Os xipaias son un pobo indíxena da Amazoniabrasileira, cuxo territorio tradicional se atopa nas concas dos ríos Iriri e Curuá no estado do Pará. Historicamente hábiles navegantes e construtores de canoas, os xipaia soportaron séculos de desprazamento, violencia e traballo forzado, pero mantiveron unha identidade cultural distinta e continúan reclamando e defendendo as súas terras ancestrais.[1][2][3]
Juma Xipaia, líder do pobo xiapia e a primeira muller en ser líder da rexión do Xingú Medio.
Os xipaias menciónanse por primeira vez en relatos do século XVII, vivindo nas cabeceiras do río Xingu. A súa experiencia na construción e navegación de canoas de fondo plano (ubás) permitiulles viaxar extensamente por toda a rexión.[1] As incursións coloniais por parte dos holandeses, irlandeses, británicos e, máis tarde, portugueses levaron á fundación de postos comerciais e plantacións ao longo do Xingu, o que provocou conflitos violentos e relocalizacións forzosas. En 1750, o sacerdote xesuíta Roque Hunderfund estabeleceu a Misión de Tavaquara preto da actual Altamira, reasentando pola forza os xipaias e os grupos veciños como os kuruaya, os juruna e os arara.[1]
Ao longo dos séculos XIX e comezos do XX, os xipaias foron desprazados aínda máis polo auxe do caucho, as incursións dos mebengokre (caiapó), mundurucú e carajá, e a chegada dos caucheiros que explotaban a man de obra indíxena. As enfermidades, a violencia e as políticas de asimilación reduciron drasticamente o seu número. En 1920, só quedaban uns 30 individuos xipaias, dispersos e casados con outros grupos.[1][3]
A pesar destes desafíos, os xipaia comezaron un proceso de reunificación na década de 1970, reconstruíndo aldeas no río Iriri e recuperando territorio baixo o liderado de familias como a de Tereza Xipaya de Carvalho.[1]