Bradipódidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Preguiceiros de tres dedos»)
Bradipódidos
Bradypodidae

Bradypus variegatus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Superorde: Xenarthra
Orde: Pilosa
Suborde: Folivora
Familia: Bradypodidae
Gray, 1821
Xénero: Bradypus
Linnaeus, 1758
Distribución das especies de Bradypus. Verde: B. variegatus Aazul: B. tridactylus Vermello: B. torquatus Círculo vermello: B. pygmaeus
Distribución das especies de Bradypus.
Verde: B. variegatus
Aazul: B. tridactylus
Vermello: B. torquatus
Círculo vermello: B. pygmaeus

Distribución das especies de Bradypus.
Verde: B. variegatus
Aazul: B. tridactylus
Vermello: B. torquatus
Círculo vermello: B. pygmaeus

A dos bradipódidos (Bradypodidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos pilosos.

A familia comprende un único xénero, Bradypus, con catro especies, que habitan en América Central e do Sur, das que a máis abundante é, con moito, Bradypus variegatus.

Características[editar | editar a fonte]

O seu aspecto recorda algo ao dos prosimios (como os lemuriformes) e a algúns simios do Novo Mundo, como os cébidos, especialmente pola cabeza, arredondada, o fociño, prolongado e cuberto de pelo curto, e os ollos, situados en posición anterior, e que miran cara a adiante,[1]

A lonxitude do seu corpo (cabeza e tronco) oscila entre os 50 e os 70 cm, cunha cola de menos de 7 cm. A pelaxe, moi mesta e híspida, está formada por longos e ásperos pelos, que recobren unha lanuxe e que están reunidos en feixes; a orientación dos pelos é excepcional: a diferenza dos demais mamíferos están dispostos desde o ventre até o dorso, a causa do hábito adquirido por estes animais de pendurase das pólas das árbore co dorso cara a abaixo, o que responde á necesidade de enfrontar a abundante pluviosidade das selvas nas que viven; así a auga escoa rapidamente polos pelos sen chegar a entrar en contacto directo coa pel.[1]

Un dos seus caracteres fisiognómicos máis evidentes é a notábel lonxitude das súas extremidades, aparentemente desproporcionada con relación ao tronco; as patas anteriores están máis desenvolvidas que as posteriores, que son de lonxitude case igual á de todo o corpo, mentres que as primeiras sobrepánano en máis dun terzo. Este crecemento esigual maniféstase contra o final do período embrionario, intensificándose nos primeiros meses de vida do acabado de nacer, o que induce a supoñer que ten unha orixe relativamente recente, como adaptación ao seu especial xénero de vida arborícola. por iso, no solo desprázanse con gran dificultade, case arrastrándose, apoiándose nos antebrazos e os pés. As 'mans' son longas e estreitas, cos dedos reunidos nun invólucro cutáneo único (sindactilia); só permanen libres as súas robustas uñas (garras).[1]

Outra característica salientábel é a de contar con nove vértebras cervicais, o que lles permite a rotación da cabeza até uns 270º.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Aliméntanse principalmente de follas. Como esta dieta non é moi rica en nutrientes, o seu corpo está afeito a aforrar enerxía. Poden gabear polas árbores sen esforzo, e a súa calor corporal é moi baixa. Cando comen, mastigan moi lentamente, xa que ao seu aparello dixestivo lle leva moito tempo dixerir o alimento. Polo tanto, poden defecar tan só unha vez por semana, e non comer durante un mes. Poden durmir cerca de 18 horas ao día.[2]

Non teñen unha visión moi precisa. Os seus ollos son moi pequenos. Non producen sons, o que lles dá, cos seus lentísimos movementos, unha aparencia moi tranquila e discreta.

As femias alcanzan a madurez sexual á idade de 3 a 5 anos e os machos entre os 4 e os 5 anos. As femias, despois dun período de xestación de entre 6 a 11 meses, segundo as especies, paren unha única cría por parto.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descricións[editar | editar a fonte]

A familia dos Bradypodidae foi descrita en 1821 polo naturalista británico John Edward Gray, en London Med. Repos., 15: 304.[3] O seu único xénero, Bradypus, fora descrito en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.[4][5]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

O nome científico da familia, Bradypodidae, está formado, normalmente, sobre a raíz do nome do seu xénero tipo (e único), Bradypus, coa adición da desinencia -idae (tirada do grego antigo είδος eídos, "semellante"), propia dos nomes das familias de animais.

Pola súa parte, Linneo construíu o nome deste xénero co primeiro elemento brady- (do grego βραδύς bradýs, "lento, torpe, calmoso, tranquilo"), e o segundo elemento -pus (do grego πούς poús, "pé, pata").

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome que lle deu Linneo, e que segue a ser vixente na acualidade, o xénero Bradipus coñeceuse ao longo do tempo tamén polos sinónimos seguintes:[4]

  • Acheus Cuvier, 1825
  • Arctopithecus Gray, 1850
  • Eubradypus Lönnberg, 1942
  • Hemibradypus Anthony, 1906
  • Ignavus Blumenbach, 1779
  • Scaeopus Peters, 1864
  • Achaeus Erman, 1835
  • Achaeus Gray, 1843
  • Arctopithecus Gray, 1843
  • Neobradypus Lönnberg, 1942
  • Tardigradus Brisson, 1762

Especies[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense no xénero Bradypus as seguintes catro especies:[4]

Galería e imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6, pp. 83-86.
  2. Attenborough, David (2002): The life of Mammals. BBC.
  3. Bradypodidae en MSW.
  4. 4,0 4,1 4,2 Bradypus en MSW.
  5. Bradypus en Linnæus, Carl (1758): Systema Naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. 10ª ed. Holmiæ: Laurentius Salvius, p. 34.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 340–341.
  • McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 83–86.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]