Portal:Barcelona/Artigo destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Barcelona:

1[editar a fonte]

O Templo Expiatorio da Sagrada Familia (en catalán: Temple Expiatori de la Sagrada Família), coñecido simplemente como Sagrada Familia, é unha basílica católica da cidade de Barcelona, obra non rematada do arquitecto Antoni Gaudí. Iniciada en 1882, é a obra máis importante de Gaudí e o máximo expoñente da arquitectura modernista catalá. Segundo datos do ano 2011, é o monumento máis visitado de España, con 3,2 millóns de visitantes, por riba do Museo do Prado (2,9 millóns) e da Alhambra de Granada (2,3).


2[editar a fonte]

A Torre Agbar é un rañaceos da cidade de Barcelona, propiedade da inmobiliaria Laietana, e sede do Grup Agbar. Está situado na Plaça de les Glòries Catalanes, no distrito de Sant Martí. Diseñado polo arquitecto francés Jean Nouvel, inaugurouse o 16 de setembro de 2005.

Ten 30.000 m² dedicados a oficinas, 3.210 m² para servizos e instalacións técnicas, e 8.350 m² para servizos xerais, incluíndo un auditorio. A Torre Agbar ten unha altura de 144 metros, repartidos en 38 plantas, 4 delas soterradas. É o terceiro edificio máis alto da cidade, logo do Hotel Arts e a Torre Mapfre.

Na fachada hai uns 4.000 dispositivos luminosos que utilizan a tecnoloxía LED e que permiten crear imaxes ao redor do perímetro cilíndrico. Ademais, dispón de sensores de temperatura no exterior da torre que regulan a apertura e o peche das láminas de vidro que conforman a pel do rañaceos.


3[editar a fonte]

O Parc Güell (en galego: Parque Güell) é un parque público con xardíns e elementos arquitectónicos situado na parte superior da cidade de Barcelona, en Cataluña. É o resultado actual dunha fallida operación urbanística que tentaba crear unha cidade xardín ao estilo inglés de acordo coas tendencias do momento que procuraban o contacto coa natureza. Foi deseñado por Antoni Gaudí, máximo expoñente do modernismo catalán, por encargo do empresario Eusebi Güell.


4[editar a fonte]

O Arco de Triunfo de Barcelona (en catalán: Arc de Triomf) é un monumento desa cidade que se ergue na confluencia do paseo de Lluís Companys e o paseo de Sant Joan. Foi construído con motivo da Exposición Universal de 1888 e era a portada de acceso ao recinto feiral. É obra do arquitecto Josep Vilaseca i Casanovas. Trátase dunha construción vermelliza de ladrillo vista de estilo neomudéxar, moi de moda na época. Destacan os seus relevos escultóricos da parte superior: o friso da fachada principal, a que da ao paseo de Sant Joan, contén a escultura "Barcelona rep les nacions" (Barcelona reciba as nacións) de Josep Reynés; o da fachada posterior representa "Recompensa", e é unha obra primeriza de Josep Llimona, que figura o libramento de galardóns aos participantes na 'Exposición.


5[editar a fonte]

O Futbol Club Barcelona, coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán. Segundo a clasificación histórica da IFFHS, o FC Barcelona é o mellor equipo de fútbol do mundo dende 1991, ano no cal esta organización comezou a computación estatística de resultados. O lema do club é "El Barça és més que un club". Os seareiros do FC Barcelona son coñecidos co sobrenome de "culés".


6[editar a fonte]

 

Os XXV Xogos Olímpicos foron realizados en Barcelona, Cataluña, terra natal do presidente do Comité Olímpico Internacional, Juan Antonio Samaranch, entre o 25 de xullo e o 9 de agosto de 1992 coa participación de todos os países filiados ao COI, 169 estados, por primeira vez dende os Xogos de Múnic en 1972.

Dende os Xogos anteriores, en 1988, o mundo testemuñou importantes mudanzas políticas. O Apartheid foi abolido en Suráfrica, o que permitiu o retorno deste país aos Xogos, despois de 32 anos de ausencia. Coa caída do Muro de Berlín en 1989, Alemaña volveu a participar como un só estado, así como Iemen. A URSS foi dividida en quince países independentes após o colapso do comunismo que participaron baixo unha soa bandeira, a CEI, Comunidade dos Estados Independentes. As repúblicas bálticas de Estonia, Letonia e Lituania, so dominio soviético dende a II Guerra Mundial, participaron baixo a súa propia bandeira como nacións independentes, a primeira vez dende 1936.


7[editar a fonte]

A Exposición Internacional de Barcelona tivo lugar do 20 de maio de 1929 ao 15 de xaneiro de 1930 en Barcelona (España). Celebrada na montaña de Montjuïc, desenvolveuse nunha superficie de 118 hectáreas, e tivo un custo de 130 millóns de pesetas. Entre a vintena europea de nacións que oficialmente participaron estaban países como Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Hungría, Italia, Noruega, Romanía ou Suíza. Tamén participaron expositores privados xaponeses e estadounidenses.


8[editar a fonte]

O Aeroporto de Barcelona–El Prat (IATA: BCNOACI: LEBL) é un aeroporto español da rede de AENA que dá servizo á cidade de Barcelona. Atópase 10 km ao suroeste da cidade, no municipio de El Prat de Llobregat, a unha altura de 4 metros sobre o nivel medio do mar. É o maior aeroporto en extensión e tráfico de Cataluña, e o segundo de maior tráfico de España tralo Aeroporto de Barajas (Madrid), co que mantén o corredor aéreo regular de pasaxeiros máis transitado do mundo. Ademais é o oitavo aeroporto de Europa por pasaxeiros e o 35º do mundo.


9[editar a fonte]

O asedio de Barcelona foi unha operación militar central dentro da Guerra de Cataluña, derradeiro episodio hispánico da Guerra de Sucesión Española, entre o 25 de xullo de 1713 e o 11 de setembro de 1714. Malia que Barcelona xa fora asediada nesa mesma guerra uns anos antes, no Asedio de Barcelona (1706) - implicando a tropas das grandes potencias, durante a Guerra de Cataluña, os exércitos estranxeiros foran evacuados. Neste conflito enfrontáronse os defensores de Barcelona, compostos pola Coronela, o exército regular catalán con tropas procedentes do resto de territorios da Coroa de Aragón, e soldados doutros territorios que apoiaban a Carlos VI. O asedio foi proposto polo duque de Popoli, inicialmente máis como un bloqueo con aires de terrorismo bombardeiro, e non como un asalto propiamente dito, xa que agardaba a rendición por esgotamento da cidade. En xullod e 1713, a entrada en xogo dun exército proveniente do Reino de Francia para apoiar o exército español, provocado polo cambio de dirección militar cara ó Duque de Berwick, decantou severamente o devir do asedio, converténdose nun asalto de trincheiras e minas nas murallas. Moi sobrepasados en número, e completamente rodeados de soldados borbónicos, os defensores foron totalmente eliminados.


10[editar a fonte]

O Metro de Barcelona é a rede de ferrocarril metropolitano da cidade de Barcelona, a máis extensa de Cataluña e a segunda máis extensa do estado español, e desde 2009, a primeira rede de ferrocarril metropolitano española que conta con liñas totalmente automatizadas, as liñas L9, L10 e L11. Da servizo á cidade de Barcelona e algunhas cidades da súa área metropolitana como l'Hospitalet de Llobregat, Cornellà de Llobregat, Santa Coloma de Gramenet, Badalona, Sant Boi de Llobregat e Montcada i Reixac.