Portal:Irlanda/Artigo destacado/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un leprechaun (en irlandés: leipreachán) é unha criatura fantástica propia da mitoloxía irlandesa. Adóitase representar como un home pequeno con barba, que leva un abrigo e un sombreiro, e que gosta de facer trasnadas. Segundo a cultura popular os leprechauns son criaturas solitarias que fan e remendan zapatos e que posúen unha pota de ouro ao final do arco da vella. Se son capturados por un ser humano teñen o poder máxico de conceder tres desexos a cambio da súa liberdade. Ao igual que acontece con outras criaturas fantásticas de Irlanda, os leprechauns están relacionados cos Tuatha Dé Danann.

As representacións modernas dos leprechauns baséanse en gran medida en caricaturas e estereotipos despectivos dos irlandeses do século XIX.

Os leprechauns tiñan orixinalmente unha aparencia diferente dependendo do lugar de Irlanda no que se atopasen e antes do século XX dicíase que vestían de vermello e non de verde. De acordo con David Russell McAnally (1888), "mide tres pés de alto e viste unha pequena chaqueta vermella. Leva pantalóns vermellos cunha fibela en cada xeonllo, medias grises ou negras e un sombreiro bicorne, do estilo de hai un século, sobre unha face pequena, vella e murcha".

O leprechaun está relacionado co clurichaun e co far darrig, que tamén son descritos como criaturas solitarias na mitoloxía irlandesa. O trasno da mitoloxía galega tamén presenta semellanzas co leprechaun, pois é anano, gosta das falcatruadas e adoita vestir de vermello.