Portal:Xapón/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Satoru Iwata nado en Sapporo o 6 de decembro de 1959 e finado en Quioto o 11 de xullo de 2015, foi un programador de videoxogos e o cuarto presidente e director executivo de Nintendo, así como director executivo de Nintendo en América. En 1980 comezou a traballar na desenvolvedora HAL Laboratory estando aínda na universidade. Nos seus primeiros anos nesta empresa traballou como programador en proxectos de colaboración con Nintendo, e uníuse oficialmente a Nintendo no ano 2000 como xefe da división de estratexia corporativa.

Nintendo acadou un crecemento notable coa axuda de Iwata, quen sucedeu a Hiroshi Yamauchi como presidente da compañía en maio de 2002. Baixo a súa dirección Nintendo desenvolveu as videoconsolas Nintendo DS e Wii, que supuxeron un éxito económico dentro da industria. Os produtos posteriores como a Nintendo 3DS e a Wii U non obtiveron tantos beneficios coma a Wii, provocando unha caída de vendas netas de dous terzos entre o 2009 e o 2012. En xuño de 2014 detectóuselle un tumor no conduto biliar nun exame médico rutineiro, operándose do mesmo e retornando ao traballo en outubro dese mesmo ano. O tumor reapareceu no ano 2015 e Iwata faleceu o 11 de xullo debido as complicacións causadas por esta doenza.