Ponte basculante
Unha ponte basculante (a miúdo identificada coa ponte levadiza) é unha ponte móbil cun contrapeso que continuamente balancea sobre a súa luz unha ou dúas "follas", a través dunha oscilación ascendente, para proporcionar folgura para o tráfico naval. Pode ser simple ou de dobre folla. O van central ou luz adoita a ser máis curto que o que salvan outros tipos de pontes, e o material no que están construídos adoita ser o aceiro, polo que toda ou parte da estrutura está prefabricada.
O nome provén do termo de orixe francesa báscula (bascule), obxecto que emprega o mesmo principio. As pontes basculantes son o tipo de pontes movibles máis comúns debido á súa rápida apertura e á que requiren relativamente pouca enerxía para operar, mentres proporcionan ata unha apertura vertical case completa para o tráfico marítimo.
Estas pontes son máis complicadas de construír que as fixas e teñen orzamentos máis elevados, construíndose nos pasos de embarcacións para que os barcos pasen por debaixo deles. Empréganse para o paso de peóns, automóbiles, camións e ferrocarrís de todo tipo.
Historia
[editar | editar a fonte]As pontes basculantes comezaron a usarse en tempos antigos. As súas devanceiras son as pontes levadizas, aínda que estruturalmente tamén ten relación coas pontes en ménsula e en viga. Porén, non foi ata a xeneralización da máquina de vapor na década de 1850 cando as follas máis pesadas puideron moverse con suficiente rapidez para a súa aplicación práctica.
Tipoloxía
[editar | editar a fonte]Hai tres tipos de pontes basculantes polo seu deseño[1], e os contrapesos necesarios para mover a folla basculante poden situarse por enriba ou por baixo da cuberta da ponte.
O sistema de pivote-fixo (como o coñecido como báscula Chicago) rota ao redor dun longo eixe que eleva a folla. O nome de báscula Chicago deriva do lugar onde é empregado con profusión, e é unha mellora feita polo enxeñeiro Joseph Strauss do pivote-fixo[2].
O sistema de balancín pivotado (como o coñecido como balancín Scherzer), que eleva a folla facéndoa rodar parcialmente sobre unha plataforma, como sucede cunha randeeira. O balancín Scherzer é unha mellora patentada polo enxeñeiro norteamericano William Scherzer.
O menos común sistema Rall combina o sistema de balancín cun movemento lonxitudinal sobre pivotes ao ser aberto[3]. Foi patentado en 1901 por Theodor Rall[2][3][4][5]. Un dos poucos exemplos que aínda existen é a Ponte de Broadway (1913), en Portland, Oregón[3][6].
As pontes basculantes están relacionadas con outro tipo de pontes movibles, como as pontes ascendentes (ou pontes de elevación vertical) ou coas pontes xiratorias.
Ponte do Porto de Barcelona
[editar | editar a fonte]A Ponte do Porto de Barcelona (Porta d'Europa) é un exemplo típico de ponte basculante. En xuño de 2000 converteuse na maior ponte basculante de dobre folla do mundo, cun van de 109 metros. Os catro pivotes basculantes están equipados con rótulas grandes GE670 DW (cun diámetro interior de 670 mm) con recubrimento ELGOGLIDE®. Os cilindros hidráulicos de accionamento adxuntáronse á construción adxacente con xuntas libres de mantemento. Neste caso, utilizáronse rótulas de diámetro interior de 260 mm e 280 mm. Cada folla desta estrutura mide 70 metros de longo e pesa aproximadamente 2000 toneladas.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Ponte balancín de Pegasus, sobre a Canle de Caen, en Normandía (Francia)
-
Ponte balancín para o ferrocarril en Oldemburgo, Baixa Saxonia (Alemaña)
-
Ponte de celosía dunha folla con contrapeso en Seattle, Washington
-
A ponde do ferrocarril de Patagones-Viedma (Arxentina), a ponte balancín máis longa do mundo e a única con contrapeso hidráulico
-
Unha ponte basculante de dobre folla completamente aberta
-
A Ponte de Johnson Street, diseñada por Strauss, sobre o Porto de Victoria (Columbia Británica), construída en 1924
-
Ponte basculante en Montceau-les-Mines (Francia)
-
Ponte de Wabash Avenue en Chicago, Illinois, galardoada pola súa elegancia en 1930 polo Instituto Americano da Construción en Aceiro
-
A ponte basculante de pivotes de Strauss en Cherry Street, na Canle Navegable do Porto de Toronto, en Toronto (Canadá)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Lista de pontes basculantes
- Ponte movible, para ter unha lista doutros tipos de pontes movibles.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Koglin, Terry L. (2003). "4. Bascule Bridges". En John Wiley and Sons. Movable bridge engineering (en inglés). ISBN 978-0-471-41960-0. Consultado o 25-5-2009.
- ↑ 2,0 2,1 Commission on Chicago Landmarks, ed. (setembro 2006). "Landmark Designation Report: Historic Chicago Bridges" (PDF) (en inglés). pp. 12 e 15. Consultado o 21-4-2013.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Wood Wortman, Sharon; Wortman, Ed (2006). Urban Adventure Press, ed. The Portland Bridge Book (en inglés) (3ª ed.). pp. 32 e 35. ISBN 0-9787365-1-6.
- ↑ Oficina de Patentes e Marcas dos Estados Unidos de América (citado online por Google Patents), ed. (1901). "Patent number 669348: T. Rall movable bridge" (en inglés). Consultado o 21-4-2013.
- ↑ Condado de Multnomah, Oregón, ed. (2015). "Rall-type Bascule Bridge". multco.us (en inglés).
- ↑ Historic American Engineering Record. Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, ed. "Broadway Bridge, Spanning Willamette River at Broadway Street, Portland, Multnomah County, OR" (en inglés). Consultado o 21-4-2013.