da Defensa e, tras a proposta do goberno, nomear o Xefe e ao vice xefe do Estado Maior Xeral das Forzas Armadas, e aos Xefes de Estado Maior de cada ramo das Forzas Armadas, logo de ouvir ao Xefe de Estado Maior Xeral das Forzas Armadas.

Debe promulgar as leis, decretos-lei e os decretos, así como asinar as resolucións da Asemblea da República que aproben acordos internacionais. Pode someter a referendo cuestións relevantes de interese nacional. Antes da promulgación, pode solicitar ao Tribunal Constitucional unha apreciación preventiva de constitucionalidade ou a declaración de inconstitucionalidade. O presidente da República ten dereito de veto. Pódeo exercer durante os 20 días seguintes á recepción de calquera proxecto de lei para ser promulgado ou dos 40 días de decretos do goberno. O veto debe estar fundamentado e, no caso das leis, a Asemblea da República pode revertelo por maioría absoluta ou por maioría cualificada de dous terzos en determinados eidos.
No relativo ás relacións exteriores, nomea aos embaixadores a proposta do goberno e acredita ao persoal diplomático estranxeiro en Portugal, ratifica os tratados internacionais aprobados e declara a guerra, en caso de agresión efectiva ou inminente, e declara a paz, logo da proposta do goberno, escoitado o Consello de Estado e coa autorización da Asemblea da República (e se non é posible reunila, da súa comisión permanente).
Elección
[editar | editar a fonte]
Segundo a Constitución de 1976, o presidente é escollido por sufraxio universal e secreto cada cinco anos polos cidadáns residentes en Portugal e no estranxeiro censados.[2] Existe un límite á reelección do presidente: unha persoa non pode exercela durante máis de dous mandatos consecutivos, é dicir, dez anos.
Pode candidatarse calquera portugués ou portuguesa maior de 35 anos que consiga entre 7 500 e 15 000 sinaturas. As sinaturas recollidas deben ser presentadas, como moi tarde 30 días antes da data das eleccións, ante o Tribunal Constitucional para a súa validación. O día concreto da votación debe ser durante os sesenta días anteriores ao termo do mandato do presidente en exercicio, ou nos sesenta días posteriores de quedar vacante. A elección non pode darse nos 90 días anteriores ou posteriores á data das eleccións para a Asemblea da República.[3]
Evolución da institución
[editar | editar a fonte]
A Presidencia da República foi cambiando nas súas funcións e elección ao longo do tempo. Existe dende a aprobación da Constitución de 1911, a primeira republicana. Naquela altura as súas atribucións eran moi limitadas, basicamente representativas: non tiña dereito de veto nin de disolver ao Congreso, a cámara lexislativa. Era escollido polo parlamento, que podía cesalo por maioría de dous terzos, por un período de catro anos.[4] Dende entón, malia aos cambios, mantense o requirimento de idade mínima para exercer a presidencia: 35 anos. O primeiro titular foi Manuel de Arriaga, electo en 1911 por 121 deputados dos 217 que conformaban o lexislativo en 1911.[5]
O período coñecido como Primeira República, entre 1911 e 1926, foi inestable e sucedéronse oito presidentes. Deles só António José de Almeida, presidente entre 1919 e 1923, rematou o seu mandato completo. A maioría renunciou antes de rematar o período de exercicio: Manuel de Arriaga no 1915, Bernardino Machado en 1917 e 1926 por mor de golpes militares, e Manuel Teixeira Gomes no 1925. Doutra parte, Sidónio Pais foi asasinado no 1918. Unha vez a xefatura do Estado quedaba vacante, o Congreso debía escoller a unha outra persoa para completar o mandato, o que explica as curtas presidencias de Teófilo Braga en 1915 e João do Canto e Castro entre 1918 e 1919.

No ano 1926, un golpe militar rematou coa Primeira República e comezou unha ditadura militar, precursora do Estado Novo. Óscar Carmona foi o gonzo entre ambos sistemas: na presidencia logo do pronunciamento de 1926, foi un dos principais valedores de António de Oliveira Salazar, a quen nomeou xefe do goberno en 1932. Durante o Estado Novo, tres militares sucedéronse na presidencia da República a mariscal Óscar Carmona (1926-1951), o mariscal do aire Francisco Craveiro Lopes (1951-1958) e o almirante da Armada Américo Tomás (1958-1974). O Estado Novo buscaba deste xeito evitar cuestionamentos procedentes das Forzas Armadas.
A Constitución de 1933 supuxo unha ampliación, teórica, dos poderes do xefe do Estado. Deste xeito, nomea o Primeiro Ministro, sen necesidade de ser validado por ninguén o nomeamento, ao resto do goberno e tamén gaña a posibilidade de disolver o parlamento.[6] O mandato presidencial foi ampliado a sete anos. Inicialmente, a presidencia era electa por sufraxio "dos xefes de familia", aínda que posteriormente, en 1959, foi modificado para ser escollido por un Colexio electoral integrado só por membros do partido único. O cambio viña motivado porque servían para mobilizar á oposición ao réxime como acontecera en 1949 mediante a candidatura de José Norton dos Matos, e, especialmente, en 1958 coa de Humberto Delgado.
Malia ás disposicións constitucionais, o ascenso do salazarismo foi baleirando de funcións políticas aos presidentes da República que, de facto, quedaron subordinados ao primeiro ministro. Un exemplo disto foi que, en 1958, Oliveira Salazar impediu que o presidente Craveiro Lopes se volvera presentar ás eleccións presidenciais, optando por un candidato máis afín: Américo Tomás.[7][8] O almirante Tomás foi o único en nomear un primeiro ministro distinto de Salazar cando en 1968, logo varias semanas de doenza deste e estando en coma, designou a Marcelo Caetano.[9] Ademais, Américo Tomás fixo valer a súa autoridade militar para abortar un pronunciamento de Botelho Monis no 1961, pero non puido evitar o éxito do Movimento das Forças Armadas en 1974.[10]

Dende a Revolución dos Caraveis sucedéronse dous presidentes militares antes da aprobación da Constitución: António de Spínola (1974) e Francisco da Costa Gomes (1974-1976). O primeiro presidente electo en democracia foi António Ramalho Eanes no 1976, que se manterá na xefatura do Estado por dous mandatos; mesmo período de tempo que exerceron os seus sucesores: Mário Soares (1986-1996), Jorge Sampaio (1996-2006), Aníbal Cavaco Silva (2006-2016) e Marcelo Rabelo de Sousa (2016-2026). Deles dous foron militantes do Partido Socialista (Mário Soáres e Sampaio) e dous foron afiliados do Partido Social Demócrata (Cavaco Silva e Rabelo de Sousa).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Constituição da República Portuguesa". www.parlamento.pt (en portugués). Consultado o 2025-06-05.
- ↑ "Artigo 121.º - Eleição". o informador fiscal (en portugués). Consultado o 2025-06-06.
- ↑ "Eleição para o Presidente da República" (PDF). Comissão Nacional de Eleições.
- ↑ "Constituição de 1911" (PDF). parlamento.pt.
- ↑ "Arquivo Histórico: Eleição do Presidente da República Manuel de Arriaga, 24 de Agosto de 1911". ahpweb.parlamento.pt. Consultado o 2025-06-06.
- ↑ Cunha, Paulo Ferreira da (2006). "Da Constituiçao do Estado novo português (1933)". Historia Constitucional (en portugués) (7): 187–208. ISSN 1576-4729. doi:10.17811/hc.v0i7.47.
- ↑ "Lopes, Francisco Higinio Craveiro". Enciclopedia Galega Universal.
- ↑ "Américo Tomás, o último presidente do Estado Novo". RTP Ensina (en portugués). Consultado o 2025-06-07.
- ↑ Saraiva, José António (2020). Salazar e Caetano: o tempo em que ambos acreditavam cheifar o governo. Gravida. pp. 166–174. ISBN 978-989-616-987-9.
- ↑ "“Golpe Botelho Moniz”: o ministro que tentou afastar Salazar e evitar a guerra em África, na Abrilada de 1961". Expresso (en portugués). 2025-04-02. Consultado o 2025-06-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista de presidentes da República Portuguesa
- Asemblea da República
- Primeiro Ministro de Portugal
- Constitución portuguesa de 1976