Portal:Feminismo/Biografía destacada/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rosa Luxemburg (en polaco: Róża Luksemburg), nada en Zamość (Imperio Ruso) o 5 de marzo de 1871 ou 1870, e finada en Berlín o 15 de xaneiro de 1919, foi unha militante socialista, teórica marxista e feminista polaca de orixe xudía, nacionalizada alemá.

Foi membro do partido da Socialdemocracia do Reino de Polonia e Lituania (SDKPiL), do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), do Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e do Partido Comunista de Alemaña (KPD). En 1915, xunto con Karl Liebknecht fundaron a Liga Espartaquista (Spartakusbund) que posteriormente se convertería no Partido Comunista Alemán.

Viu o levantamento espartaquista producido en 1919 como unha equivocación, porén, chegou a apoialo máis tarde. Cando o goberno socialdemócrata, xunto cos Freikorps (soldados que participaran na primeira guerra mundial, e que se organizaron en grupos paramilitares), acabaron coa revolta, Luxemburg, Liebknecht e outros dos participantes foron detidos e asasinados. Luxemburg recibiu un disparo e o seu corpo foi guindado ao Landwehrkanal, en Berlín.

As súas ideas inspiraron tendencias da esquerda comunista e deron orixe a posteriori á corrente intelectual coñecida baixo o nome de luxemburgismo. A herdanza de Rosa Luxemburg foi reivindicada porén, de maneira contraditoria, por movementos políticos moi diversos.

O seu traballo para a consecución dun socialismo democrático internacional, en contra do militarismo e da guerra, é considerado hoxe en día por moitos un modelo a seguir. Dende 1996, un domingo a mediados de xaneiro celébrase cada ano, en Berlín, o día de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht, en lembranza do asasinato dos dous dirixentes comunistas o 15 de xaneiro de 1919.