Portal:Eurovisión/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Festival de Eurovisión (en inglés Eurovision Song Contest; en francés Concours Eurovision de la Chanson) é un festival da canción televisado, creado en 1956, de carácter anual e con participantes de numerosos países europeos, organizado pola Unión Europea de Radiodifusión. A representación dos diversos países escóllena as canles de televisión pública. O Festival retransmítese por televisión e radio en toda Europa. Nos últimos anos, o Festival retransmitiuse a moitas outras partes do mundo (é especialmente seguido en Australia) e tamén se difundiu a través de internet.

O nome do concurso vén da Rede de Distribución de Televisión de Eurovisión, que está controlada pola Unión Europea de Radiodifusión (UER) e pode alcanzar audiencias potenciais de máis de mil millóns de persoas. Calquera membro da UER pode participar no Festival, incluíndo as televisións públicas dalgúns países africanos e asiáticos, concretamente as de Alxeria, Exipto, Israel, Xordania, Líbano, Libia, Armenia, Xeorxia, Acerbaixán, Marrocos, Turquía e Tunisia. Destes países non europeos, só Turquía, Armenia, Israel, Marrocos, Xeorxia e Acerbaixán participaron no Festival. Tunisia tamén amosou interese en participar a finais dos 70. Líbano ía participar no 2005 pero retirouse porque non estaba disposta a retransmitir a actuación de Israel e a UER non consentiu ese corte na emisión do Festival.