Portal:Reino Unido/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.

A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.

Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.

A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme.