Porto de Ceuta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 35°53′33″N 05°18′21″O / 35.89250, -5.30583

Vista do porto desde o monte Hacho.

O porto de Ceuta é un porto comercial, de pasaxeiros e deportivo da cidade autónoma española de Ceuta, no norte de África. É un dos principais portos que conectan a beira sur do estreito de Xibraltar coa norte, xunto cos portos de Tánxer e Tánxer Med, e o único español, xunto co de Melilla, encravado na zona continental de África.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1860 propúxose a construción do porto sobre o que entón non eran máis que uns embarcadoiros. As obras iniciáronse en 1864, necesitaron décadas para levarse a cabo e sufriron fortes cambios no seu plan en 1902.

En 1904 aprobouse un proxecto definitivo que non iniciou a súa construción ata 1909. A principios dos anos 30 as obras encóntranse case finalizadas, aínda que non foron definitivamente entregadas ata o 17 de febreiro de 1942.

No pasado recente do porto algúns terreos situados preto do centro da cidade foron desafectados para permitir a construción de proxectos urbanos, como o parque marítimo ou o heliporto de Ceuta.

Instalacións[editar | editar a fonte]

As características especiais de Ceuta, cunha superficie de só 19 km² e rodeada por Marrocos e o Mediterráneo, fan que unha gran parte das materias que consume a cidade sexan abastecidas dende a península Ibérica a través do porto. Para iso disponse de peiraos para a descarga de todo tipo de mercadorías e instalacións de almacenamento das mercadorías das que Ceuta é dependente, como a auga potable ou os derivados do petróleo.

O porto dispón de 2 diques de abrigo, un de 1.500 metros e outro de 500 metros, coñecidos como peiraos de poñente e levante respectivamente. A estes únense no interior do porto dous peiraos principais, o peirao Dato, onde se sitúa a estación marítima, e en perpendicular á costa o peirao de España, onde se sitúa a torre de control. Ademais disponse de dársenas deportiva e pesqueira, e de mariña seca.

Estación marítima[editar | editar a fonte]

Catamarán de alta velocidade Alborán na estación marítima.

A estación marítima de pasaxeiros sitúase no peirao Dato do porto. Dispón de 5.000 metros cadrados en 2 plantas, con servizos como despachos, cafetarías e axencias de viaxes. Permite o embarque directo a través dunha pasarela que percorre gran parte do peirao. Baixo as pasarelas sitúanse as plataformas polas que poden embarcar e desembarcar vehículos rodados.

Está situada na parte máis industrial da cidade, a aproximadamente 1 km do centro, sen conexión por transporte público a excepción de taxis. Ata a fronteira marroquí hai unha distancia de 4 km.

Actualmente existen numerosas conexións diarias co porto de Alxeciras, con varias navieiras como Acciona Trasmediterránea, FRS ou Balearia. O servizo realízase con transbordadores de alta velocidade, que permiten cruzar o estreito en aproximadamente 45 minutos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]