Portal:Fútbol/Equipo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Blackburn Olympic F.C. foi un equipo de fútbol inglés de finais do século XIX co sede na cidade de Blackburn, en Lancashire. A pesar de que o club existiu só unha década, é moi importante na historia do fútbol en Inglaterra, xa que foi o primeiro equipo do norte do país e o primeiro da clase traballadora que gañou a principal competición futbolística da nación, a Football Association Challenge Cup (coñecida xeralmente como FA Cup). A copa só fora gañada por equipos afeccionados adiñeirados dos Home counties, e a vitoria do Olympic marcou un punto decisivo na transición do deporte, dende un pasatempo dos homes de clase alta a un deporte profesional.

O club fundouse en 1878 e nos seus inicios só participou en torneos locais menores. En 1880 ingresou por primeira vez na FA Cup e tres anos máis tarde venceu o Old Etonians F.C. en Kennington Oval, gañando o trofeo. Esta vitoria foi un factor importante na decisión tomada polo consello de administración deportivo, a Football Association, para permitir o profesionalismo. Con todo, o Olympic foi incapaz de competir cos equipos máis ricos e de mellor soporte económico da era profesional e desapareceu en 1889.

Moitos dos partidos que o Olympic xogou como local disputáronse no Hole-i'-th-Wall Stadium, que lle debe o seu nome a un pub próximo. A partir de 1880, a primeira equipación do Olympic consistiu nunha camisola celeste e pantalóns brancos. Un xogador do club, James Ward, foi convocado pola selección inglesa e outros seis xogadores internacionais xogaron para o club; entre estes encontrábase Jack Hunter, quen era o adestrador do club cando o equipo gañou a FA Cup.