Portal:Perú/Lugar de interese/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Huaraz, fundada como San Sebastián de Huaraz, é unha cidade peruana, capital da provincia homónima e do departamento de Ancash. A zona metropolitana que abrangue parte dos distritos de Huaraz e Independencia atópase na parte central do Callejón de Huaylas e á marxe dereita do río Santa a 3.052 msnm; conta cunha extensión de 8 km² e unha poboación de 131.377 habitantes en 2011, o que fai que sexa a segunda cidade da rexión por poboación, e a segunda máis importante dos andes centrais do Perú, despois da cidade de Huancayo. Popularmente Huaraz é coñecida como a Suíza peruana, por estar arrodeada de impoñentes montañas nevadas da Cordilleira Branca.

As orixes da cidade remóntanse á época pre inca, co desenvolvemento dos primeiros asentamentos humanos arredor dos ríos Quilcay e Santa. A súa fundación española produciuse en 1574 como redución de indios. Durante a independencia do Perú, a cidade acolleu e abasteceu o exército libertador con equipos e materiais militares, ganándose así o apelativo emblemático de "A moi nobre e xenerosa cidade de Huaraz" dada polo libertador Simón Bolívar. En 1970 o 95% da cidade ficou destruído polo terremoto que asolou a rexión Áncash no que faleceron aproximadamente 20.000 huaracinos.