Pirri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pirri
Información persoal
Nome José Martínez Sánchez
Nacemento 11 de marzo de 1945
Lugar de nacemento Ceuta
Altura 174 centímetros
Posición centrocampista
Carreira xuvenil
Ceuta
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1963–1964 Granada 21 (12)
1964–1980 Real Madrid 417 (123)
1980–1982 Puebla 55 (18)
1982 Oaxtepec
Total 493 (153)
Selección nacional
1963 España xuvenil 1 (0)
1964 España amateur 4 (2)
1966–1978 España 41 (16)
Na rede
FIFA: 63875 UEFA: 38088 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Martínez Sánchez, máis coñecido como Pirri, nado en Ceuta o 11 de marzo de 1945, é un exfutbolista español, histórico xogador do Real Madrid.[1] Destacado centrocampista que xogaba tamén como líbero, desenvolveu case toda a súa carreira no equipo madrileño, no que militou durante 16 tempadas, sendo o décimo futbolista con máis partidos (561) e o noveno con máis goles (172) da historia do club.[1] Gañou a Copa de Europa na tempada 1965/66 e un total de 10 ligas, cifra só superada por Paco Gento.

Foi internacional coa selección española en 41 ocasións, marcando 16 goles, e participou con ela en dous Mundiais (1966 e 1978).

Doutorado en medicina, formou parte do persoal médico do Real Madrid nos anos 80 e 90,[2] pasando a ser posteriormente secretario técnico e brevemente director deportivo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Riffien, na SD Ceuta e no Club Atlético de Ceuta.[1] Aos 18 anos trasladouse a Granada para comezar os seus estudos de Medicina e ingresou no Granada CF, co que debutou na Segunda División nun partido ante o Las Palmas no que marcou un gol. A pesar de non debutar ata a xornada 8, acabou a tempada como un dos máximos goleadores do campionato, con 12 tantos.

Real Madrid[editar | editar a fonte]

No verán de 1964 incorporouse ao Real Madrid, co que debutou aos 19 anos nun partido contra o Barcelona, saíndo de titular no lugar do sancionado Ferenc Puskás.[3] Continuou como titular durante o resto da tempada e marcou o seu primeiro gol coa camiseta branca no seu cuarto partido, superando ao gardameta do Deportivo da Coruña, Benegas.

Militou no club branco durante 16 tempadas, ata 1980, destacando pola súa entrega e sacrificio. En 1968 disputou a final da Copa do Xeneralísimo afectado de febre tifoide e durante o partido fracturou unha clavícula. Con todo, mantívose no campo ata o final do partido, motivo polo que foi condecorado por Santiago Bernabéu coa Laureada, máximo galardón outorgado polo club e do que foi o primeiro receptor.[4] En 1971 disputou a final da Recopa de Europa contra o Chelsea de novo cunha fractura de clavícula.

Gañou un total de 10 ligas co Real Madrid, cifra só superada no fútbol español polo seu compañeiro Paco Gento. En 1966 marcou o único gol no partido de ida das semifinais da Copa de Europa contra o Inter de Milán de Helenio Herrera, que co empate 1-1 da volta serviu para clasificar o equipo español para a final continental. Pirri foi titular na final ante o Partizan de Belgrado no Estadio Heysel de Bruxelas, na que o Real Madrid conseguiu a súa sexta Copa de Europa.[5]

Sumou un total de 561 partidos e 172 goles co Real Madrid, sendo no momento da súa marcha o segundo futbolista con máis partidos e o cuarto máximo goleador histórico do club.

Últimos anos en México[editar | editar a fonte]

En 1980 cruzou o océano Atlántico recalando en México, onde xogou dúas tempadas no Puebla antes de poñer fin á súa carreira no Oaxtepec, tendo en ambos equipos como compañeiro a Juan Manuel Asensi.[6][7][8][9]

Selección española[editar | editar a fonte]

Foi 41 veces internacional coa selección española desde o seu debut no Mundial de 1966 ante a selección arxentina en Birmingham, partido no que marcou o seu primeiro gol.[10] Participou tamén no Mundial de 1978 e marcou un total de 16 goles internacionais durante a súa carreira.[11]

Trala retirada[editar | editar a fonte]

De volta en Madrid e tras recoñecementos e homenaxes á súa traxectoria deportiva, traballou no persoal médico do Real Madrid, xa como doutorado, durante 13 anos. En 1996 foi nomeado secretario técnico do club,[12] e no ano 2000, brevemente, director deportivo ata a chegada á presidencia de Florentino Pérez.[13] No ano 2002 foi anunciado como novo director deportivo no Córdoba CF,[14] pero acabou renunciando pouco despois.[15][16]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1969 coa actriz Sonia Bruno. O seu fillo Daniel Martínez Oyamburu, máis coñecido como Dani Pirri, foi tamén fisioterapeuta do Real Madrid.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Pirri". Real Madrid Club de Fútbol (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  2. "Sócrates, Pirri y Butragueño, otros galácticos en los estudios" (en castelán). 17 de novembro de 2014. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  3. Colino, Carmen (8 de novembro de 2014). "Hoy se cumplen cincuenta años del debut de Pirri de blanco". As (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  4. Sánchez-Flor, Ulises (18 de novembro de 2007). "Así gano Pirri la Laureada". Marca (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  5. "Real Madrid - Partizan 1966". UEFA (en inglés). Consultado o 26 de abril de 2022. 
  6. González, José Damián (24 de xullo de 1980). "El Puebla mexicano compra "la mística" de Pirri". El País (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  7. "Pirri se retira definitivamente del fútbol". El País (en castelán). 12 de agosto de 1982. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  8. Guerrero, J.L. (17 de xuño de 2018). "Pirri y otros ilustres que brillaron en el fútbol mexicano". As (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  9. "Asensi y Pirri, otra vez juntos" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 25 de agosto de 1982. p. 16. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  10. "Partidos internacionais de Pirri". BDFutbol (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 
  11. "Estatísticas FIFA de Pirri". FIFA (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de novembro de 2014. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  12. "Pirri cambia el puesto de médico por el de secretario técnico del Madrid". El País (en castelán). 26 de marzo de 1996. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  13. "Pirri acepta el puesto de director deportivo del Real Madrid que rechazó Valdano" (en castelán). 29 de decembro de 1999. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  14. "Pirri, nuevo director deportivo del Córdoba". As (en castelán). 5 de febreiro de 2002. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  15. "Pirri renuncia a ser director deportivo del Córdoba". El País (en castelán). 25 de maio de 2002. Consultado o 25 de abril de 2022. 
  16. Luque, José Juan (2 de maio de 2012). "Pirri: "Quería trasladar lo que era el Madrid de entonces al Córdoba"" (en castelán). Consultado o 25 de abril de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]