Pombo turqué
| Pombo turqué | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
O pombo turqué[1] (Columba bollii) é unha especie de ave do xénero Columba da familia Columbidae endémico das Illas Canarias. Este pombo lembra no seu nome científico ao naturalista alemán Carl Bolle, que foi o primeiro en distinguilo do pombo rabil (C. junoniae).[2] É un pombo endémico do hábitat do bosque laurisilva canario.
Descrición
[editar | editar a fonte]É maior que a pomba dos penedos, e ten unha lonxitude de 36-38 cm. A medio metro de distancia pode parecer moi semellante a un pombo torcaz moi escuro. A súa plumaxe é de cor gris escura, en lugar de marrón, e as bandas escuras sobre a cola gris distíngueno doutro pombo endémico das Canarias, o pombo rabil. É basicamente unha ave gris escura, cun peito rosado. Carece de marcas brancas, o cal, xunto coa súa plumaxe máis escura, o distingue doutras especies.
Ten bico vermello, máis intenso na punta. A cabeza é relativamente grande, gris lousa, e nos machos coas partes laterais e posteriores do pescozo azuladas ou verdosas metálicas. Os ollos son redondeados, de amarelos a alaranxados con pupila negra e lixeiramente enmarcados por un anel ocular delgado de cor carne. O dorso e ás son de cor amarronada, e nos machos adultos a zona dos ombreiros é azul metálica. As plumas rémixes primarias e secundarias son de cor marrón anegrada. O peito, de cor gris escura, está manchado de púrpura nos machos. O ventre é gris claro pastel. As femias, menos rechamantes, non teñen reflexos e tons metálicos, e mesmo as súas cores son máis "grises" e apagadas.
Só é probable confundilo co pombo rabil de cola branca ou con algún pombo feral escuro. A súa vocalización é un arrolo gutural triste. Ten un voo rápido, realizado con batidos regulares, con algún batido brusco ocasional das ás, característico dos pombos en xeral. Engala cun forte ruído ao bater as ás.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]A reprodución ocorre nas árbores especialmente en febreiro-xuño. O niño, algo máis elaborado que o doutros pombos, constrúese sobre as pólas superiores dunha árbore, con cachos de paus e ramiñas, formando unha plataforma clásica, que adoita forrarse cuns poucos musgos e liques. Poñen un ou dous ovos brancos. O ovo fai eclosión despois dunha incubación compartida de dezaoito días. Son fruxívoros e comen drupas ou froitas de Laurus azorica, Persea indica, así como Ocotea foetens e froita de Myrica faya, pero poden comer tamén diversas landras doces, abelás, outras noces e bagas.
Distribución e poboación
[editar | editar a fonte]É un reprodutor residente das zonas de bosque laurisilva das montañas. Vive nas Illas Canarias en Tenerife (especialmente en Anaga e Teno), La Palma (nunha área restrinxida do noroeste), La Gomera (no Parque Nacional de Garajonay e algúns exemplares fóra do parque), e El Hierro (onde vive en El Golfo e Sabinosa). Anteriormente pode que vivise tamén na illa de Gran Canaria, xa que se atoparon ósos similares aos seus e houbo un posible avistamento a finais do século XIX. Era común no pasado, mais foi desaparecendo de moitas áreas debido á corta da laurisilva nas illas. Máis recentemente a velocidade de desaparición da laurisilva fíxose máis lenta ou parou. A poboación estimábase en 1.160-1.315 exemplares en 1980, 6.000 en 2001, e de 5.000 a 20.000 en 2007 segundo a SEO Sociedad Española de Ornitología, BirdLife de España. Non está claro se estas cifras revelan un verdadeiro incremento da poboación, pero a área de territorio ocupado parece que se está ampliando e, malia varias ameazas potenciais, a poboación é polo menos estable, ou probablemente en crecemento.
Vive en zonas montañosas cubertas de laurisilva, especialmente en "barrancos"; tamén en matos de Myrica faya e Erica arborea, e ás veces en áreas bastante abertas, por exemplo, en campos de cultivo. Pasa a parte máis quente do día á sombra espesa. Aliméntase principalmente de froitas pero come tamén grans e por veces gromos, follas ou brotes. Xúntase en grandes concentracións nas árbores froiteirass, arrancando bagas das árbores pero tamén comendo no chan. Fai algúns desprazamentos altitudinais para aproveitar os cereais maduros e froitas que crecen a baixa altura a final do verán.
Houbo declives de poboación históricos moi ameazadores debido á intensa explotación da laurisilva. A perda de masa forestal é agora máis lenta, aínda que a fragmentación do hábitat continúa nalgunhas áreas onde os bosques son explotados para facer postes e mangos de ferramentas. Ocorren algúns poucos casos de caza ilegal nas zonas onde van beber. Como é unha especie que nidifica nas árbores, a predación por animais introducidos, incluíndo mamíferos como as ratas é de menos importancia que no caso do pombo rabil, pero é unha potencial ameaza cuxo impacto non foi totalmente avaliado. A presión sobre o hábitat que fan as ovellas ao pastaren está orixinando unha degradación deste en La Gomera e El Hierro. Os incendios forestais tamén son unha ameaza moderada para o seu hábitat. As actividades recreativas cáusanlle algunhas molestias na estación reprodutora. A espcie está potencialmente ameazada polos gromos de enfermidade de Newcastle e tuberculose.
O seu hábitat natural é o bosque de laurisilva alto ou os matos densos de Erica arborea, que están cubertos de nubes gran parte do ano.[3] O bosque consiste principalmente de loureiro dos Azores (Laurus azorica),[4] Ocotea foetens, Persea indica, Apollonias barbujana, Myrica faya, Clethra arborea e Picconia excelsa. Estas especies son moi móbiles entre diferentes áreas e en diferentes momentos do ano.
Era moi abundante cado as illas foron colonizadas polos humanos por primeira vez, pero fixéronse raras debido ao exceso de caza e perda de hábitat. As perdas nas illas debéronse principalmente a deforestación para obter madeira e crear terreos agrícolas e de pasto.
A exclusión do gando dos bosques nativos permite que se rexeneren e creen un hábitat máis axeitado. Continúa habendo algúns casos de caza ilegal e envelenamentos debido ao dano que este pombo pode facer ás colleitas. Quizais o principal factor limitante da velocidade con que este pombo aumenta en número é a perda de ovos e crías por causa das ratas negras intoducidas. Agora está clasificada como en situación Pouco preocupante na Lista Vermella da IUCN, unha mellora respecto do status de especie ameazada que tiña en 1988.[5] Esta especie está protexida pola Directiva de Aves da Unión Europea, e a laurisilva tamén o está pola Directiva de Hábitats.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]O xénero Columba é o máis grande da familia dos pombos, Columbidae, e o que ten a distribución máis ampla. Os seus membros son normalmente grises claros ou marróns, a miúdo con cabeza branca ou marcas no pescozo ou manchas púrpuras e verdes iridescentes no pescozo e peito. As plumas do pescozo poden ser rixidas e aliñadas para formar canles. Un dos varios subgrupos dentro de Columba consta da moi espallada Columba palmbus eurasiática, o pombo turqué, a Columba trocaz e a Columba unicincta africana. Os dous pombos endémicos da Macaronesia, son o pombo turqué e Columba torcaz, que se cre derivan de poboacións illadas insulares de C. palumbus.[6]
Os arquipélagos atlánticos das Canarias, os Azores, e a Madeira teñen orixe volcánica e nunca formaron parte dun continente. A formación da illa da Madeira empezou no Mioceno e a illa estaba substancialmente completa hai 700.000 anos.[7] En varios momentos do pasado, as illas principais deses arquipélagos foron colonizadas por pombos torcaces (C. palumbus) ancestrais, que evolucionaron nas súas respectivas illas afastados das poboacións do continente. As secuencias de ADN mitocondrial e nuclear suxiren que o devanceiro do pombo turqué puido chegar ás Canarias hai uns 5 millóns de anos, pero unha liñaxe máis antiga que deu lugar a outro endemismo canario, o pombo rabil, C. junoniae, pode datar de hai 20 millóns de anos.[8] A chegada máis recente de C. palumbus ás illas da Macaronesia foi a que deu lugar á subespecie C. palumbus maderensis.
A C. trocaz foi descrita formalmente en 1829 por Karl Heineken, que recoñeceu que era diferente das formas locais agora extintas do Columba palumbus maderensis unha subespecie de C. palumbus. Esta é unha especie monotípica, aínda que no pasado o pombo turqué canario foi ás veces considerado como subespecie do C. trocaz.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Grouw, Hein van; Dekkers, Wim & Jansen, Justin (2024). Why Bolle’s Laurel Pigeon Columba bollii is not named Wagler’s Laurel Pigeon Columba lamprauchen. Bulletin of the British Ornithologists’ Club (Londres), 144 (2), 109-120.
- ↑ Snow (1998) p. 848.
- ↑ Hartert, E (1912–21). Die Vögel der paläarktischen Fauna. Volume 2 (en alemán). Berlin: H. Friedlander & Sohn. p. 1480.
- ↑ BirdLife International (2016). "Columba bollii". p. e.T22690117A86082635. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22690117A86082635.en. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ Gibbs (2000) p. 175.
- ↑ "Madeira". Global Volcanism Program. Smithsonian Institution. Consultado o 20 de xullo de 2010
- ↑ Gonzalez, Javier; Castro, Guillermo Delgado; Garcia-del-Rey, Eduardo; Berger, Carola; Wink, Michael (2009). "Use of mitochondrial and nuclear genes to infer the origin of two endemic pigeons from the Canary Islands". Journal of Ornithology 150 (2): 357–367. doi:10.1007/s10336-008-0360-4.
- ↑ Martin, A (1985). "Première observation du pigeon Trocaz (Columba trocaz bollii) à l'Ile de Hierro (Iles Canaries)". Alauda (en francés) 53 (2): 137–140.
