Portal:Pobos indíxenas de América/Biografía destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Túpac Amaru ou Thupa Amaro (en quechua: Thupaq Amaru) nado en Cuzco en 1545 e finado ibídem o 24 de setembro de 1572, foi o derradeiro monarca indíxena (Sapa Inca) do Novo estado inca, os restos do Imperio Inca en Vilacamba. Fillo de Manco Inca, foi feito sacerdote e gardián do corpo do seu pai. Foi executado polos conquistadores españois.

En quechua, túpaq amaru significa ‘víbora brava’.

Túpac Amaru asumiu como Inca de Vilcabamba despois de que o seu medio irmán, o inca Titu Cusi, morrese en 1570. Os incas consideraron que o seu medio irmán fora obrigado a admitir misioneiros agostiños en Vilcabamba e que os españois o envelenaron. Nestes tempos, os españois aínda non foran avisados da morte do ex-Inca e enviaran, como facían habitualmente, embaixadores para continuar as negociacións en curso. Un deles foi o conquistador Atilano de Anaya, que, despois de atravesar a ponte de Chuquisaca, foi capturado e executado xunto coa súa escolta polo xeneral inca Curi Paucar. Ó ser informado desa nova polo sacerdote de Amaybamba, o novo vicerrei do Perú, Francisco de Toledo, decidiu someter, pola forza, o reino de Vilcabamba, apelando para a xustificación que "os incas quebrantaron a lei inviolábel de tódalas nacións do mundo: o respecto ós embaixadores". O vicerrei declarou formalmente a guerra o 14 de abril de 1572.