Saltar ao contido

Portal:Cornualla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de Cornualla Benvido ó Portal de Cornualla!
Porth Kernow a'gas dynnargh!

Portal de Cornualla

Cornualla (en inglés: Cornwall; en córnico: Kernow) é un condado administrativo e cerimonial, que ocupa parte da península do mesmo nome, no extremo suroccidental de Inglaterra. Os seus habitantes, os córnicos, están recoñecidos como unha minoría nacional polo Reino Unido desde o 24 de abril de 2014. As súas costas, moi recortadas, son bañadas polo mar Céltico ó norte e oeste e polo canal da Mancha ó sur, e culminan na parte oeste, no chamado Fin da Terra, que equivalería á Fisterra galega ou á Finistère bretoa.

O tamén coñecido como país do estaño está ó oeste do condado de Devon, co río Tamar como fronteira entre ambos. As estradas principais de comunicación co resto da illa de Gran Bretaña son a A38 —que cruza o Tamar en Plymouth grazas á ponte do Tamar— e a A30 —que cruza a fronteira polo sur de Launceston—. Un transbordador tamén une Plymouth coa cidade de Torpoint ó outro lado do Hamoaze. Unha ponte ferroviaria (a Royal Albert Bridge), construída por Brunel en 1859, completa a outra gran vía de transporte.

As illas Scilly están asociadas a Cornualla. Cornualla é tamén un ducado pertencente á coroa británica que ten asociado o título de Duque de Cornualla, correspondente ao herdeiro do rei. O moderno ducado é propietario do 2% do territorio, así como doutras grandes áreas ó longo de Gran Bretaña. Entre 2005 e 2022, o título gañou notoriedade por ser empregado de xeito preferente por Camila do Reino Unido logo da súa voda co príncipe de Gales, Carlos de Inglaterra.

Artigo destacado

editar

O folclore córnico refírese ó conxunto de tradicións, costumes e manifestacións artísticas que desenvolvidos polo pobo córnico en Cornualla. É especialmente prolífico e rico en contos e mitos, moitos deles sobre criaturas fantásticas como xigantes, sereas, buccas e pixies (xente pequena). Aínda son incribelmente populares hoxe en día, e hai multitude de eventos celebrados en Cornualla nos que se poden atopar os droll teller, que son persoas que contan as historias. Algúns destes contos e lendas tiveron moito éxito de publicación, particularmente nos libros para cativos. Un exemplo é o libro Jack the Giant Killer, que ten lugar en Cornualla.

Tamén é destacábel que moitas das lendas que asocian o Rei Artur con Cornualla, sitúan o seu lugar de nacemento en Tintagel, que era a corte do seu tío Marco de Cornualla. Unhas das personalidades da bruxaría moderna é Gemma Gary, que teorizou e sistematizou o conxunto de crenzas labregas tradicionais deste folclore.

Lugar de interese

editar

As Illas Scilly (en córnico: Syllan) son un arquipélago do suroccidente de Cornualla. Unha das illas, St Agnes, é o punto máis meridional de Inglaterra, estando 6,4 km máis ó sur que o punto máis meridional da illa de Gran Bretaña, en Lizard Point.

Segundo o censo de 2011, a poboación das illas era de 2 203 persoas. Scilly forma parte do condado cerimonial de Cornualla, e algúns dos seus servizos convínanse cos de Cornualla. Porén, dende 1890, as illas teñen unha autoridade local separada da do condado. Dende a orde das Illas Scilly de 1930, esta autoridade ten o status de consello de condado e hoxe é coñecido como Consello das Illas Scilly.

O adxectivo en inglés "Scillonian" é empregado ás veces para referirse ós habitantes do arquipélago. O Ducado de Cornualla é propietario vitalicio das illas. O turismo é a principal actividade económica local, xunto coa agricultura de flores de corte.

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (0)

Imaxe destacada

editar

Dama de Cornualla e nenas das flores no Gorseth (Penzance) de 2007.
Vexa o artigo de Gorsedh Kernow.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Henry Jenner, nado en St Columb Major o 8 de agosto de 1848 e finado o 8 de maio de 1934 foi un investigador das linguas celtas, escritor e activista cultural córnico. Foi o impulsor do rexurdimento da lingua córnica. Fillo de Henry Lascelles Jenner, sacerdote anglicano que máis tarde acadaría a dignidade de bispo e neto do xuíz Herbert Jenner-Fust. En 1869 Jenner logrou un posto como empregado da división de sucesións do Tribunal Superior e dous anos despois empezou a traballar no departamento de manuscritos antigos do Museo Británico.

Interesado nas linguas célticas, leu varias disertacións na Sociedade Filolóxica de Londres sobre o córnico entre 1873 e 1876 e tamén sobre outras linguas celtas, en especial o manx. En 1877 descubriu, mentres traballaba no Museo Británico, corenta e dúas liñas dunha obra medieval escrita en córnico arredor do ano 1450, coñecida como Keynskrif an Chartour ou The Charter Fragment.

En 1901 fundou con L. C. R. Duncombe-Jewell a primeira sociedade da lingua córnica "Cowethas Kelto-Kernuak". En 1904 publicou A Handbook of the Cornish Language, obra considerada o inicio do rexurdimento córnico. A súa versión de córnico baseábase na fala do oeste de Cornualla no século XVIII non obstante o seu discípulo Robert Morton Nance orientaríaa máis tarde cara ao córnico medieval. Na edición de 2010, Michael Everson publicou unha nova edición con tres ensaios publicados anos antes e varias tarxetas de Nadal e ano novo con versos en córnico e inglés.

De ideas políticas conservadoras e xacobitas, foi chanceler da Order of the White Rose, formada por simpatizantes dos Stuart e tamén apoiou o xornal The Royalist, que se publicou entre 1890 e 1905.

Despois de traballar no Museo Británico durante máis de corenta anos en 1909 Jenner e a súa dona Kitty establecéronse en Hayle, a cidade natal da súa esposa, e en xaneiro de 1912 converteuse en bibliotecario da Morrab Library, un posto que ocupou ata 1927. Tamén actuou como presidente da Royal Cornwall Polytechnic Society e da Royal Institution of Cornwall. e foi Gran Bardo da Gorsedh Kernow de 1928 a 1934 utilizando o nome bárdico de Gwas Myha. Contribuíu a Catholic Encyclopedia con artigos sobre ritos litúrxicos católicos.

Sabías que...?

editar

John Houblon.


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario