Plesiomorfía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Plesiomorfia»)
O cladograma representa un carácter plesiomórfico (ancestral) ilustrado como un círculo negro, que neste caso é á súa vez simplesiomórfico, debido a que aparece en polo menos 2 grupos: A e B. O carácter ilustrado como un círculo gris é unha apomorfía, porque é derivado do antepasado, e á súa vez sinapomorfía, porque é compartido polo menos por 2 grupos: C e D. O carácter círculo branco, é unha apomorfía e, máis concretamente, unha autapomorfía, ao estar representado unicmente por un grupo: o E. Para evitar confusións, convén aclarar que A, B, C, D e E son taxons existentes e F, G, H e I son antepasados comúns.

En bioloxía sistemática e, en particular, en cladística, o termo plesiomorfía refírese ao estado ancestral ou primitivo dun carácter.

O concepto oponse ao de apomorfía, que é o estado derivado de dito carácter.

Por exemplo, o quiridio (mans e pés con cinco dedos) é a condición ancestral das extremidades dos primitivos tetrápodos e é, por tanto, unha plesiomorfía.

A partir de dita condición primitiva, xurdiron diversos estados apomórficos, como as extremidades cun só dedo dos cabalos, as aletas dos cetáceos ou a atrofia das patas nas serpentes.

As plesiomorfías non deben utilizarse para definir grupos monofiléticos (clados). O feito de compartiren un ou máis caracteres plesiomórficos non xustifica a creación de taxons.

Así, durante décadas, os animais diblásticos (cnidarios e ctenóforos) agrupáronse no filo celentéreos polo feio de posuír só dúas follas embrionarias, ectoderma e endoderma; pero considérase que esta é a condición ancestral dos primitivos eumetazoos e, non existindo ningún carácter apomórfico que reúna a cnidarios e ctenóforos, é inadecuado formar un taxon con ambos os grupos sobre esa base.

A aparición dunha terceira folla embrionaria (o mesoderma) é unha apomorfía (novidade evolutiva) e, por tanto, si se xustifica agrupar a todos os animais triblásticos (con mesodermo, ademais de ectoderma a endoderma).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo plesiomorfía está formado polos elementos do latín científico plesio- e -morfía, tirados das voces do grego antigo πλησίος plēsios, "veciño", e μορφή morphḗ, "forma".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]