Porl Thompson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Porl Thompson
Nome completoPaul Stephen Thompson
Data nacemento8 de novembro de 1957 (66 anos)
Nado enWimbledon, Inglaterra Inglaterra
Ocupaciónguitarrista e compositor de cancións
Instrumento(s)guitarra, teclados, saxofón, banjo
Relacionado conThe Cure, Page and Plant, Shelleyan Orphan, Babacar, Malice, Easy Cure, The Glove
Tempo en activo1976 - actualidade
Na rede
http://pearl-thompson.simdif.com/links.htm
IMDB: nm0860608 Musicbrainz: 2b2a7e94-fdc6-4c2e-859c-441faa4089cd Discogs: 285585 Allmusic: mn0000298582 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Porl Thompson, tamén coñecido como Pearl Thompson, nado como Paul Stephen Thompson en Wimbledon o 8 de novembro de 1957, é un músico inglés coñecido polo seu traballo coa banda de rock alternativo The Cure.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Thompson é o máis vello de catro irmáns. Porl casou con Janet Smith, a irmá máis nova do seu compañeiro de The Cure Robert Smith, e xuntos tiveron tres fillos e unha filla.

Thompson foi parte da formación orixinal de The Cure, na que tamén estaban Robert Smith, Michael Dempsey e Lol Tolhurst, cando a banda se creou en 1977. Porén, abandonou o grupo cando editaron o seu álbum de estrea, Three Imaginary Boys, xa que o seu estilo coa guitarra era contrario ás preferencias compositivas de Smith. Volvería a unirse en 1983 tocando o saxofón e axudando na gravación do álbum The Top. Durante a súa xira Thompson tocou os teclados, ademais da guitarra e o saxofón.

Thompson gravou en catro álbums de estudio máis (The Head on the Door, Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me, Disintegration e Wish) e en catro ao vivo (Concert, Entreat, Paris e Show), así coma nos vídeos The Cure in Orange, Picture Show e Festival 2005. Tamén aparece no álbum de remesturas Mixed Up e na reedición deluxe de Three Imaginary Boys.

Thompson deixou The Cure en 1994 para tocar con Jimmy Page e Robert Plant, de Led Zeppelin, durante a súa xira de 1995. Tamén tocou con Babacar, a banda formada por Boris Williams despois de saír de The Cure, e posteriormente fundou un proxecto en solitario chamado Quietly Torn. Thompson traballou con Plant novamente cando seu uniu ao seu grupo para a edición do álbum Dreamland no 2002.

Oficialmente regresou a The Cure por terceira vez en xuño do 2005 e gravou o DVD ao vivo The Cure: Festival 2005 e o álbum 4:13 Dream. Thompson tamén xirou con The Cure na súa xira dos anos 2007-2008.

No 2007 Schecter Guitars lanzou un modelo Porl Thompson Signature con debuxos do artista británico Kev Grey.

Thompson e o deseñador Andy Vella son os co-fundadores de Parched Art, que realizou bastantes dos deseños aparecidos nos libretos de The Cure, moitos deles pintados ou debuxados por Thompson.

En 2010, Thompson deixou The Cure por razóns pouco claras, e en 2012 vendeu en poxa tódalas súas pertenzas relacionadas co grupo, mesmo as guitarras, mudando o seu nome artístico a Pearl[1] e anunciou novos proxectos artísticos e musicais, sempre lonxe da banda de Robert Smith. No sucesivo, nas aparicións públicas de Thompson desde o 2013, fíxose evidente un cambio de xénero no aspecto do músico[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En maio de 2012 o blog especializado en The Cure "Chain of Flowers", informou dunha conversa con Porl na que anunciaba o cambio (Chain of Flowers).
  2. Por exemplo, no acto benéfico "108 Rock Star Guitars Benefit in NYC", que se celebrou en outubro do 2013.