Portal:Reino Unido/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mary Wollstonecraft by John Opie (c. 1797).jpg

Mary Wollstonecraft, nada en Spitalfields, Londres o 27 de abril de 1759 e finada o 10 de setembro de 1797, foi unha filósofa, escritora inglesa e defensora dos dereitos das mulleres. Durante a súa breve carreira, escribiu novelas, tratados, unha narración de viaxe, unha historia da Revolución Francesa, un manual de conduta e un libro para a mocidade. Wollstonecraft é coñecida por Vindicación dos dereitos da muller (1792), onde argumenta que as mulleres non son naturalmente inferiores aos varóns, mais semellan selo porque non reciben a mesma educación. Ela suxire que tanto varóns coma mulleres deben ser tratados como seres racionais e imaxina unha orde social fundada pola razón. Con esta obra estableceu as bases do feminismo moderno e converteuna nunha das mulleres máis populares de Europa da época.

Ata finais do século XX, a vida de Wollstonecraft, que abranguía varías relacións persoais non convencionais, recibía máis atención ca a súa obra. Despois de dous maos asuntos con Henry Fuseli e Gilbert Imlay (con quen tivo unha filla, Fanny Imlay), casou co filósofo William Godwin, un dos devanceiros do movemento anarquista. Wollstonecraft finou á idade de 38 anos, once días despois de dar a luz a súa segunda filla, ficando atrás varios manuscritos inacabados. Esta filla, Mary Wollstoncraft Godwin, converteuse nunha consumada escritora, como Mary Shelley, a autora de Frankenstein ou o moderno Prometeo.

Despois da morte de Wollstonecraft, o seu viúvo publicou Memoirs of the Author of A Vindication of the Rights of Woman (Memorias da autora de Vindicación dos dereitos da muller, 1798), revelando o seu estilo de vida pouco ortodoxo, que inadvertidamente destruíu a súa reputación durante case un século. Porén, co movemento feminista de comezos do século XX, a defensa de Wollstonecraft da igualdade das mulleres e as críticas á feminidade convencional fixéronse cada vez máis importantes. Na actualidade, Wollstonecraft é considerada unha das filósofas feministas fundadoras, e as feministas adoito citan tanto a súa vida coma o seu traballo como grandes influencias.