Portal:Perú/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Javier Pérez de Cuéllar Guerra, nado en Lima o 19 de xaneiro de 1920, é un avogado e diplomático peruano que se converteu no quinto Secretario Xeral das Nacións Unidas entre 1982 e 1991. Estudou dereito e ingresou en 1940 no Ministerio de Exteriores do Perú. En 1944 entrou a formar parte do Servizo Diplomático, e foi enviado como embaixador do Perú a Francia, Reino Unido, Bolivia, Brasil, Suíza, a Unión Soviética (sendo o primeiro embaixador do Perú neste país), Polonia e Venezuela.

En 1961 volveu para Lima para desenvolver os cargos de director do Departamento Xurídico, director da Administración, director de Protocolo e director de Asuntos Políticos. En 1966 conseguiu que o nomeasen viceministro e Secretario Xeral de Relacións Exteriores, baixo a presidencia de Belaunde Terry.

Foi designado polo seu país como delegado na Asemblea Xeral da ONU en 1946, para converterse en representante nas Nacións Unidas desde 1971 ata 1975. Representou ó Perú no Consello de Seguridade da ONU entre 1973 e 1974, desenvolvendo a función de Presidente do Consello durante o conflito de Chipre de 1974. O 18 de setembro daquel ano foi nomeado representante especial do Secretario Xeral en Chipre, cargo que ocupou ata 1977, cando volveu ao seu cargo no Ministerio de Exteriores do Perú.