Saltar ao contido

Prehistoria de Galicia

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Prehistoria en Galicia»)
Prehistoria de Galicia

Dolmen de Axeitos.
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Megalitismo en Galicia
Idade de Bronce en Galicia
Idade do bronce atlántico
Idade de Ferro en Galicia
Cultura castrexa
Idade Antiga
Historia antiga de Galicia
Idade Media
Historia medieval de Galicia
Idade Moderna
Historia moderna de Galicia
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Galicia
Relacionados
Historia Prehistoria da Península Ibérica

A prehistoria de Galicia abrangue a prehistoria da historia de Galicia.

O período de tempo transcorrido entre a chegada dos primeiros homínidos até a romanización, en que se comezaría a difundira a escritura.[1][2] Os primeiros asentamentos humanos en Galicia evidencian unha antigüidade máxima de 300 000 anos, mentres que o proceso de romanización non se consolidará até o cambio de era.

Paleolítico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Paleolítico en Galicia.

Paleolítico Inferior

[editar | editar a fonte]

As primeiras probas líticas de presenza humana en Galicia remóntanse a uns 300 000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Plistoceno Medio e corresponden á cultura achelense.[3][4]A maioría dos xacementos con testemuñas deste período están asociados directa ou indirectamente coa bacía do Miño-Sil, agás o caso do xacemento de Vilaselán (Lugo), máis vinculado co poboamento da rasa cantábrica.[5][6] Estes restos son instrumentos líticos de grandes lascas onde predominan os bifaces como fendedores e triedros feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Para tallar percutíase directamente cun percusor duro sobre outro canto e das lascas que se desprendían obtíñase unha aresta cortante[7]. As últimas pescudas sinalan a utilización de cuarcitas e cuarzos como principais materias primas para as tallas destas primeiras industrias atopadas nos xacementos na conca do río Miño. Delas, a cuarcita é a rocha maioritaria dentro dos achados coñecidos. Salienta a súa presenza no xacemento de Porto Maior (As Neves) onde alcanza o 90% das industrias. Tamén está presente nos xacementos do Cabrón (Arbo) e Gándaras de Budiño, coa particularidade que nestes últimos a cuarcita é allea á xeoloxía dos achados, polo que os antigos habitantes tiveron que forzosamente transportala doutros sitios, no caso de Gándaras de Budiño dende varios quilómetros de distancia.[8]

A falla de restos óseos así como de fauna nos achados do Plistoceno medio en Galicia, impiden acreditar o tipo de homínido que construíu estas primeiras ferramentas.[9] Porén os avances como a recente secuencia sedimentaria cuaternaria desenvolvida na conca baixa do río Miño permitirán a futuro reconstruír aspectos paleobiolóxicos ou xeolóxicos, así como un rexistro máis completo do primeiro poboamento humano de todo o noroeste ibérico.[7]

Deste período son os asentamentos da Piteira (Toén), A Chaira (San Cibrao de Las), Pazos (San Cibrao das Viñas), Chan do Cereixo (A Portavedra, Gondomar), Arbo[10] e as Gándaras de Budiño (Porriño) e Camposancos (A Guarda).

Vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza (bóvidos, caprinos, équidos e cérvidos), que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.

Paleolítico Medio

[editar | editar a fonte]
Na cova Eirós (Triacastela) acháronse restos do oso das cavernas.

No Paleolítico Medio a industria característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de Neandertal, do que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ó achado de restos na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico Medio[11]). A este período corresponden parte dos asentamentos das Gándaras de Budiño e do Campo da Mama (A Veiga).

Paleolítico Superior

[editar | editar a fonte]

Hai máis datos do Paleolítico Superior (30000 e 8000 a. C.). Desta época consérvanse instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. En Galicia houbo abundantes abrigos baixo rocha, nos que se atoparon unha industria aziliense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras.

Os asentamentos máis importantes deste período son os de Pena Grande (Vilalba), Prado do Inferno I (Muras), Pena Grande de Férvedes (Lousada, Xermade) e as covas de Valdavara (Becerreá) e Cova de Eirós.[12] Deste período son os restos humanos humanos máis antigos que se conservan dos achados en Galicia[13] -no Courel-, así como os primeiros ósos de uro (o antigo boi salvaxe europeo, Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica) que se descobren en Galiza. A datación por carbono 14 estimou para os seres humanos unha antigüidade entre 10 000 e 8 000 anos, e para os uros cifrouse nuns 8 000 anos.

Unha das novidades máis relevantes do período é a aparición dos primeiros obxectos artísticos. Trátase de exemplos de arte moble, no que destacan os colgantes, realizados con dentes de animais ou cunchas de moluscos. Así mesmo, no 2012 atopáronse os primeiros exemplos de pinturas rupestres en territorio galego. Nunha das salas da Cova de Eirós atopáronse gravados e pinturas en negro que representan cuadrúpedes, como uros e cabalos.

Mesolítico

[editar | editar a fonte]

O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a. C. e o 5000 a. C. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna.

Como o bisonte era o animal que lles proporcionara maiores usos[Cómpre referencia] (para alimento, confeccionar pezas de pel etc.), tiveron que mudar os seus métodos e perfeccionar a caza, facer máis variada a recolección de froitos e verduras, e incrementar a pesca e o marisqueo. Prodúcense tamén os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.

Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época hai arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época da nosa terra.

Neolítico

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Megalitismo en Galicia.
Lapa de Gargantáns.

Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a. C. o período denominado Neolítico, caracterizado principalmente polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Ao cultivar os alimentos e criar animais, houbo máis posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación.

O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Os habitantes desta época ocuparon zonas altas, por ter unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para traballala. A vexetación predominante estaba composta de carballeiras, sobreiras, ulmos, freixos, abeleiras...

Dolmen de Pedra Cuberta, exemplo de monumento megalítico, en Vimianzo

Desta época data o Megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos atopámolos por toda Galiza, dende a beiramar ata as altas montañas orientais. Atópanse dous tipos de construcións megalíticas, os dolmens e menhires, repartidos por toda a comunidade.

Estas xentes deberon practicar unha agricultura itinerante de roza, o que fala dun seminomadismo. Tamén debía ser importante a gandería, sobre todo de ovellas, cabras e vacas, así como a caza, xa que no interior das antas se atoparon puntas de frecha, empregadas especialmente na actividade venatoria. Tamén debeu ser importante para a súa alimentación o marisqueo na beiramar.

Foron uns grandes especialistas no traballo da pedra, empregando granitos ou lousas para edificar, mentres que para os obxectos pulimentados prefiren as rochas metamórficas, e para adornos ou como materiais rituais utilizan acibeches ou blenda.

Os materiais máis abondosos desta época son de pedra, con instrumentos como puntas de frecha, machados, lascas, ciceis, coitelos, aixadas, mazas...

Colar da Chousa Nova datado cara 4350 a. C.

Tamén se puideron atopar contas de colar de cor verde, placas perforadas, prismas de seixo cristalizado e idoliños. Sábese que facían obxectos cerámicos, que presentaban unha decoración impresa con cunchas de bivalvos.

No dolmen de Dombate e no de Axeitos atopáronse ídolos ou representacións de antepasados, ou dos vivos que están presentes, sen estar clara aínda a súa función.

Algunhas antas apareceron cos chantos da cámara ou, nalguns casos, do corredor, cunha decoracións gravadas, sendo posíbel que algunhas estivesen pintadas. Os motivos son irregulares ou ondulados, circos concéntricos, idoliformes, cruciformes...

Idade de Cobre

[editar | editar a fonte]

Idade de Bronce

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade de Bronce en Galicia.

Idade do Bronce Atlántico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade do bronce atlántico.
Casco de Leiro.

Cultura castrexa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cultura castrexa.

Idade de Ferro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Idade de Ferro en Galicia.

Historiografía

[editar | editar a fonte]

Os nosos coñecementos da prehistoria galega están suxeitos ao ritmo dos constantes achados de novos restos, así como das análises que achegan novas conclusións aos antigos achados. As innovacións tecnolóxicas aplicables ás pescudas dos xacementos arqueolóxicos[14] levaron dende as primeiras décadas do século XXI á revisión dos principais achados do século anterior así como á apertura de novas exploracións.[15][8]

No seu inicio, a finais do século XIX, a abundancia de restos fixo que a historiografía galega prestase moita atención ao megalitismo ou á cultura castrexa. Até os anos sesenta do século XX, cando se sistematizan as escavacións nas Gándaras de Budiño, apenas se dispuña de restos materiais do Paleolítico. Desde entón, e sobre todo desde finais do século XX, o traballo multidisciplinar, a implicación e colaboración de institucións e equipos científicos especializados neste eido puxo en cuestión as teses vixentes sobre o poboamento de Galicia así como as datacións de pezas e xacementos acreditadas en base a métodos non fiables actualmente.[16]

Neste proceso, as datas máis recuadas e mellor documentadas[17] até de agora, atópanse no xacemento de Porto Maior (As Neves), que remontan a presenza humana en terras da actual Galicia á segunda metade do Plistoceno Medio,[18] cunha antigüidade máxima de 300 000 anos e unha mínima de 200 000.[4] Esta primeira etapa está caracterizada polas testemuñas de industrias típicas da cultura acheulense cuxa maior concentración de xacementos atópase ao longo da bacía Sil-Miño e afluentes.[7][5] Esta cultura lítica espallouse nas mesmas datas noutras grandes concas fluviais da Península Ibérica: Guadalquivir, Guadiana, Texo e Douro.[19]

Estes achados xunto con outras investigacións desenvolvidas no século XXI matizaron a tese[20] dunha suposta humanización serodia e con atraso teconolóxico da prehistoria galega co respecto á do resto de Europa e mesmo da Península Ibérica.[3][21] Ao mesmo tempo confirmaron o poboamento intensivo do territorio da actual Galicia, que terá o seu pulo maior trala aparición da culturas megalítica e sobre todo a castrexa.[20]

Preceltas e celtas

[editar | editar a fonte]

O estudo e a ensinanza deste tema é algo moi complexo, debido sobre todo á opinión persistente, tan divulgada como errónea, de que esta rexión fora a máis celtizada da Península Ibérica. Os arqueólogos, historiadores e investigadores de todas as épocas, á vista dos achados arqueolóxicos e coa axuda dos escritos de gregos e romanos, contan como puido ser e en que consistiu a chegada de certos grupos célticos a esta rexión. Son estudosos da historia que foron directamente ás poucas fontes que poden manexar, sen conformarse con traducións anteriores, moitas veces mal interpretadas e que puideron ver as numerosas pegadas deixadas polos celtas, ó longo e ancho de Galiza, como os castros.

Semella que algúns grupos do pobo celta que chegara ata o sur da Península Ibérica non atoparon acomodo nestas terras e iniciaron outra viaxe migratoria, en distintas etapas xa tardías, cara ó norte, a través de terras lusitanas. Esta situación de emigrantes celtas dende o sur, polo oeste, cara ó norte, é bastante inqueda e non chegan a estabilizarse na rexión galaica ata o século I a.C., cando xa se atopaba bastante hispanizada. É o grupo coñecido como saefes, que se move cara ao século III a.C. e que van situándose algúns entre o río Texo e o río Douro e outros, como xa se dixo, os que seguen cara Galiza.

Ao mesmo tempo que isto ocorría, producíase nas costas galaicas o desembarco de xentes nórdicas procedentes da Bretaña. A arqueoloxía acreditao así a través dos achados de Punta Neixón na ría de Arousa, na provincia da Coruña.

La Civilización Céltica en Galicia, F. López Cuevillas, 1953.

Os celtas sefes atoparon estas terras bastante poboadas. Estrabón asegura que había unhas 50 tribos de pobos diferentes, mentres que Plinio di que eran máis de 65. O profesor (historiador, arqueólogo e escritor) Florentino López Cuevillas na súa obra La civilización céltica en Galicia (Porto y C.ía Editores, 1953), despois de expoñer un estudo exhaustivo sobre o aspecto político e xeográfico, asegura que todas estas tribos, na maior parte, non eran celtas. A relación de tribos pre-célticas que se pode dar é bastante extensa:

Oestrimnios (relacionados cos lígures (e comúns de países bretóns, ingleses e irlandeses), que permaneceron ata a chegada dos romanos), albións, seurros, tiburos, bibalos, caporos, zoelas, nobiagoi, abii, tirii, veasmini, salassi, rilenii, helenos, grovios etc., todos eles asentados dende a Idade de Bronce, é dicir, antes do 600 a. C.

Principais áreas lingüísticas na Península Ibérica, amosando en azul as linguas pre-celtas e celtas, c. 200 a. C.

Este é fondo da poboación precéltica, que é a mesma que a normanda, inglesa e irlandesa. Destes poboadores proceden as semellanzas étnicas entre estes pobos e non da chegada dos celtas. As analoxías entre galegos e irlandeses actuais non veñen dun parentesco céltico, senón dunha comunidade étnica anterior que se remonta a 2.000 anos atrás.

As tribos celtas dos sefes acabados de chegar superpuxéronse a estoutras máis antigas e adaptáronse bastante ben, crese que polo seu carácter afín indoeuropeo. Foron os celtas os que se acomodaron e a súa influencia foi, na maioría dos casos, tardía e esporádica, segundo se pode saber pola confirmación do estudo da arquitectura e a metalurxia. A dita poboación autóctona máis antiga conservou a súa destacada personalidade lingüística e cultural e tamén soubo intercambiar aspectos culturais coa civilización céltica. Houbo un verdadeiro troco de costumes e de coñecementos.

Grecia e Roma

[editar | editar a fonte]

Sábese que en Galiza houbo asentamentos de poboación dende épocas prehistóricas que se remontan 300.000 anos no pasado.

Os gregos (así o constata Estrabón, c. 63 a. C. - c. 24 d. C.) coñecían os habitantes deste extremo peninsular co nome de Kallaikoi. Os romanos integraron no seu imperio este territorio serodiamente, xa a finais do século I a. C e máis tarde aínda, co emperador Diocleciano, no século III, designouse como provincia romana co nome de Gallaecia, seguindo o topónimo antigo. Non hai que confundir os pobos kallaikoi cos galos da latina Gallia. Son asentamentos completamente distintos.

  1. Villares Paz et al. 2004, p. 22-43.
  2. Abad Gallego et al. 1998, p. 25-33.
  3. 3,0 3,1 Santoja et al. 2019, p. 51.
  4. 4,0 4,1 "Conferencia de Eduardo Méndez-Quintas sobre el yacimiento paleolítico de Porto Maior (As Neves).". Museo de Pontevedra. Arquivado dende o orixinal o 13/09/2019. Consultado o 14/07/2020. 
  5. 5,0 5,1 Méndez-Quintas et al. 2008, p. 32.
  6. Álvarez-Alonso, David (2012). "EL PRIMER POBLAMIENTO HUMANO EN LA REGIÓN CANTÁBRICA. REFLEXIONES Y SÍNTESIS EN TORNO AL PALEOLÍTICO ANTIGUO" (PDF). Kobie Serie PaleoantroPología (en Castelán) (Bilbao: Bizkaiko Foru Aldundia-Diputación Foral de Bizkaia) (31): 21–44. ISSN 0214-7971. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "As terrazas fluviais da conca baixa do río Miño protagonizan a secuencia sedimentaria “máis completa de Galicia". Diario da Universidade de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 16/07/2020. Consultado o 14/07/2020. 
  8. 8,0 8,1 Méndez-Quintas, Eduardo; Pérez-González, Alfredo; Ledo-Bernárdez, Manuel; Serodio Domínguez, Andrea (1/12/2018). "La industria lítica del yacimiento Achelense de Arbo (Pontevedra). Variables del Paleolítico Inferior de Galicia en el contexto peninsular.". Zephyrvs. Revista de prehistoria y arqueología (en Castelán). p. 4. Consultado o 15/07/2020. 
  9. Méndez-Quinas et al. 2008, p. 32.
  10. "Hallan en Arbo uno de los yacimientos más antiguos de Galicia y que permitirá extraer nueva información del Paleolítico", 20 minutos (en castelán).
  11. "Hallados en Triacastela los mejores restos neandertales en Galicia". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2018-07-05. 
  12. "Valdevara tiene restos de entre 17.000 y 3.500 años". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2018-07-05. 
  13. "Descubren en O Courel los restos humanos más antiguos de Galicia" (en castelán).
  14. Méndez-Quintas et al. 2008, p. 13-15.
  15. Villar Quinteiro et al. 2009, p. 7-10.
  16. Santoja et al. 2019, p. 52.
  17. Santoja et al. 2019, p. 53.
  18. Méndez-Quintas et al. 2008, p. 29.
  19. Méndez-Quintas et al. 2008, p. 30.
  20. 20,0 20,1 Villares Paz et al. 2004, p. 23.
  21. Méndez-Quintas et al. 2008, p. 32-37.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Villares Paz, Ramón (2004). Historia de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 9788498656725. 
  • Méndez-Quintas, Eduardo; Santoja, Manuel; Pérez-González, Alfredo; Aguirre, Emiliano; Rodríguez Álvarez, Xosé Pedro; Lozano, Marina; Martínez-Navarro, Bienvenido; Arrizabalaga, Álvaro; Iriarte, María José (2008). Estudos sobre Paleolítico. Homenaxe a X. M. Álvarez Blázquez (II). Universitas Minoris II. AA.VV. Gondomar: Instituto de Estudos Miñoranos. ISBN 978-84-96950-72-6. 
  • Abad Gallego, Xoan Carlos (1998). ¿Que é que? na arqueoloxía prehistórica da comarca viguesa. (Prontuario de termos de arqueoloxía. Vigo: Instituto de Estudos Vigueses (Fundación PROVIGO). ISBN 84-89599-07-6. 
  • Villar Quinteiro, Rosa; Santoja Gómez, Manuel; Pérez-González, Alfredo; Ruíz Zapata, Blanca; Valdeolmillos, Ana; Dorado, Mirian; Vázquez Dorrio, Benito (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar): una actualización del Paleolítico Inferior en Galicia. Patrimonio Vivo (en Castelán). A Coruña: Instituto de Estudos Miñoranos - Furndación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 978-84-95892-76-8. 
  • Santoja, Manuel; Méndez-Quintas, Eduardo; Pérez-González, Alfredo; Demuro, M.; Arnold, L. J.; Duval, M. (2019). Límites cronológicos de la presencia humana durante el Pleistoceno Medio en la cuenca baja del Río Miño (Pontevedra, España) (PDF). XV Reunión nacional del Cuaternario (en Castelán) (Bilbao: Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea). ISBN 978-84-17713-16-4. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]