Planum Boreum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Planum Boreum
Mosaico do polo norte de Marte, feito con varias imaxes tomadas pola sonda Viking.
Tipo de accidente xeolóxico Planum
Rexión de Marte
Diámetro medio 354,63 km[1]
Altitude ?
Coordenadas 87,32° N 54,96° E[1]
Procedencia do nome nome dun antigo accidente xeolóxico.[1]

Planum Boreum é unha planicie que está situada sobre o polo norte marciano, cobre case todo o polo norte ata a latitude 80º N é está centrada sobre as coordenadas 87,32° N 54,96° E[1]. Esta planicie está no medio da gran rexión de planicies a baixa altitude chamada Vastitas Borealis (a cal pertence Planum Boreum) é que cobre boa parte do hemisferio norte de Marte. A chaira ten un diámetro medio de 354,63 km, aínda que se se lle engadisen as áreas con escarpas, facturas e dunas que rodean a esta planum, o tamaño sería moito maior.[1] No ano 1999, o Telescopio Espacial Hubble detectou un ciclón preto da rexión polar, o diámetro deste ciclón era aproximadamente duns 1750 km e tiña un ollo central duns 320 km.[2]

Capa de xeo[editar | editar a fonte]

Mapa topográfico do polo sur de Marte. Fágase notar coma a chaira se eleva sobre os terreos totalmente planos de Vastitas Borealis. Preme na imaxe para obter máis información.
Imaxe en cores falsas tomada pola sonda Mars Reconnaissance Orbiter dunha das beiras de Chasma Boreale, un canon da capa de xeo polar. Os marróns claros son capas de po superficial mentres que os grises e azuis correspóndense con capas de xeo de auga e dióxido de carbono. As fracturas e fendas xeométricas indican altas concentracións de xeo de auga.

Planum Boreum é o fogar da capa de xeo permanente do polo norte marciano, a cal está composta principalmente de xeos de auga e dióxido de carbono. Contén un volume de xeo de 1,2 millóns de quilómetros cúbicos e cobre unha extensión equivalente a unha vez e media o territorio de Texas, o cal lle outorga un diámetro de 1.200 km. A capa de xeo acada un espesor máximo de 3 km.[3] Os patróns en espiral da capa de xeo semellan ter forma de dunas, de xeito semellante ás megadunas da Antártida. Os ventos catabáticos baixo a influencia da forza de Coriolis arrastran e redepositan o xeo superficial para formar estes patróns.[4][5]

A composición da capa de xeo do polo norte marciano foi estudada dende a órbita do planeta, estes estudos fixéronse no medio da primavera, despois de que se acumulase durante o inverno a capa temporal de xeo seco (xeo de dióxido de carbono). Os bordos da capa de xeo están contaminadas con po (0,15% do peso) e están compostas principalmente de xeo de auga. Canto máis se vai cara ó norte dentro da capa de xeo, a cantidade de xeo de auga comeza a decrecer e comeza a ser substituída por xeo seco, a pureza do xeo tamén se vai incrementado ó ir cara latitudes máis norteñas. Xusto sobre o polo, a capa temporal de xeo está composta case totalmente por xeo seco puro cun mínimo contido en po e só 30 partes por millón de xeo de auga.[6]

A sonda Phoenix, lanzada no 2007, chegou a Marte en maio do ano 2008 e aterrou con éxito na rexión de Vastitas Borealis. A capa de xeo de Marte foi proposta coma lugar de aterraxe para unha misión tripulada por Landis[7] e por Cockell.[8]

Accidentes xeolóxicos[editar | editar a fonte]

Imaxe da HiRISE dun cráter de impacto na capa de xeo do polo norte.

O principal accidente xeolóxico de Planum Boreum é unha gran fenda ou canón escarvado no xeo chamado Chasma Boreale. Chega a ter máis de 100 km de ancho e as súas escarpas poden ter nalgúns puntos máis de 2 km de altura.[9][10] Por facer unha comparación, o Gran Canón do Colorado chega a ter unha profundidade de 1,6 km nalgúns puntos e ten unha lonxitude de 446 km, pero só 24 km de ancho.

Planum Boreum atópase con Vastitas Borealis (a 90º E) a través dunha escarpa irregular chamada Rupes Tenuis, a cal chega a acadar alturas dun 1 km. Noutras direccións a planum interacciona coas planicies de Vastitas con toda unha serie de mensas, fendas, fracturas e sucos.

Planum Boreum está rodeada de grandes campos de dunas de area que van dende a latitude 75°N a 85°N. Algúns destes campos son Olympia Undae, Abalos Undae e Hyperboreae Undae. Olympia Undae, é con moito o máis grande, cobre dende o meridiano 100°L ó 240°L. Abalos Undae vai dende o 261°L ó 280°L e Hyperboreale Undae estendese dende o 311°L ó 341°L.[11]

Avalanchas[editar | editar a fonte]

Imaxe en cores falsas dunha avalancha en Marte.

En febreiro do ano 2008, a HiRISE da sonda Mars Reconnaissance Orbiter puido observar e fotografar unha avalancha en descenso por un cantil duns 700 m. A nube de po fino acadou os 180 metros de ancho e estendeuse máis de 190 metros dende a base do cantil. As capas vermellas de rocha son rochas ricas en xeo de auga mentres que as brancas son ricas en xeo de dióxido de carbono que se forman temporalmente. Pensase que o corremento de terras se orixinou na capa vermella máis elevada. Están planificadas máis observacións da área para determina-la composición dos cascallos da avalancha.[12][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Planetary Names: Planum, plana: Planum Boreum on Mars". Consultado o 01-05-2012. 
  2. "Colossal Cyclone Swirls near Martian North Pole". Consultado o 01-05-2012. 
  3. "Laser provides first 3-D View of Mars' North Pole". Arquivado dende o orixinal o 17-10-2006. Consultado o 01-05-2012. 
  4. Smith, Isaac B.; Holt, J. W. (2010). "Onset and migration of spiral troughs on Mars revealed by orbital radar". Nature 465 (4): 450–453. doi:10.1038/nature09049. 
  5. Space.com, ed. (26-05-2010). "Mystery Spirals on Mars Finally Explained". Consultado o 26-05-2010. 
  6. "Spatial variability and composition of the seasonal north polar cap on Mars" (PDF). Consultado o 01-11-2006. 
  7. G. Landis, Polar Landing Site for a First Mars Expedition Founding Convention of the Mars Society, August 13–16, 1998, University of Colorado in Boulder, CO
  8. Cockell, Charles (2006). Project Boreas: a station for the martian geographic north pole (en English). London: British Interplanetary Society. ISBN 978-0-9506597-9-4. OCLC 216884457. 
  9. European Space Agency (ed.). "Fly over the Chasma Boreale at Martian north pole". Consultado o 01-11-2006. 
  10. United States Geological Survey (ed.). "Geologic Map of the Northern Plains of Mars" (PDF). Consultado o 01-11-2006. 
  11. "USGS Astro: Search Planetary Nomenclature". Consultado o 01-11-2006. 
  12. Scientific American, ed. (04-03-2008). "Avalanche on Mars". Consultado o 05-03-2008. 
  13. "NASA Spacecraft Photographs Avalanches on Mars". 03-03-2008. Arquivado dende o orixinal o 06-03-2008. Consultado o 05-03-2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]