Saltar ao contido

Portal:República Checa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de República Checa Benvido ó Portal da República Checa!
Vítejte na portálu Česká republika!!

Portal da República Checa

A República Checa (en checo: Česká republika), tamén coñecida como Chequia (en checo: Česko) é un país do centro de Europa, limitado ao norte por Polonia, ao leste por Eslovaquia, ao sur por Austria e ao noroeste por Alemaña. Xunto con Polonia, Eslovaquia e Hungría, integra o Grupo Visegrád. Está formada polas rexións históricas de Bohemia, Moravia e Silesia. Bohemia ocupa a parte occidental do país, está rodeada de montes baixos e forma unha cunca regada polos ríos Labe (Elba) e Vltava (Moldava). Moravia, na parte oriental, está regada polo río Morava. Silesia, situada ao norte de Moravia, fai fronteira con Polonia.

O Estado Checo, ou as terras da Coroa de Bohemia, como era coñecido até 1918, formouse no final do século IX. Despois da Batalla de Mohács en 1526, o Reino de Bohemia foi integrado na monarquía dos Habsburgo xunto con Austria e Hungría. A república independente de Checoslovaquia formouse en 1918, tralo colapso do Imperio Austrohúngaro ao remate da Primeira guerra mundial. O Pacto de Múnic (asinado pola Alemaña nazi, Francia, Reino Unido e Italia) estabeleceu unilateralmente a incorporación de Checoslovaquia á Alemaña. En agradecemento pola liberación da maior parte da República polo Exército Vermello, o Partido Comunista obtivo maioría relativa (38 %) nas eleccións de 1946.

Dous anos despois, en 1948, Checoslovaquia converteuse nunha ditadura por mor dun golpe de estado. En 1968 a crecente insatisfacción culminou nunha tentativa de reformar o réxime. Os acontecementos coñecidos como a Primavera de Praga de 1968 terminaron coa invasión por parte dos exércitos dos países do Pacto de Varsovia (coa excepción de Romanía). As tropas permaneceron no país até a Revolución de Veludo de 1989, cando caeu o réxime. O 1 de xaneiro de 1993 Checoslovaquia dividiuse pacificamente en dous estados, a República Checa e Eslovaquia. O 1 de maio de 2004, Chequia ingresou na Unión Europea.

Hoxe a República Checa é unha democracia parlamentaria pluripartidista. O presidente Václav Klaus é o actual xefe de Estado, mentres que Petr Nečas é o Primeiro Ministro e Xefe de Goberno. O Parlamento ten dúas cámaras: a Cámara de Deputados e o Senado. Dende a súa creación a República Checa fixo reformas económicas como as privatizacións rápidas. O crecemento do seu Produto Interior Bruto (PIB) situouse en torno ao 6 % até o estalido da recente crise económica mundial. O país foi o primeiro membro da antiga COMECON en acadar o status de país desenvolvido segundo o Banco Mundial. O seu IDH en 2010 defíneo como unha nación cun "desenvolvemento humano moi alto".

Artigo destacado

editar

O checo é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorbio. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena, en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000, na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva, onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa. Existen importantes minorías formadas por inmigrantes en Alemaña, Estados Unidos, Eslovaquia e outros países.

O checo utiliza o alfabeto latino con sinais diacríticas para a súa escrita. A fonoloxía do checo pode ser difícil para falantes doutras linguas. Por exemplo, algunhas palabras non parecen ter vogais: ztvrdl (endurecido), scvrkl (afondado), blb (bobo), vlk (lobo), e smrt (morte). Hai un exemplo popular disto na frase "strč prst skrz krk" que significa "meter un dedo na túa gorxa".

As linguas checa e eslovaca son mutuamente intelixíbeis e próximas na escrita, mais difiren fonética e gramaticalmente. A maioría dos adultos eslovacos e checos son capaces de comprenderse mutuamente sen dificultade, tendo estado en contacto coas dúas linguas por medio da radio e da televisión nacionais, ata a partición de Checoslovaquia no 1993. Aqueles que non viviron esta situación, en particular os máis novos, poden experimentar dificultades de comprensión.

Lugar de interese

editar

Praga (en checo: Praha, [ˈpraɦa] (AFI), Cs-Praha.ogg escoitar) é a capital da República Checa e da rexión histórica de Bohemia. Con anterioridade foino do Reino de Bohemia e de Checoslovaquia. A cidade ten aproximadamente 1,3 millóns de habitantes, o que a converte na cidade máis poboada do país. A área metropolitana de Praga conta cunha poboación de 2,7 millóns de habitantes. A cidade ten un clima oceánico temperado, con veráns relativamente quentes e invernos fríos.

Situada á beira do río Moldava, é un centro económico, político e cultural de Europa central que conta cunha rica historia. Praga desenvolveuse a partir do século IX converténdose nunha das capitais máis importantes de Europa nos séculos XVIII e XIX. Con todo, no século XX, sufriu as dúas guerras mundiais e os réximes nazi e soviético. Trala Revolución de Veludo e a caída do Muro de Berlín a cidade tivo que facer fronte a unha dura adaptación cara a unha economía de mercado.

Praga é o fogar de numerosas atraccións culturais, moitas das cales sobreviviron a violencia e a destrución que padeceu Europano século XX. Entre elas salientan o castelo de Praga, a ponte de Carlos, a praza da cidade vella co Reloxo Astronómico, o barrio xudeu, o outeiro de Petřín e Vyšehrad. Dende 1992, o centro histórico da cidade foi incluído na lista da UNESCO como Patrimonio da Humanidade. A cidade conta con dez grandes museos, xunto con numerosos teatros, galerías, cinemas e outros lugares históricos. Un sistema público e moderno conecta toda a cidade e conta cunha gran variedade de institucións educativas públicas e privadas, incluíndo a Universidade Carolina de Praga, a máis antiga universidade de Europa central.

Praga está clasificada como unha cidade global "alpha" segundo estudos de GaWC e foi clasificada no sexto posto na lista mundial de Tripadvisor como mellores destinos de 2016. En 2019, a cidade clasificouse no posto 69 das cidades máis habitables do mundo de acordo con Mercer. No mesmo, o indicador PISCA clasficou a Praga como a décimo terceira cidade máis habitable do mundo. A súa rica historia convértena nun destino turístico popular, e no ano 2017 recibiu máis de 8,5 millóns de visitantes. En 2017, Praga clasificouse como a quinta cidade máis visitada de Europa, despois de Londres, París, Roma e Istanbul.

Artigos de calidade (1)

Artigos bos (0)

Imaxe destacada

editar

A Casa danzante, en Praga.
Vexa o artigo Casa danzante.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Franz Kafka, nado en Praga o 3 de xullo de 1883 e finado en Viena o 3 de xuño de 1924, foi un escritor en lingua alemá. Está considerado un dos maiores novelistas en alemán, e dos mellores escritores de historias curtas do século XX. A súa obra, das máis influentes da literatura universal, é unha das pioneiras na fusión de elementos realistas con fantásticos e ten como principais temas os conflitos paternofiliais, a ansiedade, o existencialismo, a brutalidade física e psicolóxica, a culpa, a filosofía do absurdo, a burocracia e as transformacións espirituais.

Escribio as novelas O proceso (Der Prozeß), Das Schloß (O castelo) e Amerika (ou Der Verschollene), a novela curta A metamorfose (Die Verwandlung) e un gran número de relatos curtos. Ademais deixou unha abundante correspondencia e escritos autobiográficos. O seu peculiar estilo literario foi comunmente asociado coa filosofía artística do existencialismo —ao que influíu— e o expresionismo. Os estudosos de Kafka discuten sobre como interpretar ao autor; algúns falan da posible influencia dalgunha ideoloxía política antiburocrática, dunha relixiosidade mística ou dunha reivindicación da súa minoría etnocultural, mentres outros se fixan no contido psicolóxico das súas obras. As súas relacións persoais tamén tiveron grande impacto na súa escritura, particularmente o seu pai (Carta ao pai), a súa prometida Felice Bauer (Cartas a Felice), a súa irmá (Cartas a Ottla) e a súa amiga Milena Jesenská (Cartas a Milena).

Albert Camus, Jean-Paul Sartre, Jorge Luis Borges e Gabriel García Márquez atópanse entre os escritores influídos pola obra de Kafka. O termo kafkiano úsase en galego para describir situacións insólitas, polo absurdas e angustiosas, como as que se atopan nas súas obras e ten os seus equivalentes noutros idiomas. Só algunhas delas foron publicadas durante a súa vida; a maior parte, incluíndo traballos incompletos, foron publicadas polo seu amigo Max Brod, quen ignorou os desexos do autor de que os manuscritos fosen destruídos.

A maior parte dos seus traballos foron publicados postumamente. A súa forma de escribir segue sendo un desafío tanto para críticos coma para lectores, e os intentos de catalogar os seus traballos son xeralmente inadecuados.

Sabías que...?

editar

Osario de Sedlec.


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario