Portal:Irlanda/Lugar de interese/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sceilg Mhichíl, tamén coñecida como Skellig Michael en inglés, é unha illa rochosa despoboada que se atopa a 11,6 km ao oeste da península de Iveragh, no condado irlandés de Kerry. É a meirande das dúas illas Na Scealaga (a outra é Sceilg Beag). Sceilg Mhichíl significa "Rocha de (San) Miguel" en lingua irlandesa. O seu punto máis alto atópase a 218 msnm e ten unha superficie de 22 ha. Arredor do século VII estabeleceuse un mosteiro cristián na illa e permaneceu ocupado até finais do século XII cando foi abandonado.

En 1996, o complexo monástico da illa foi incluído na listaxe de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO baseándose en criterios culturais:

...o sitio posúe un valor universal por tratarse dun excepcional, e en moitos aspectos único, exemplo dun asentamento relixioso temperá deliberadamente situado sobre unha rocha piramidal no océano, preservado grazas á súa salientábel contorna natural. Ilustra, como en ningures, os extremos dun monasticismo cristián moi característico do norte de África, Oriente Próximo e Europa.
UNESCO