Abeto branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pinabeta»)
Abeto branco
Estado de conservación

Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Abies
Especie: A. alba
Nome binomial
Abies alba
Mill., 1768

Sinonimia
  • Abies alba subsp. apennina Brullo, Scelsi & Spampinato[2]
  • Abies alba var. pardei (Gaussen) Silba
  • Abies alba var. podolica R.I. Schröd.
  • Abies argentea Chambray
  • Abies baldensis (Zuccagni) Nyman
  • Abies chlorocarpa Purk. ex Nyman
  • Abies pardei Gaussen
  • Peuce abies (Du Roi) Rich.
  • Picea pectinata (Lam.) Loudon
  • Pinus abies var. pectinata (Lam.) H. Christ
  • Pinus baldensis Zuccagni
  • Pinus lucida Salisb.
  • Pinus pectinata Lam.

Sinónimos ambiguos:

  • Abies excelsa Link
  • Abies nobilis A. Dietr.
  • Abies pectinata (Lam.) Lam. & DC.
  • Abies picea (L.) Lindl.
  • Abies taxifolia Desf.
  • Abies vulgaris Poir.
  • Picea excelsa Wender.
  • Pinus abies Du Roi
  • Pinus abies var. leioclada Steven ex Endl.
  • Pinus heterophylla K. Koch
  • Pinus picea L.

O abeto branco, a pinabeta[3], o abeto prateado ou o abeto común (Abies alba), é unha especie arbórea da familia das pináceas, orixinaria das rexións montañosas de Europa. De porte piramidal, tamaño medio ou elevado, entre 20 e 50 metros, pode acadar os 60 metros de altura, o seu toro é dereito, desprovisto de pólas na súa parte inferior, de até 6 metros de circunferencia, con casca de cinsenta a abrancazada, lisa e con vesículas resinosas; escurécese enchéndose de fendas nos exemplares máis vellos.

En Galicia non aparece de xeito salvaxe, atopándoo só rara vez coma ornamental en arboredos e xardíns urbanos.

Características[editar | editar a fonte]

É unha árbore perennifolia, de follas lineais de 1,5 a 3 cm, planas, solitarias, non punzantes, dispostas en dúas fileiras grosas con dúas liñas abrancazadas na parte inferior (característica moi peculiar); xemas non resinosas. As súas pólas dende o chan son case horizontais. Estróbilos erectos entre 10 e 20 cm con escamas tectrices.

Os estróbilos do Abies alba son erectos
Abies alba
As follas solitarias fican dispostas en dúas fileiras grosas
As follas teñen dúas liñas abrancazadas características na face inferior
A casca das árbores vella é de cor cinsenta prateada

Floración[editar | editar a fonte]

Florea durante a primavera de abril a xuño. Os conos chegan no outono a seguir. As flores divídense en conos femininos (as piñas ou estróbilos) e en conos masculinos (onde se atopa o pole).

Hábitat[editar | editar a fonte]

Nas abas avesías das montañas, principalmente sobre os solos frescos e fondos, tanto nos ricos coma nos pobres de cal, con óptimo entre os 700 e 1800 metros de altitude, mais acadando con frecuencia os 2000 m. Cómpre dun clima húmido, con seca estival non moi acusada, prexudicándolle moito as xeadas serodias. Asóciase ás formacións de faias e tamén a algúns piñeiros de montaña coma o piñeiro rubio, ou o Pinus radiata.

Distribución[editar | editar a fonte]

No norte e centro de Europa, e nalgunhas áreas montañosas do sur do continente; na Península Ibérica desenvólvese na zona norte, especialmente nos Pireneos, atopándose as súas masas máis importantes nas provincias de Navarra, Huesca, Lleida, Barcelona e Xirona. Acada o seu límite máis meridional no Montseny e na Serra de Guara.

Non aparece nas montañas galegas por mor á escasa altitude das mesmas. Atopamos algúns exemplares illados nos arboredos e xardíns do país.

Observacións[editar | editar a fonte]

O nome científico deste abeto, alba, alude sen dúbida á cor abrancazada da súa casca rica en taninos.

Considérase unha especie silvícola. A madeira é branca, lene, pouco resinosa, doada de traballar, e moi empregada na construción, en ebanistaría fina, para a confección de instrumentos musicais coma órganos e na fabricación de papel. A casca é rica en taninos.

A trementina, que se obtén de vexigas corticais, é un líquido de cheiro resinoso e sabor algo agre, que os romanos chamaron lacryma abietis e que gozou de gran sona coma balsámico e vulnerario. Sen tratar coñécese co nome de resina e utilízase para calafetar as naves.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Baseamento da folla non decorrente (pegada limpa ao arrincarmos a folla, eixos das poliñas dondos), inserción do pecíolo circular (e que non sobresae da superficie da poliña, liso). Follas normalmente escotadas no ápice, de sección aplanada, longas, verde escura. Piñas erectas de escamas caedizas e brácteas tectrices das mesmas saíntes.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Ten propiedades semellantes ás dos piñeiros. As xemas son ricas en resina, e as súas esencias principais son o limoneno e o alfa pineno. As follas presentan unha notábel cantidade de esencias, ademais de glicósidos e piceína. A casca é rica en taninos e flobaceno. A resina ademais de ser rica en trementina, ten certa cantidade de ácido abietínico.

  • Por vía interna utilízase como balsámico e pectoral xa que ten propiedades anticatarrais, antigripais e diuréticas. A infusión tómase a razón de catro cuncas diarias.
  • Por vía externa, é cicatrizante e resolutivo se se aplicar sobre feridas e tumores.
  • Por vía externa como fricción, a súa esencia de trementina actúa como remedio contra as dores reumáticas.
  • Utilízase coma desinfectante doméstico. Porén debe utilizarse con tento, xa que a esencia do abeto produce nalgunhas persoas fenómenos alérxicos.[4]
O abeto branco é unha especie moi importante na silvicultura.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Conifer Specialist Group. "Abies alba". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Sinónimos en Catalogue of life
  3. Nome preferido por Termos esenciais de Botánica da Comisión de Normalización Lingüística da Escola politécnica Superios de Lugo-Universidade de Santiago de Compostela
  4. Dr.Berdoces i Serra. Enciclopedia de Plantas Medicinales ISBN 84 305 8496-X

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]