Saltar ao contido

Portal:México

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Null
Mapa de México Benvido ó Portal de México!
¡Kuali xiuala ipan nopa Portal de México!

Portal de México

México (nome oficial: Estados Unidos Mexicanos) é un país localizado maioritaria ou totalmente en América do Norte (dependendo de onde se trace o límite con América Central, ora na fronteira mexicana, ora no istmo de Tehuantepec). Limitado ao norte polos Estados Unidos de América, ao leste polo golfo de México e polo mar Caribe, a través dos cales se acerca a Cuba, ao sur por Guatemala e mais Belize, e ao oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental e illas adxacentes á costa, México inclúe tamén as Illas Revillagigedo, localizadas no océano Pacífico, a máis de 400 km a sur do cabo San Lucas, na Baixa California.

Artigo destacado

editar

A lingua náhuatl (que deriva de nāwatl; pronunciación náhuatl: [ˈnaːwat͡ɬ] ( )), nāwa, «son claro ou agradable» e tlahtōl-li, «lingua ou linguaxe»), coñecida tamén historicamente como lingua azteca ou lingua mexicana, é unha lingua, ou segundo algunhas definicións, un conxunto de linguas, que pertencen á familia de linguas uto-aztecas e son faladas polo pobo náhuatl. As variedades do náhuatl teñen 1,7 millóns de falantes, a maioría dos cales viven principalmente no centro de México e tamén algunhas poboacións máis pequenas nos Estados Unidos.

O náhuatl fálase no centro de México dende cando menos o século VII. Era a lingua dos mexicas, que dominaron o que hoxe é o centro de México durante o período posclásico tardío da historia mesoamericana. Durante os séculos anteriores á conquista española e tlaxcalteca do Imperio Azteca, os aztecas expandíronse ata incorporar gran parte do centro de México. A súa influencia fixo que a variedade de náhuatl falada polos residentes de Tenochtitlán se convertese na lingua de prestixio en Mesoamérica.

Despois da conquista, cando os colonos e misioneiros españois introduciron o alfabeto latino, o náhuatl converteuse tamén nunha lingua literaria. Durante os séculos XVI e XVII escribíronse nesta lingua moitas crónicas, gramáticas, obras de poesía, documentos administrativos e códices. Esta primeira lingua literaria escrita na variedade de Tenochtitlán foi etiquetada como náhuatl clásico. Está entre as linguas indíxenas de América máis estudadas e mellor documentadas.

No presente, as linguas nahuas fálanse en comunidades dispersas, sobre todo nas zonas rurais do centro de México e ao longo da costa. Hai un número menor de falantes nas comunidades de inmigrantes dos Estados Unidos. Existen diferenzas considerables entre as variedades, e algunhas non son mutuamente intelixibles. A lingua náhuatl da Huasteca, con máis dun millón de falantes, é a variedade máis falada. Todas as variedades estiveron suxeitas a diferentes graos de influencia do castelán. Ningunha lingua nahua moderna é idéntica ao náhuatl clásico, pero as que se falan no val de México e arredores están xeralmente máis relacionadas con el ca as da periferia. Segundo a Lei Xeral de Dereitos Lingüísticos dos Pobos Indíxenas de México, promulgada en 2003, o náhuatl e outras 63 linguas de México están recoñecidas como linguas nacionais na rexión onde se falan. Conferíuselles o mesmo status ca o castelán nas súas respectivas rexións.

As linguas nahuas presentan unha morfoloxía, ou sistema de formación de palabras complexa, caracterizada pola polisíntese e a aglutinación. Isto quere dicir que os morfemas, palabras ou anacos de palabras que conteñen cada un o seu propio significado separado, adoitan enlazarse para formar palabras complexas máis longas.

A través dun longo período de desenvolvemento xunto a outras linguas mesoamericanas indíxenas, absorberon moitas influencias, chegando a formar parte da área lingüística mesoamericana. Moitas palabras do náhuatl foron absorbidas polo castelán e, a partir de aí, difundíronse a outras linguas do mundo. A maioría destes préstamos son conceptos indíxenas do centro de México, que os españois escoitaron mencionar por primeira vez polos seus nomes náhuatl. O galego tamén absorbeu palabras de orixe náhuatl, incluíndo aguacate, caiota, chile, chipotle, chocolate, atlatl, coiote, peiote, axolote e tomate. Estas, e outras moitas palabras, foron adoptadas en ducias de linguas en todo o mundo. Os nomes de varios países, México, Guatemala e Nicaragua, derivan do náhuatl.

Lugar de interese

editar

A Pirámide do Sol é o maior edificio de Teotihuacán, e un dos maiores de Mesoamérica. Crese que foi construído arredor do ano 200. Situado na avenida dos Mortos, entre a Pirámide da Lúa e a Cidadela, á sombra da montaña Cerro Gordo, a pirámide fai parte dun gran complexo no centro da cidade.

O nome de Pirámide do Sol vén dos aztecas, que visitaron a cidade de Teotihuacán séculos despois de ser abandonada; descoñécese o nome que deron á pirámide os teotihuacanos. Foi construída en dúas fases. A primeira etapa de construción, arredor do ano 200, levou a pirámide case ao tamaño actual. A segunda etapa deu como resultado o seu tamaño completo de 225 metros de largura e 75 metros de altura, o que a converte na terceira pirámide máis grande do mundo, aínda que só con algo máis da metade da altura da Gran Pirámide de Gizeh (146 metros). A segunda fase tamén viu a construción dun altar no alto da pirámide que non sobreviviu aos tempos modernos.

Sobre a estrutura, os antigos teotihuacanos remataron a súa pirámide con xeso de cal importado das zonas circundantes, sobre o que pintaron murais de cores brillantes. Aínda que a pirámide perdurou durante séculos, a pintura e o xeso que xa non son visibles.

Pensouse que na pirámide se veneraba unha deidade dentro da sociedade teotihuacana. Porén, hai poucas evidencias que avale esta hipótese.

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (1)

Imaxe destacada

editar

Arma azteca de madeira con follas de obsidiana.
Vexa o artigo Macuahuitl.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

K'inich Janaab' Pakal (pronunciado en maia: [k’ihniʧ xanaːɓ pakal]) ou Pakal o Grande, nado o 23 de marzo de 603 e finado o 28 de agosto de 683, foi un ahau ou gobernante do ajawlel ou señorío maia de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', agora coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, que se atopa no norte do estado mexicano de Chiapas.

Foi entronizado pola súa nai á idade de doce anos, gobernou dende o ano 615 até o 683. Ascendeu ó poder despois de que Palenque sufrise un período de adversidade. Durante as primeiras décadas do seu goberno viviuse unha época de paz e produtividade. No ano 659 iniciou unha campaña militar que consolidou a Palenque como unha das cidades máis importantes da rexión. Durante un reinado de 68 anos, o máis longo período de reinado coñecido na historia de América, o goberno de Pakal caracterizouse por impulsar o crecemento da obra arquitectónica de Palenque e por iniciar os rexistros xeroglíficos da súa historia dinástica.

Sabías que...?

editar

Cidade de México.

  • ... a Cidade de México (orixinalmente chamada Tenochtitlán) foi construída sobre un lago, polo que na época da colonia era chamada a Venecia de América. Por mor de que o lago permanece no subsolo, a cidade afunde a un ritmo de 20 cm por ano.


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario