Ponte... nas ondas!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Celebración do Congreso Pontes de cultura, pontes de futuro.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! é unha experiencia educativa de comunicación, nacida en 1995, na que participan centros educativos de primaria, secundaria e da Universidade de Galiza e do norte de Portugal, coa participación doutros de países americanos como o Brasil, Chile, Colombia, Cuba e Arxentina. A experiencia integra a educación, o patrimonio cultural galego-portugués, as TICs e os medios de comunicación, especialmente a radio. Inicialmente a actividade principal foi unha xornada de programación radiofónica elaborada polo propio alumnado en directo e con formatos variados (concursos, música, entrevistas etc), mais co tempo fóronse engadindo novos proxectos de colaboración cultural. As linguas habituais son o galego e o portugués, mais nos últimos anos tamén o é o castelán ao se incorporaren centros educativos de fala hispana.

Santiago Veloso, presidente da asociación.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O colectivo tamén comezou en 2002 unha campaña de investigación de tradicións orais galego-portuguesas (tradicións orais, costumes, música, baile, festas, medicina tradicional...) para o promocionar o patrimonio común galego-portugués e presentou en 2004 ante a UNESCO a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas, a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países. Desde o ano 2005, Ponte...nas ondas! vén solicitando a inscrición deste patrimonio na Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Co colectivo colaboraron distintos grupos profesionais de música tanto de Galiza como de Portugal así como de África ou do Brasil: Treixadura, Uxía Senlle, Gaiteiros de Lisboa, Vozes da Rádio, Guadi Galego, Pancho Álvarez, Chico César, Margareth Menezes, María Solleiro...

O proxecto Meniños cantores -un traballo coral de escolas galegas e portuguesas- co patrimonio musical realizado para promover e divulgar o patrimonio común galego-portugués entre os máis novos. O resultado foi un libro-cd-dvd onde se inclúen videoclips, karaokes e dous documentais.

Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. Publícase no formato de libro-disco, en 2010, en galego e portugués, por Ponte...nas Ondas! e PAI Música, en España e Portugal.

Na Ponte é unha historia de Ponte...nas ondas! en formato de libro-disco-dvd. Unha mostra de toda a actividade da Asociación Ponte...nas ondas! ao longo de dúas décadas. O CD recolle colaboracións de artistas de Galiza, Portugal e Brasil realizadas para a experiencia de comunicación. O libro recolle artigos de persoas colaboradoras nos ámbitos da educación, o patrimonio, as TICs e a radio. O DVD contén o documental " Pontes...nas ondas" e diversos videoclips.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]