Pokémon Red e Blue

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pokémon Red e Pokémon Blue
Desenvolvedor Game Freak
Distribuidora Nintendo
Director Satoshi Tajiri
Produtor Shigeru Miyamoto
Takashi Kawaguchi
Tsunekazu Ishihara
Artista Ken Sugimori
Compositor Junichi Masuda
Lanzamento 27 de febreiro de 1996
Serie Pokémon
Xénero Xogo de rol
Modos de xogo Un xogador
Multixogador
Plataformas Game Boy (SGB)
Xogo posterior Pokémon Yellow

Pokémon Red Version e Blue Version, orixinalmente estreados no Xapón como Pocket Monsters: Red & Green (ポケットモンスター 赤・緑 Poketto Monsutā Aka Midori?), son dous videoxogos de rol desenvolvidos por Game Freak e publicados por Nintendo para a Game Boy. Son os primeiros videoxogos da serie Pokémon. Foron estreados en Xapón en 1996 como Red e Green, con Blue sendo estreado posteriormente como unha edición especial. Foron estreados como Red e Blue en Norte América, Europa e Australia durante os tres anos seguintes. Pokémon Yellow, unha edición especial, foi estreada un ano despois. Red e Green foron refeitos para a Game Boy Advance como Pokémon FireRed e LeafGreen, estreados no 2004.

O concepto que orixinou a creación de Pokémon, e por ende de Red e Blue, xurdiu da afección do deseñador Satoshi Tajiri de recolección de insectos. Co paso do tempo, pensou que os nenos debían relaxarse do estrés que sentían acotío. Decidiu que unha boa forma de distraelos era mediante os videoxogos. Debido a que a Game Boy tiña a capacidade de intercambiar información con outra consola igual, Shigeru Miyamoto opinou que debían de producirse diversos cartuchos para que, en cada un deles, houberan distintas criaturas e os xogadores puidesen intercambialas entre si. Durante o tempo do seu lanzamento, Tajiri mantívose escéptico ante o feito de que os xogos foran ben recibidos polo público, pois anteriormente cando lle presentou o proxecto a Nintendo pensou que se cadra non lle darían luz verde para comezar a desenvolver os xogos; isto foi debido a que daquela, a Game Boy tiña baixas vendas. Porén, ámbolos dous títulos aumentaron en popularidade, pois tempo despois de que foran lanzados á venda,descubriuse o Pokémon n.° 151: Mew; isto provocou moita atención arredor dos xogos, pois esta criatura non estaba contemplada no deseño orixinal.[1]

O xogador controla ó protagonista dende unha perspectiva aérea e percorre a rexión ficticia de Kanto para combater a outros adestradores de Pokémon. O obxectivo principal do xogo é converterse no campión de Kanto ó derrotar ós catro mellores adestradores Pokémon da rexión. Outro obxectivo é completar a Pokédex, una enciclopedia que se atopa dentro do xogo, mediante a captura das 151 especies Pokémon dispoñibles. Red e Blue permiten empregar o Game Link Cable para conectar dúas consolas e intercambiar Pokémon ou combater entre os xogadores. Ambos títulos son independentes un do outro, pero ambos presentan o mesmo argumento e é preciso que os xogadores intercambien entre si diferentes criaturas para poder ter as 151 especies Pokémon.

Red e Blue recibiron, en xeral, críticas positivas; eloxiouse a opción multixogador, en especial o concepto de intercambio. Ambos títulos obtiveron unha puntuación global de 89% por parte de GameRankings. Asemade atópanse nunha posición importante en diferentes listas de estilo top; o sitio web IGN realizou unha serie de artigos a tenor dos dous títulos a partir de 2003, e en todos eles figuran entre «Os 100 mellores xogos de tódolos tempos». O lanzamento de ambos xogos marcou o comezo do que se convertería nunha franquía que vendeu millóns de copias arredor de todo o mundo, polo que foron incluídos en 2009 dentro do Libro Guiness dos récords mundiais nas seccións «Mellor xogo de rol vendido para Game Boy» e «Mellor xogo vendido do xénero RPG de tódolos tempos».

Notas[editar | editar a fonte]