Saltar ao contido

Portal:Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Null
Mapa de Inglaterra Benvido ó Portal de Inglaterra!
Welcome to the England Portal!

Portal de Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co océano Atlántico, Gales e o mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente até o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

Artigo destacado

editar

A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.

A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066, e estableceu unha cabeza de praia para a súa conquista. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.

Descoñécese o número exacto das forzas presentes na batalla. As estimacións modernas indican cifras de ó redor de 10 000 soldados de Guillerme e uns 7 000 de Haroldo. O exército inglés estaba composto na súa maioría de infantaría e tiña poucos arqueiros, mentres que só a metade a forza de invasión era infantaría, co resto dividido en partes iguais entre cabalaría e arqueiros. Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. Os primeiros esforzos dos invasores para rachar as liñas inglesas foron pouco efectivos. Os normandos pasaron entón a adoptar unha táctica que consistiu en simular unha fuxida por mor do pánico para posteriormente volver loitar cos seus perseguidores. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.

A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme. O número de baixas non se coñece con exactitude, pero segundo algúns historiadores as estimacións indican que morreron 2 000 invasores xunto cuns 4 000 ingleses. Guillerme fundou un mosteiro no lugar da batalla, e o altar maior da igrexa da abadía está presuntamente localizado no lugar no que morreu Haroldo.

Lugar de interese

editar

Stonehenge é un monumento neolítico (crómlech) e da idade de bronce situado preto de Amesbury en Wiltshire, Inglaterra, a uns 13 km ao noroeste de Salisbury. Trátase dun monumento megalítico probabelmente construído como templo-calendario. Está situado cronoloxicamente no período neolítico ou na Idade de bronce.

Está formado por catro círculos concéntricos de pedras. O círculo exterior, de 30 m de diámetro, está formado por grandes pedras rectangulares de gres, que orixinalmente estaban rematadas por linteis tamén de pedra, quedando hoxe en día só catro no seu sitio. Dentro desta fileira exterior encóntrase outro círculo de bloques máis pequenos de gres azulado. Neste obsérvase no seu interior unha ferradura construída por pedras de gres da mesma cor, e no seu interior permanece unha lousa de gres micácea coñecida como o Altar. Todo o conxunto está rodeado por un foxo circular que mide 104 m de diámetro. Dentro deste espazo álzase un bancal no que aparecen 56 fosas coñecidas como os "furados de Aubrei". O bancal e o foxo están cortados pola Avenida, un corredor procesional de 23 metros de ancho e de 3 km aproximadamente de lonxitude. Preto áchase a Pedra do Sacrificio. En fronte encóntrase a Pedra Talón.

Está composto dun gran círculo de grandes megálitos cuxa construción se data entre 2500 a.C.|2500 e 2000 a.C.. O círculo de area que rodea os megálitos está considerado a parte máis antiga do monumento, estando datada sobre o 3100 a.C.. No seu comezo era un monumento circular de carácter ritual rodeado por un noiro e un foxo, de xeito similar a moitos outros situados no sur de Inglaterra. En 2200 a.C. foi cando tomou o seu aspecto actual, para o cal transportaron 32 bloques de gres desde as montañas de Preseli, ao suroeste de Gales e a pedra do Altar foi traída desde unha rexión próxima a Milford Haven.

Descoñécese a finalidade que tiveron os construtores deste gran monumento, mais suponse que era un observatorio astronómico que servía para predicir estacións e como templo relixioso.

Artigos de calidade (21)

Artigos bos (1)

Imaxe destacada

editar

A Torre Branca da Torre de Londres.
Vexa o artigo Historia de Inglaterra.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Guy Fawkes (/ˈɡ ˈfɔːks/), nado en York en 1570 e finado o 31 de xaneiro de 1606, tamén coñecido coma Guido Fawkes, nome que adoptou cando loitou no bando español, foi un membro dun grupo de católicos ingleses que planearon a fracasada conspiración da pólvora de 1605. Educouse na súa cidade natal de York. O seu pai faleceu cando el tiña 8 anos de idade, e tras isto a súa nai casou cun católico recusante. Fawkes converteuse ó catolicismo e viaxou ó continente, onde loitou na guerra dos Oitenta Anos no bando do Imperio Español católico contra os neerlandeses protestantes nos Países Baixos. Viaxou ata España procurando apoio para unha rebelión católica en Inglaterra sen éxito, onde coñeceu a Thomas Wintour, con quen retornou a Inglaterra.

Wintour presentoulle a Robert Catesby, quen planeaba asasinar o rei Xacobe I e instaurar unha monarquía católica no trono. Os conspiradores alugaron unha cripta baixo a cámara dos lords, e Fawkes quedou ó cargo da pólvora que almacenaron alí. As autoridades, tras recibir unha carta anónima, comezaron unha procura no Palacio de Westminster nas primeiras horas do 5 de novembro, e atoparon a Fawkes protexendo os explosivos, tralo que foi arrestado. Nos días seguintes foi interrogado e torturado, confesando eventualmente. Xusto antes da súa execución o 31 de xaneiro Fawkes caeu da plataforma dende a que ía ser aforcado e partiu o pescozo, evitando así a agonía da subsecuente mutilación.

Fawkes pasou a ser sinónimo da conspiración da pólvora, fracaso polo que se conmemora en Inglaterra dende o 5 de novembro de 1605. Tradicionalmente quéimase a súa efixie nunha fogueira, habitualmente acompañada de fogos artificiais. Segundo Lewis Call, Fawkes está considerado coma "un instrumento potencialmente poderoso para a articulación do anarquismo posmoderno", exemplificado na máscara do protagonista da banda deseñada V for Vendetta e do filme homónimo.

Sabías que...?

editar


...Arquivo
Portais relacionados

editar

Países e dependencias do Reino Unido
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario