Popiół i diament é un filme polaco de 1958 dirixido por Andrzej Wajda, baseado na novela homónima de 1948 do escritor polaco Jerzy Andrzejewski. Foi a terceira e última parte da "triloxía da guerra" de Wajda, tras Pokolenie (1954) e Kanał (1956). O título (que se podería traducir como "Cinsas e diamantes") vén dun poema do século XIX de Cyprian Norwid e fai referencia ao xeito en que se forman os diamantes baixo a calor e a presión exercida polo carbón.
Nunha pequena cidade polaca sen nome, o 8 de maio de 1945, o día que se rendeu oficialmente Alemaña, Maciek (Zbigniew Cybulski) e Andrzej (Adam Pawlikowski) son dous antigos soldados da Armia Krajowa, o Exército Nacional, agora soldados malditos, que teñen a misión de asasinar o comisario comunista Szczuka (Wacław Zastrzeżyński), mais fallan na súa primeira tentativa e asasinan por erro dous traballadores civís da fábrica de cemento. Danlles unha segunda oportunidade no principal hotel da cidade e sala de banquetes, Monopol.
Mentres, na sala estase organizando unha gran festa polo nomeamento dun ministro menor (e actual alcalde da cidade), por parte do seu asistente, Drewnowski (Bogumił Kobiela). Drewnowski é, de feito, un axente dobre, presente na primeira tentativa para matar a Szczuka. Maciek consegue unha habitación contigua ao seu obxectivo, tras engaiolar o recepcionista, falando de Varsovia, cidade natal de ambos. Con isto, os seus ideais e conviccións son postos a proba ante a esperanza dun futuro mellor.
O protagonista, Maciek, ten que levar lentes de sol todo o tempo, dende que estivo no Levantamento de Varsovia, que tivo lugar entre 1 de agosto e o 2 de outubro (63 días en total), e onde os insurxentes utilizaron os sumidoiros para moverse entre os barrios da parte central de Varsovia. A participación de Maciek na sublevación podería explicar a súa aversión aos soviéticos, cuxo Exército Vermello parado no lado leste do río Vístula non avanzou para axudar os insurxentes. Falando co porteiro, menciona Varsovia como un bonito recordo, evidentemente referíndose á destrución case total de Varsovia polos alemáns despois do fracaso da sublevación.
Popiół i diament está considerado polos críticos como unha das grandes obras mestras do cine polaco e o mellor filme realista polaco.[1]Martin Scorsese citou o filme como un dos seus 12 favoritos.[2] Nunha enquisa realizada a críticos pola revista The Village Voice, foi seleccionado como o 86º mellor filme de todos os tempos.[3]Richard Peña, no libro 1001 Movies You Must See Before You Die considera o final da película como un dos finais máis poderosos e máis veces citados da historia do cine.[4] A revista Empire colocouna no posto 38 da súa lista das cen mellores películas do mundo.[5]