Portal:Ourense/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litínicas e hipertermais, a unha temperatura entre 64 e 68 °C cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.

A composición da auga das Burgas foi determinada mediante análise polos doutores Souto e Bermejo en 1990, sendo as súas augas moi ricas en bicarbonato (462 mg/l), así como en sodio (102,2 mg/l).

As Burgas constan de tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII; a Burga do Medio, pegada ao muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.

Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975.