Saltar ao contido

Portal:Polonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de Polonia Benvido ó Portal de Polonia!
Witamy w Portalu Polskim!

Portal de Polonia

Polonia (en polaco: Polska, [ˈpɔlska] (AFI), Pl-Polska.ogg escoitar), oficialmente República de Polonia (Rzeczpospolita Polska), é un país da Europa central membro da Unión Europea (UE), cuxa capital e maior aglomeración urbana é a cidade de Varsovia. Polonia fai fronteira con Alemaña polo oeste; a República Checa e Eslovaquia polo sur; Ucraína, Belarús e Lituania polo leste; e o mar Báltico e o enclave ruso de Kaliningrado polo norte. O país abrangue unha superficie de 312.696 km², facendo de Polonia o sexasésimo noveno país do mundo e o noveno de Europa. Polonia ten unha poboación por riba dos 38 millóns de habitantes, o que o converte no trixésimo cuarto país máis poboado do mundo e o oitavo de Europa. Polonia é un estado unitario dividido en 16 subdivisións administrativas.

O territorio polaco comprende na súa porción máis grande ao norte parte da gran chaira europea e abarca ao sur territorio montañoso dos Sudetes, os Cárpatos e a Serra da Santa Cruz. A súa capital e cidade máis poboada é Varsovia, a capital histórica de Mazovia, aínda que para moitos polacos, é máis importante a antiga capital, Cracovia, e Poznan, a capital antiga dos polacos, devanceiros de Polonia.

Artigo destacado

editar

O campo de concentración de Auschwitz (en alemán: Konzentrationslager Auschwitz) foi un complexo de 40 campos de concentración e de exterminio operados pola Alemaña nazi na Polonia ocupada durante a segunda guerra mundial e o Holocausto. Componse de Auschwitz I, o campo principal (Stammlager) en Oświęcim; Auschwitz-Birkenau, un campo de concentración e exterminio construído con numerosas cámaras de gas; Auschwitz III-Monowitz, un campo de traballo creado para achegar persoal a unha fábrica para o conglomerado químico IG Farben; así como ducias de subcampos. Os campos convertéronse nun importante lugar para a Solución final do réxime nazi.

Despois de que Alemaña provocase a segunda guerra mundial coa invasión de Polonia en setembro de 1939, as Schutzstaffel (SS) converteron Auschwitz I, un antigo cuartel do exército polaco, nun campo de prisioneiros de guerra para presos políticos polacos. Os primeiros ocupantes, criminais alemáns levados ó campo en maio de 1940 como funcionarios, estabeleceron a reputación do campo polo seu sadismo, malleiras, torturas e execución de prisioneiros polas razóns máis triviais. Os primeiros gaseamentos de prisioneiros soviéticos e polacos producíronse no bloque 11 de Auschwitz I en agosto de 1941. A construción de Auschwitz II comezou o mes seguinte, e dende 1942 até finais de 1944, trens cargados de xudeus traídos de todas partes da Europa ocupada pola Alemaña nazi, foron conducidos até as cámaras de gas. Dos 1,3 millóns de persoas enviadas a Auschwitz, 1,1 millóns morreron. O número de mortes inclúe 960 000 xudeus (865 000 dos cales foron gaseados ó chegar), 74 000 polacos non xudeus, 21 000 xitanos, 15 000 prisioneiros de guerra soviéticos, e 15 000 outros europeos. Aqueles que non morreron nas cámaras de gas fixérono de fame, esgotamento, doenzas, execucións individuais ou malleiras. Outros foron asasinados por mor de experimentos médicos.

Cando menos 802 prisioneiros tentaron escapar, 144 dos cales tiveron éxito, e o 7 de outubro de 1944, dúas unidades de Sonderkommando, compostas por prisioneiros que atendían as cámaras de gas, fixeron un levantamento sen éxito. Só 789 membros do persoal do campo (non máis do 15%) foron algunha vez xulgados; e moitos, incluíndo o comandante do campo Rudolf Höss, foron executados. O fracaso dos Aliados para actuar ante os primeiros informes de atrocidades no campo, bombardeando ora o campo, ora os seus ferrocarrís, segue a ser controvertido.

Conforme o Exército Vermello soviético se achegaba a Auschwitz en xaneiro de 1945, contra o remate da guerra, as SS enviaron á maioría da poboación dos campos cara ó oeste en marchas da morte con dirección o interior de Alemaña e Austria. As tropas soviéticas entraron no campo o 27 de xaneiro de 1945, un día conmemorado dende o ano 2005 como o Día Internacional de Conmemoración en Lembranza das Vítimas do Holocausto. As décadas seguintes despois da guerra, sobreviventes como Primo Levi, Viktor Frankl e Elie Wiesel escribiron memorias das súas experiencias, e o campo converteuse nun símbolo dominante do Holocausto. En 1947, Polonia fundou o Museo estatal Auschwitz-Birkenau no lugar de Auschwitz I e II, e en 1979 foi nomeado como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Lugar de interese

editar

O bosque de Białowieża (en belaruso: Белавежская пушча, Biełaviežskaja pušča; en lituano: Baltvyžio giria; en polaco: Puszcza Białowieska) é unha reserva natural que se atopa nun dos últimos bosques virxes de Europa, o cal acolle un gran número de ungulados de gran tamaño, entre eles uns 800 exemplares do estraño e case extinto bisonte europeo. Dende 1945, atópase dividido administrativamente entre Polonia (onde recibe o nome de Puszcza Białowieska ) e Belarús (onde se lle chama Белавежская пушча ou Белавежа -Belavézhskaya Pushcha ou Belavezha). Ambas as partes están separadas por un valado que impide por igual o libre movemento de grandes animais como de turistas. O bosque recibe o seu nome da localidade polaca de Białowieża, a máis achegada á súa localización. A cidade belarusa de Brest atópase a 70 quilómetros do bosque en dirección sur.

Na parte belarusa do parque o bisonte non vaga en total liberdade, senón que se atopa nunha especie de zoo con zonas acoutadas onde tamén hai outros ungulados baixo vixilancia especial (entre eles, dúas híbridos de bisonte e vaca doméstica, de gran tamaño). Tamén conta cun museo, un restaurante, bares e hoteis construídos durante a época soviética. Para acceder ó parque debe obterse primeiro o permiso do Ministerio de Interior, polo que o número de turistas estranxeiros anuais (xa de seu escaso en Belarús) é bastante baixo. Nos últimos anos tratouse de promover o turismo familiar nacional mediante a construción nas proximidades da Casa de Ded Moroz ou "o avó dos fríos", a versión eslava de Santa Claus.

Na parte polaca, doutra banda, atópase o refuxio de caza persoal construído polos tsares de Rusia. Na actualidade foi reformado e acolle no seu interior un hotel, restaurante e aparcadoiros. Os turistas poden marchar polo parque a pé, en bicicleta ou en carruaxe de cabalos, sempre baixo a supervisión dun encargado. Estímase que cada ano visitan a parte polaca preto de 100.000 turistas, a pesar de que é considerablemente máis pequena que a belarusa.

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (1)

Imaxe destacada

editar

Casa do concello de Poznan.
Vexa o artigo Poznan.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Nicolao Copérnico, nado o 19 de febreiro de 1473 en Toruń e finado o 24 de maio de 1543, foi un astrónomo e matemático que viviu a cabalo dos séculos xv e xvi e que revolucionou a concepción do universo grazas á súa teoría heliocéntrica do Sistema Solar, que desprazou a Terra coma centro do universo, concibida en primeira instancia por Aristarco de Samos. O seu libro de referencia, De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), onde expresa a súa débeda coas obras de Azarquiel e al Battani, publicado en 1543, pouco antes da súa morte, adoita ser considerado como o punto inicial ou fundador da astronomía moderna, ademais de ser unha peza clave no que se chamou a revolución científica na época do Renacemento. Copérnico pasou preto de vinte e cinco anos traballando no desenvolvemento do seu modelo heliocéntrico do universo. Naquela época resultou difícil que os científicos a aceptasen, xa que supoñía unha auténtica revolución.

Copérnico foi matemático, astrónomo, xurista, físico, gobernador, diplomático e economista, estudoso dos clásicos, tradutor e artista. Ademais de políglota multilingüe tamén foi clérigo católico e líder militar. Xunto coas súas extensas responsabilidades, a astronomía figuraba como pouco máis ca unha distracción, con todo, foi neste campo no que marcou un fito para a humanidade. Pola súa enorme contribución á astronomía, en 1935 déuselle o nome «Copernicus» a un dos maiores cráteres lunares, situado no Mare Insularum.

Ata Copérnico, a ciencia e a Igrexa consideraban que a Terra estaba no centro do universo. Copérnico revitalizou as antigas teorías sobre o heliocentrismo pero, ademais, realizou as demostracións e cálculos astronómicos que apoiarían esta hipótese. A teoría heliocéntrica, que publicou en 1543, o ano da súa morte, é considerada unha das teorías máis importantes na historia da ciencia occidental.

Copérnico é considerado o fundador da astronomía moderna, por canto estableceu as bases que permitirían a Galileo e Isaac Newton culminar a revolución astronómica —ao pasar dun universo xeocéntrico a un cosmos heliocéntrico— e cambiar de forma irreversible a visión do cosmos prevalecente ata entón, tendo a admiración das autoridades eclesiásticas da Igrexa católica; porén, os seus libros serían incluídos no Index Librorum Prohibitorum, moitos anos despois da súa morte, co caso Galileo.

Sabías que...?

editar

  • ...que a Ulica Floriańska (rúa de San Florián, na imaxe) de Cracovia, do século XIII, é unha das vías máis prestixiosas de Polonia?


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario