Portal:Barcelona/Biografía destacada/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980, é un xogador catalán profesional de baloncesto que xoga para Chicago Bulls da National Basketball Association (NBA). Fillo de Marisa Sáez e Agustí Gasol, pasou case toda a súa infancia xogando en equipos de Cataluña. O irmán de Pau, Marc Gasol, é tamén xogador profesional de baloncesto, actualmente forma parte do plantel dos Memphis Grizzlies da NBA.

Gasol foi escollido polos Atlanta Hawks no Draft da NBA de 2001, mais os seus dereitos foron vendidos á recén trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, e onde gañou o premio ao Rookie do Ano da NBA. Actualmente posúe os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos. Despois de sete anos nesa franquía, Gasol foi traspasado ós Los Angeles Lakers o 1 de febreiro de 2008.