Saltar ao contido

Portal:África

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
[[Ficheiro:|1100px]]

África (Gl-África.ogg pronunciación ) é o segundo continente en poboación e extensión, despois de Asia. A súa área é de 30.249.096 km², incluíndo as illas adxacentes, o que representa o 20% da superficie da Terra. Con 1 200 millóns de persoas no ano 2016, representa o 16% da poboación mundial. Limita ao norte co mar Mediterráneo, ao oeste co océano Atlántico, ao sur coa conxunción dos océanos Atlántico e Índico e ao leste co mar Vermello e o océano Índico. O continente inclúe a illa de Madagascar e varios arquipélagos. Ten 54 estados soberanos plenamente recoñecidos, nove territorios e dous estados independentes de facto non recoñecidos ou con recoñecemento limitado. A maioría do continente e dos seus países atópanse no hemisferio norte, mais cunha parte substancial no hemisferio sur.

A poboación media de África é a máis nova de entre tódolos continentes; cunha media de idade no 2012 de 19,7 anos, mentres que no resto do mundo a media era de 30,4. Alxeria é o país africano máis grande en superficie, e Nixeria o que conta coa maior poboación. África, particularmente a zona central leste, está considerada a orixe da humanidade e da árbore Hominidae (homínidos) segundo unha das hipóteses científicas da evolución humana (a da "arca de Noé"), pola descuberta alí dos restos máis antigos dos antecesores humanos, datados darredor duns sete millóns de anos, como poden ser Sahelanthropus tchadensis, Australopithecus africanus, A. afarensis, Homo erectus, H. habilis ou H. ergaster; e o Homo sapiens atopado en Etiopía duns 200.000 anos. África é atravesada polo ecuador e ten numerosas áreas climáticas, sendo o único continente en ter climas temperados nas súas zonas norte e ur.

África alberga unha gran diversidade étnica, cultural e lingüística. A finais do século XIX, os países europeos colonizaron case toda África; a maioría dos actuais estados de África xurdiron dun proceso de descolonización durante o século XX. As nacións africanas cooperan a través da Unión Africana, cuxa sede está en Adís Abeba.

A Organización para a Unidade Africana (OUA) (convertida en 2002 na actual Unión Africana (UA)) naceu o 25 de maio de 1963. Deste xeito, cada 25 de maio celébrase o Día de África, co obxectivo de promover a unidade e solidariedade entre os países africanos e acadar a cooperación internacional.

País destacado

editar

Tanzania, oficialmente República Unida de Tanzania (en suahili: Jamhuri ya Muungano wa Tanzania), é un país da África oriental, dentro da rexión dos Grandes Lagos Africanos. Limita ao norte con Uganda e Kenya, ao leste polo océano Índico, ao sur por Mozambique, por Malawi e por Zambia e ao oeste por Burundi, por Ruanda e pola República Democrática do Congo, fronteira exclusivamente lacustre, a través do Lago Tanganica. O país inclúe tamén o arquipélago de Zanzíbar, no Índico. O Kilimanjaro, a montaña máis alta de África, está situada no nordeste de Tanzania. Segundo as Organización das Nacións Unidas, Tanzania ten unha poboación de 63,59 millóns, polo que é o país máis poboado situado totalmente ao sur do ecuador.

O país está dividido en 30 rexións administrativas: cinco na área semi-autónoma do arquipélago de Zanzíbar e 25 no continente, na antiga Tanganica. O xefe do estado é o Presidente Jakaya Mrisho Kikwete, elixido en 2005. Dende 1996, a capital oficial de Tanzania e Dodoma, onde está localizada a Asemblea Nacional e as oficinas do goberno. Entre a súa independencia e 1996, a principal cidade costeira, Dar es Salaam, serviu como capital política. Segue a ser a principal cidade comercial do país e numerosas institucións do goberno seguen localizadas alí. É tamén o porto máis importante do país.

Tanganica e Zanzíbar fusionáronse o 26 de abril de 1964 para formar a República Unida de Tanganica e Zanzíbar. O 29 de outubro dese mesmo ano, o país foi renomeado como República Unida de Tanzania ('Tan' provén de Tanganica e 'Zan' de Zanzíbar). É, canda Kenya e Uganda, un dos tres países da África oriental ex británica. Agás os masai do norte do país, que son nilocamitas, o resto da poboación está formada por unhas 140 tribos bantú, sendo as máis importantes as de sukuma, nyamwezi, gogo e chagga no norte, e makonde e hehe no sur. O suahili e o inglés son as dúas linguas oficiais.

Historia

editar

Kasai do Sur (francés: Sud-Kasaï) foi un estado secesionista non recoñecido da República do Congo (a actual República Democrática do Congo) que foi semiindependente entre 1960 e 1962. Inicialmente proposto só como unha provincia, Kasai do Sur buscou a autonomía plena en circunstancias similares ás do seu estado veciño de Katanga, moito máis grande e situado ao sur, durante a axitación política xurdida logo da independencia do Congo Belga coñecida como crise do Congo. Con todo, a diferenza de Katanga, Kasai do Sur non declarou de xeito explícito a súa independencia plena da República do Congo ou rexeitou a soberanía congolesa.

O líder e principal defensor de Kasai do Sur, Albert Kalonji, que representara unha facción do movemento nacionalista (o Mouvement National Congolais-Kalonji ou MNC-K) antes da descolonización, explotou as tensións étnicas entre o seu propio grupo étnico, os baluba, e os bena lulla para crear un estado creado nos luba no corazón tradicional do grupo nas partes sur orientais da rexión de Kasai. Cando estalou a violencia sectaria ao longo do país, o estado declarou a súa secesión do Congo o 9 de agosto de 1960 e o seu goberno, e pediu aos baluba que vivían no resto do Congo que regresaran á súa "patria". Kalonji foi nomeado presidente.O estado, apoiado por potencias estranxeiras, particularmente Bélxica, e financiado polas exportacións de diamantes, xestionou numerosas crises, incluídas as causadas pola gran migración de refuxiados luba, mais tornouse cada vez máis militarista e represivo.

Pouco despois da súa secesión, as tropas de Kasai do Sur e as congolesas enfrontáronse logo de que o goberno central congolés ordenara a unha ofensiva contra a rexión. A campaña resultante, planeada como o primeiro acto dunha acción máis longa contra Katanga, estivo acompañada de masacres xeneralizadas de baluba e unha crise de refuxiados que algúns contemporáneos cualificaron como xenocidio. O estado foi invadido axiña polas tropas congolesas.

Adoita considerarse que o final da secesión de Kasai do Sur foi en decembro de 1961, a data do arresto de Kalonji, ou outubro de 1962 co golpe de estado contra Kalonji e a chegada definitiva das tropas gobernamentais.

Culturas e pobos

editar

O pobo nama, ou namaqua, (nàmáqua quere deicir "xente nama") son un grupo étnico, o máis numeroso entre a familia lingüística dos khoe. Constitúen unha poboación de pastores que viven no sur de África, principalmente en Namibia, tamén en Suráfrica e, menor medida, en Botswana.

Ao igual que os san, son de corpulencia pequena, e dun ton de pel relativamente claro en comparación co doutras etnias africanas.

A lingua propia falada por esta etnia é o nama, ou khoekhoe, oficialmente chamado khoekhoegowab nos países onde existe), do grupo khoisan falado polos san e os damaras, coñecido tamén como hotentote.

Esta designación foi cuñada no tempo colonial, nunha tentativa dos colonos holandeses de imitar os sons da lingua nama.

É unha linguaxe caracterizada polo abundante uso de chasquidos, e sen ningunha relación con calquera outra lingua africana.

Na actualidade a maioría dos nama fala o afrikaans e/ou o inglés.

Categorías
Imaxe destacada

editar

As pirámides de Gizeh son consideradas un dos maiores logros arquitectónicos de todos os tempos e son a única das ssete marabillas do mundo antigo que chegou aos nosos días.
Vexa o artigo Imperio Antigo de Exipto.


Biografía destacada

editar

Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e finado en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xhosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado. Mandela converteuse nun home de estado e centrouse en combater a pobreza e a SIDA por medio da súa fundación ata a súa morte no ano 2013 por mor dunha infección respiratoria.

Mandela foi unha figura controvertida durante gran parte da súa vida. Mentres que os críticos da dereita política denunciárono por terrorista comunista, a esquerda radical considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social. Recibiu máis de 250 distincións, incluíndo o premio Nobel da Paz, e pasou a ser unha personalidade de culto. Obtivo un profundo respecto no seu país, onde adoita ser chamado polo seu nome de clan xhosa Madiba, sendo descrito en ocasións como o "Pai da Nación".

Biodiversidade

editar

A xirafa (Giraffa) é un xénero de mamíferos artiodáctilos propio de África, o animal terrestre vivo máis alto e o maior ruminante. O xénero comprende varias especies, incluíndo a Giraffa camelopardalis que é a especie tipo. Sete destas especies están extintas. O xénero considerábase unha soa especie con numerosas subespecies, pero tras investigacións do seu ADN pasou a facerse unha clasificación de catro especies dentro do xénero Giraffa: Giraffa giraffa (xirafa do sur), Giraffa tippelskirchi (xirafa masai), Giraffa reticulata (xirafa reticulada) e Giraffa camelopardalis (xirafa do norte). As características principais deste xénero son o seu longo pescozo e patas, dúas protuberancias na cabeza e as marcas distintivas na pelaxe, e cada unha das catro especies distínguese segundo os padróns destas marcas ademais de pola súa xenética. O xénero clasifícase dentro da familia Giraffidae xunto ao seu parente máis próximo, o ocapi.

A área de distribución da xirafa esténdese dende o Chad ao norte ata Suráfrica no sur, e desde o Níxer no oeste ata Somalia no leste, e comprende hábitats de sabanas, sabanas arboradas e bosques abertos. A súa fonte primaria de comida son as follas de acacia, árbores que crecen ata alturas ás que a maioría dos outros herbívoros non poden chegar. O principal predador da xirafa é o león, aínda que as crías son tamén cazadas por leopardos, hienas e licaóns. Os espécimes adultos non posúen lazos sociais fortes, malia que poden asociarse en conxuntos dispersos cando se atopan mentres se desprazan nunha mesma dirección. Os machos establecen unha xerarquía social pelexándose entre eles usando o pescozo como arma, na que os machos dominantes son os que teñen acceso ás femias, que son as que se encargan de coidar das crías.

A xirafa foi un animal destacado para varias culturas antigas e modernas pola súa particular aparencia, e é habitual a súa aparición en pinturas, libros e debuxos. Está clasificada pola IUCN como vulnerable, xa que a súa área de distribución orixinal se foi reducindo considerablemente dende os primeiros estudos da especie, e algunhas das subespecies foron clasificadas pola IUCN como ameazadas en perigo de extinción. Segundo a IUCN o número de individuos desta especie reduciuse entre un 36% e un 40% dende o ano 1985 ata chegar a uns 95 700 individuos vivos en liberdade na natureza no ano 2015.

Sabías que...?


Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario