Portal:Francia/Cidade destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Grandes Armes de Paris.svg

París (en francés Paris Fr-Paris.oga [pa.ʁi] ) é a capital de Francia, Chef-lieu da Illa de Francia e a única comuna-departamento do país. Atópase nun meandro do río Sena no centro da Conca parisiense, entre a confluencia do río Marne e o Sena augas arriba, e o Oise e o Sena augas abaixo. A cidade de París dentro dos seus límites administrativos ten unha poboación estimada de 2.181.371 habitantes (2006). Con todo, durante o século XX, a área metropolitana de París espallouse alén dos límites da comuna. A súa área urbana, a segunda máis grande de Europa, ten unha poboación de 11.174.740 habitantes (1999).

A rexión de París (Illa de Francia) é, xunto con Londres, o centro económico máis importante de Europa. Con 500,8 mil millóns de euros (630 mil millóns de dólares), produciu unha cuarta parte do Produto Interior Bruto (PIB) de Francia no 2006. París tamén acolle ou acolleu a moitas organizacións internacionais como a Unesco, a OCDE, a Corte Penal Internacional e o Club de París.

A cidade é o destino turístico máis popular do mundo, con máis de 26 millóns de visitantes estranxeiros por ano. Adoita considerarse como a cidade máis fermosa, elegante e espectacular do mundo por contar con moitos dos monumentos máis famosos e admirados do orbe: a Torre Eiffel, a Catedral de Notre-Dame, os Campos Elisios, o Arco do Triunfo, a Basílica do Sacré Cœur, d'Os Inválidos, o Panteón, o Arco de La Défense, a Ópera Garnier ou o barrio de Montparnasse, entre outros. Tamén alberga institucións de recoñecemento mundial: o Louvre, o Museo de Orsay e o Museo Nacional de Historia Natural de Francia.