Platypsyllus castoris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Platypsyllus castoris
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Staphyliniformia
Superfamilia: Staphylinoidea
Familia: Leiodidae
Subfamilia: Platypsyllinae
Xénero: Platypsyllus
Ritsema, 1869
Especie: Platypsyllus castoris
Nome binomial
Platypsyllus castoris
Ritsema, 1869[1]
Sinonimia

Platypsyllus castorinus Westwood, 1869

Platypsyllus castoris é unha especie de escaravello ectoparasito que só se encontra na súa única especie hóspede, o castor,[2][3] e é o único membro do xénero Platypsyllus. Por esta razón, na literatura recibe o nome de escaravello do castor. É un escaravello aplanado e sen ollos,[4] que lembra a unha pulga ou carracha. Adoitábase situalo nunha familia separada, pero agora está situado na familia Leiodidae, subfamilia Platypsyllinae.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten varias modificacións para axeitarse ao seu modo de vida ectoparasito. Lembra unha pulga ou piollo no seu aspecto. Mide 1,9-2,2 mm de lonxitude.[5] Non ten ás nin ollos e as súas antenas teñen forma de maza con antenómeros numerados do 3 ao 11 acurtados, compactados globularmente, e parcialmente encerrados nun antenómero con forma de pa. As larvas son tamén ectoparasitas dos castores e teñen ganchos nos tres segmentos torácicos que lles permiten pendurarse do seu hóspede.[1]

Distribución[editar | editar a fonte]

Ilustración de 1888

O escaravello existe só no hemisferio norte (holártico) e está restrinxido a áreas nas cales se encontran castores: América do Norte, norte de Europa e norte de Asia.[1]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Ademais do castor americano (Castor canadensis) e do castor de Eurasia (Castor fiber), o único outro hóspede no que se atopou algunha vez este escaravello foi unha londra de río norteamericana da especie Lontra canadensis, e isto ocorreu nunha soa ocasión, polo que non parece ser un hóspede habitual. Hipotetízase que esa londra puido coller o parasito ao entrar no refuxio do castor ou quizais matou a un castor novo, algo que as londras se cre que fan algunhas veces. Encóntrase sobre todo no pescozo e cabeza do castor. Tanto os escaravellos adultos coma as larvas aliméntanse de tecido epidérmico e tamén probablemente de secrecións da pel e líquidos que zumegan das feridas. É posible que as larvas poidan ser tamén preeiras no refuxio do castor.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Peck, S. B. (marzo-xuño de 2006). "Distribution and biology of the ectoparasitic beaver beetle Platypsyllus castoris Ritsema in North America (Coleoptera: Leiodidae: Platypsyllinae)". Insecta Mundi 20 (1–2): 85. ISSN 0749-6737. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2013. Consultado o 8 de abril de 2013. ...e Platypsyllus Ritsema 1869 cunha especie aparentemente holártica, ectoparasitos de dúas especies de Castor. 
  2. Cardé, Vincent H.; Resh, Ring T., eds. (2009). Encyclopedia of Insects (2nd ed.). Amsterdam: Elsevier/Academic Press. p. 197. ISBN 9780080920900. Os escaravellos Platypsyllus castoris da familia Leiodidae son especialistas dos castores,... 
  3. Whitaker, John O. (1996). National Audubon Society Field Guide to Mammals (Revised ed.). Nova York: Knopf. p. 568. ISBN 0-679-44631-1. Os castores son hóspedes dun único parasito que vive no exterior dos seus corpos, un escaravello altamente especializado que parasita só a castores. 
  4. Goater, Timothy M.; Goater, Cameron P.; Esch, Gerald W. (2013). Parasitism: The Diversity and Ecology of Animal Parasites (2nd ed.). Cambridge University Press. p. 325. ISBN 9780521190282. Todos os xéneros [de Coleoptera, que inclúe Platypsyllus,] non son alados nin teñen ollos ou téñenos reducidos e están marcadamente aplanados dorsoventralmente. 
  5. Beetles of Eastern North America. Arthur V. Evans. 2014. Princeton University Press.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]