Polbo Paul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paul o polbo, no tanque do acuario de Oberhausen.

O polbo Paul, nado en 2008 e falecido o 26 de outubro de 2010,[1] foi un octópodo empregado como oráculo para predicir os resultados da selección alemá de fútbol en competicións internacionais, concretamente na Eurocopa 2008 e no Mundial de Fútbol 2010. Debido á notable transcendencia mediática deste cefalópodo xurdiron en certos países algúns nomes cos que se denomina e que fan referencia ás súas supostas facultades divinatorias; así en alemán coñéceselle como das Krakenorakel e en inglés como the psychic octopus, expresións que en lingua galega significan «polbo oráculo» e «polbo psíquico», respectivamente.

A pesar de nacer no Sea Life Center de Weymouth, unha vila do sur de Inglaterra, viviu nas instalacións do Sea Life Centre en Oberhausen, Alemaña. O seu nome foi tomado do título dun poema do escritor alemán de literatura infantil Boy Lornsen, titulado «Der Tintenfisch Paul Oktopus» (A lura Paul, o polbo). Segundo o director de Sea Life, Paul demostrou pronto intelixencia, e afirmou que a súa peculiar forma de mirar aos visitantes levoulles a tentar comprobar o seu talento.

Método de predición[editar | editar a fonte]

Paul escollendo ao vencedor das semifinais do Mundial 2010 entre Alemaña e España

Antes de cada partido internacional da selección alemá, a Paul presentáronselle dous colectores idénticos con comida: un deles estaba marcado coa bandeira de Alemaña e o outro coa bandeira do equipo opoñente. A elección de Paul interpretábase co equipo que logrará a vitoria. Desta forma, Paul escolleu correctamente catro do seis partidos que xogou Alemaña na Eurocopa 2008 e nos primeiros seis partidos na Copa Mundial de Fútbol de 2010.[2] Tamén predixo que España vencería a Alemaña na semifinal e acertou,[3] ademais de acertar tamén o triunfo de Alemaña sobre Uruguai no encontro pola terceira praza e o de España sobre Países Baixos na final do campionato, polo que Paul fixo pleno nas súas predicións da Copa do Mundo de 2010.[4] Debido a isto, recibiu, a modo de broma, unha réplica do trofeo da Copa Mundial de Fútbol.[5]

Nalgúns medios difundiuse que Paul escollera o colector correspondente ao equipo visitante en todos os casos.[6] Con todo, para os partidos de Alemaña fronte a Australia e Inglaterra no Mundial 2010, Paul escolleu a Alemaña como gañador, exercendo esta selección como local.

Controversias[editar | editar a fonte]

Con todo iso, son varios os que opinan que as predicións realizadas por Paul son consecuencia do azar ou da casualidade. De feito, persoas entendidas no tema consideran que o polbo podería estar influenciado polos seus coidadores de tal maneira que acertase os partidos en función do que estes ditaminasen, pois seres vivos destas características poden ser facilmente manipulables por medio do estado da comida (en este caso bivalvos) aínda que cabe destacar que a capacidade preditiva dos coidadores de ningunha maneira podería cualificarse de infalible.[7]

A estas teorías mencionadas súmaselle a opinión dada por un experto do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo, quen estima que o polbo, aínda que non pode distinguir as cores como o resto dos seus conxéneres, podería sentirse atraído polo gran contraste que manifesta a bandeira española, pois a pesar de que non posúe facultades para discernir cores, si que pode distinguir tons e formas. Tamén engade que é probable que o actual polbo Paul non sexa o mesmo que o de hai dous anos, encargado da predición dos partidos da Eurocopa, pois por aquel entón o cefalópodo xa era un ser adulto, e esta clase de animais non adoitan ter unha esperanza de vida superior aos dous ou tres anos.[8]

Fenómeno mediático[editar | editar a fonte]

Equipos de prensa gravando unha das predicións de Paul durante a Copa Mundial de Fútbol de 2010.

Durante a disputa da Copa Mundial de Fútbol de Suráfrica, a popularidade de Paul alcanzou niveis extraordinarios, chegando a ser cómicamente considerado pola prensa "a estrela do Mundial". O seu alcance chegou mesmo á canle de televisión británico BBC, onde dous presentadores debateron sobre a nacionalidade do animal, e na norteamericana CNN a noticia dun dos seus veredictos foi incluída entre a información máis relevante. O seu adestrador no acuario de Oberhausen sinalou á prensa que o animal se atopaba baixo constante vixilancia para que non o maten, debido ás antipatías espertadas entre afeccionados de seleccións ás que prexudicaron as súas predicións.

Pola súa banda, a prensa española fíxose eco da gran repercusión do cefalópodo nas redes sociais, asegurando que se converteu nun auténtico fenómeno mediático, O día 9 de xullo, en que vaticinou o resultado da final do campionato, varias canles de televisión españois retransmitiron en directo a súa elección. O 10 de xullo fíxose público que o termo "Polbo Paul" converteuse no cuarto máis buscado no popular buscador de Internet Yahoo!. En España foi especial a súa transcendencia: durante o campionato, foron postas á venda camisetas coa súa imaxe animando á selección de España, e á súa finalización, foi amplamente utilizado como motivo polos seguidores españois nas celebracións polo título conseguido. O fenómeno mediático protagonizado por Paul fixo que moitos medios de comunicación considerasen que superou en popularidade á mascota oficial do campionato, o leopardo Zakumi.

Lista das predicións[editar | editar a fonte]

Partidos da selección alemá[editar | editar a fonte]

Rival Competición Fase Predicción de Paul Resultado
Polonia Eurocopa 2008 Fase de grupos Alemaña 2 - 0 Si
Croacia Eurocopa 2008 Fase de grupos Alemaña 1-2 Non
Austria Eurocopa 2008 Fase de grupos Alemaña 1 - 0 Si
Portugal Eurocopa 2008 Cuartos de final Alemaña 3 - 2 Si
Turquía Eurocopa 2008 Semifinais Alemaña 3 - 2 Si
España Eurocopa 2008 Final Alemaña 0 - 1 Non
Rival Competición Fase Predicción de Paul Resultado
Australia Mundial 2010 Fase de grupos Alemaña 4 - 0 Si
Serbia Mundial 2010 Fase de grupos Serbia 0 - 1 Si
Ghana Mundial 2010 Fase de grupos Alemaña 1 - 0 Si
Inglaterra Mundial 2010 Oitavos de final Alemaña 4 - 1 Si
Arxentina Mundial 2010 Cuartos de final Alemaña 4 - 0 Si
España Mundial 2010 Semifinais España 0 - 1 Si
Uruguai Mundial 2010 Terceiro posto Alemaña 3 - 2 Si

Partidos doutras seleccións[editar | editar a fonte]

Equipos Competición Fase Predicción de Paul Resultado
Países Baixos contra España Mundial 2010 Final España 0 - 1 Si

Notas[editar | editar a fonte]